Calendario
Info da proba

A Coruña - Torre de Hércules

26/03/2022 20:00 - 21:00
Regulamento X CARREIRA POPULAR TORRE DE HÉRCULES - TROFEO J.A. VARELA CALVIÑO
II CARREIRA E ANDAINA SOLIDARIA #IMPORTAEMOITO

Data: sábado, 28 de marzo de 2022.
Web: Coruña Corre
Inscricións: X Carreira Popular Torre de Hércules

:: Comenta a proba no foro de Carreiras Populares ::

O Concello da Coruña, a Fundación Emalcsa e a Fundación JuanSoñador colaboran na organización da X CARREIRA POPULAR TORRE DE HÉRCULES “Trofeo José Antonio Varela Calviño”, dentro do circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre 2022, onde se integra a II CARREIRA E ANDAINA SOLIDARIA #IMPORTAEMOITO, coa finalidade común de:

- Promover a participación da cidadanía nas carreiras pedestres.
- Pór en práctica a través desta carreira as políticas públicas de respecto pola igualdade de xénero en todos os ámbitos e, neste caso concreto, no ámbito deportivo.
- Manifestar que a igualdade e a loita contra a violencia de xénero é algo de todas e todos, facendo unha carreira onde poidan participar mulleres, homes, nenas e nenos.
- Contribuír ao Proxecto Teranga Igualdade a través de doazóns voluntarias. Toda a información relativa á causa solidaria, publicarase nas páxinas web www.coruna.gal/deportes e www.coruna.gal/carreiraspopulares.

As persoas participantes que non desexen competir poderán facer unha andaina saíndo posteriormente e cun percorrido semellante ao da carreira. Estas persoas levarán un dorsal solidario nunha cor distinta, o dorsal 261.

Todas as doazóns irán parar directamente á fundación JuanSoñador, a través do seu Proxecto Teranga Igualdade, que traballa para conseguir que as mulleres migrantes se empoderen e rompan o illamento, potenciando a conciencia cidadá dentro do colectivo para o exercicio dos seus dereitos e deberes.

Mediante o seu Programa Círculos de Mujeres-Malaikas desenvolve accións de acollida e información para mulleres migrantes, talleres formativos para o empoderamento onde mulleres de diferentes culturas, identidades e vivencias se reúnan para compartir as súas fortalezas, as súas debilidades e a súa sabedoría da vida e talleres lúdicos que consolidan redes e alianzas entre mulleres a través de actividades que favorecen as relacións sociais.

A Fundación Emalcsa será a responsable de emitir un certificado nominal da doazón realizada para os efectos fiscais. É imprescindible que as persoas participantes lle autoricen a cesión de datos á Fundación Emalcsa na plataforma web de inscrición no mesmo momento de realizaren o donativo, respondendo a consulta de autorización que figurará no formulario de inscrición.

As normas relativas á carreira e á andaina son obxecto deste regulamento específico.

O DORSAL 261
En 1967, Kathrine V. Switzer converteuse na primeira muller en correr un maratón cun dorsal oficial, o 261. Foi no Maratón de Boston.

Nesa época dábase por suposto que ningunha muller podía correr un maratón, de feito nin se contemplaba nos regulamentos esa posibilidade. Críase que esa distancia era demasiado longa para unha muller, que diminuía a súa feminidade e incluso a súa capacidade reprodutora.

Kathrine inscribiuse no maratón coas iniciais do seu nome e non se deron conta da súa presenza ata unha hora despois de empezar a carreira.

O director do maratón comezou a perseguila para quitarlle o dorsal e cando chegou á meta o único que recibiu foi unha descualificación por “mentir na súa inscrición”.

Ao día seguinte a súa imaxe saíu en todos os periódicos e ese foi o punto de partida para comezar a cambiar a mentalidade e as normas sobre a participación das mulleres nas carreiras de longa distancia.

A andaina solidaria Importaemoito organízase con motivo do 8 de marzo (Día Internacional das Mulleres) e en concreto para destacar a igualdade das mulleres no deporte.

Convocamos a todas e todos a loitar por esa igualdade.

REGULAMENTO ESPECÍFICO DA X CARREIRA POPULAR TORRE DE HÉRCULES E II CARREIRA SOLIDARIA #IMPORTAEMOITO

Artigo 1. Data de celebración
Sábado, 26 de marzo de 2022

Artigo 2. Inscricións e cotas
Data límite e cota de inscrición na carreira

A data límite será ata as 23:59 horas do domingo 20 de marzo de 2022.

As inscricións faranse en liña nas páxinas www.coruna.gal/carreiraspopulares ou www.corunacorre.com.

A cota de inscrición para participar na carreira será de 3€ máis 2€ polo chip refugable, coa excepción das persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove, que será de 2€ máis 1€ polo chip refugable.

As persoas participantes en calquera categoría rexistradas no circuíto deberán confirmar a súa participación inscribíndose na carreira, e utilizarán o dorsal único e chip para o circuíto. En caso de non asistir á primeira cita poderán recollelo nesta carreira. Aquelas persoas non participantes no circuíto que se inscriban puntualmente para esta carreira deberán retirar o seu dorsal nos horarios e lugares establecidos neste regulamento.

Achega solidaria
Todas as persoas (incluídas as/os participantes menores) que fagan unha doazón das cantidades establecidas na plataforma: 3€, 5€ ou superior a 5€, teñen ademais o dereito a recibir unha braga de pescozo conmemorativa #importaemoito xunto co dorsal.

Data límite e cota de inscrición no Circuíto Coruña Corre 2022
O prazo para facer a inscrición individual, equipos e familia, terminará ás 23:59 h. do domingo 1 de maio data na que finaliza o prazo de inscrición para a 3ª carreira do Circuíto, a XIV Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma

Artigo 3. Horarios de saída e distancia
CATEGORÍA ANO DE NACEMENTO HORA DISTANCIA

Nadas/os no ano 2015 e posteriores. Menores de 8 anos.
PEQUES*
17:00 150 m aprox.

Nadas/os no ano 2013 e 2014. Fan durante o ano 8 e 9 anos
SUB 10 FEMININO* 17:15 800 m aprox.
SUB 10 MASCULINO* 17:25 800 m aprox.

Nadas/os no ano 2011 e 2012. Fan durante o ano 10 e 11 anos.
SUB 12 FEMININO* 17:35 800 m aprox.
SUB 12 MASCULINO* 17:45 800 m aprox.

Nadas/os no ano 2009 e 200810. Fan durante o ano 12 e 13 anos
SUB 14 FEMENINO 17:55 1.600 m aprox.
SUB 14 MASCULINO 18:05 1.600 m aprox.

Madas/os no ano 2007 e 2008- Fan durante o ano 14 e 15 anos
SUB 16 18.15 2.400 m aprox.

Nadas/os no ano 2005 e 2006. Fan durante o ano 16 e 17 anos
SUB 18 18:35 2.400 m aprox.

ABSOLUTA 20.00 6.625 m aprox.

*Horarios orientativos en función da participación.

Artigo 4. Lugar e recollida de dorsais
O dorsais recolleranse na aula habilitada para o efecto na Cidade Deportiva da Torre os días:
- Venres 25 de marzo, de 17:00 a 21:30 horas
- Sábado 26 de marzo, desde as 10.00 horas ata ½ hora antes do comezo de cada unha das carreiras.

As persoas participantes que realizaran a doazón poderán recoller a súa braga de pescozo conmemorativa #importaemoito xunto co dorsal.

Artigo 5. Lugar de saída e meta
- Saída: Paseo dos Menhires (zona da estatua a Breogán)
- Meta: Torre de Hércules

Artigo 6. Peche de control da carreira absoluta
Ás 21:00 horas

Artigo 7. Servizo de duchas e vestiario
Na Cidade Deportiva da Torre. O servizo de duchas será só para as persoas participantes na categoría absoluta e estará dispoñible a partir das 19:30 h.

Artigo 8. Servizo de gardarroupa
No frontón da Cidade Deportiva da Torre, en horario de 19:00 a 21:55 h

Artigo 9. Uso e devolución do chip
a) O chip ha de ir correctamente atado nos cordóns das zapatillas deportivas ou cunha nocelleira á altura do nocello, ou pegado ao dorsal segundo o tipo de chip que utilice a persoa corredora. Chip amarelo das/os propietarias/os (non se devolve).

b ) Chip para todo o circuíto (non se devolve ata a finalización deste).

c) Chip desbotable pegado ao dorsal, de uso exclusivo para cada unha das carreiras (non se devolve).

Artigo 10. Avituallamento na meta
Proporcionaráselles auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes en cada unha das categorías no punto de avituallamento que estará situado nun lugar visible despois da meta.

Artigo 11. Clasificacións
Poderase consultar a clasificación da carreira a través do código QR do dorsal..

Artigo 12. Horario e lugar da entrega de premios
Horario
CATEGORÍAS INFERIORES: ás 19.10 horas (categorías sub-10, sub-12, sub-14, sub16 e sub-18)

CARREIRA ABSOLUTA: ás 21.15 horas.
Entregaráselles o Trofeo Varela Calviño ás persoas vencedoras absolutas, ao primeiro home e á primeira muller da carreira absoluta.

Lugar: FRONTÓN DA CIDADE DEPORTIVA DA TORRE.

Exclusivamente poderán subir ao podio os e as atletas premiadas.

Con carácter xeral, as e os atletas que non se presenten á recollida do seu premio no momento da entrega perderán o dereito a recollelo.

Aquelas persoas que poidan alegar unha causa xustificada pola súa ausencia no momento da entrega deberán poñerse en contacto co Servizo Municipal de Deportes, onde se custodiarán os trofeos non recolleitos durante un prazo máximo de 15 días.

:: Comenta a proba no foro de Carreiras Populares ::

Información actualizada a 15/3/2022