Calendario
Ver carrera

Soutomaior

29/03/2026 11:00 - 12:00

[ Go Back ]

Descripción BASES REGULADORAS PARA A PARTICIPACIÓN NA CARREIRA POPULAR 7
K SOUTOMAIOR DO ANO 2026 ORGANIZADA POLO CONCELLO DE
SOUTOMAIOR.
1. Obxecto.
As presentes bases teñen por obxecto regular a organización e participación na
proba deportiva “7K Soutomaior”, promovida polo Concello de Soutomaior dentro
da programación da Festa da Ostra, orientada á promoción da actividade física
saudable como ferramenta de ocio activo, a posta en valor dos recursos naturais
e patrimoniais do municipio e a dinamización turístico-gastronómica do noso
concello a través dunha proba deportiva.
2. Organización.
A organización corresponde ao Concello de Soutomaior, que contará coa
colaboración doutras entidades públicas ou privadas para o correcto
desenvolvemento da actividade.
3. Acción social da carreira.
Con carácter voluntario, as persoas participantes e acompañantes poderán
colaborar con ANEDIA (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes
de Galicia) que estará presente cun posto informativo no recinto da carreira,
podendo realizar achegas nos termos que consideren oportunos.
A participación nestas actividades terá carácter voluntario e será
responsabilidade exclusiva da entidade colaboradora que as desenvolve.
4. Data, horarios e localización.
A proba desenvolverase o domingo 29 de marzo de 2026 a partires das
11:00h. Realizando un percorrido con saída no Castelo de Soutomaior e chegada
na área de lecer do peirao de Arcade.
5. Características técnicas da proba.
Enlace do percorrido: https://racemapp.com/proyecto/905-pruebas-soutomaior
Distancia aproximada: 6,85Km
Desnivel acumulado: 218,5m negativos
Altitude mínima: 0,8m
Altitude máxima: 180m
Saída: Castelo de Soutomaior
Meta: Área de lecer do Peirao.
O percorrido terá unha distancia aproximada de 6.850m. con trazado por asfalto
agás o último quilometro que descorrerá polo paseo marítimo peonil. Estará
cortado ao tráfico, debidamente sinalizado e balizado, especialmente nos puntos
de posible convivencia con tráfico rodado ou público e contará con supervisión
directa da organización, corpos de seguridade e do equipo de voluntariado
durante todo o desenvolvemento, garantindo o control e seguridade do trazado.
A organización poderá introducir modificacións por razóns de seguridade ou
causas de forza maior.
O desnivel negativo acumulado repercutirá no desenvolvemento dunha carreira
rápida e moi atractiva.
Estrada provincial.
Casco urbano - Camiño de Santiago.
Paseo marítimo.
* Haberá autobuses lanzadeira para trasladar aos corredores dende Arcade ata
saída da proba, no castelo de Soutomaior. Cómpre marcar a reserva do mesmo á
hora de facer a inscrición na proba.
6. Persoas participantes.
Poderán participar na categoría absoluta todas aquelas persoas que o desexen,
nacidas no ano 2011 e anteriores (categoría sub 16 en diante), que formalicen a
súa inscrición conforme ao procedemento establecido nas presentes bases.
A inscrición das persoas menores de idade deberá contar coa autorización da
persoa proxenitora ou titora legal.
Establécese un número máximo de 300 participantes, que serán admitidas por
rigorosa orden de inscrición.
Todas as persoas participantes deben reunir as condicións psicofísicas necesarias
para poder afrontar a carreira, gozar dunha boa saúde xeral e non padecer
ningunha patoloxía que poida agravarse por dita participación na proba.
7. Categorías de competición.
As categorías de competición, tanto para xénero masculino como feminino,
serán as seguintes:
Sub 16 Nados nos anos 2011 e 2012
Sub 18 Nados nos anos 2009 e 2010
Sub 20 Nados nos anos 2007 e 2008
Sénior Nados entre os anos 1988 e 2006
Máster A Nacidos entre os anos 1977 e 1987
Máster B Nados entre os anos 1976 e 1966
Máster C Nados no ano 1965 e anteriores
8. Prazo e procedemento de inscrición.
A inscrición é gratuíta e realizarase online a través da plataforma de
https://7ksoutomaior.ccnorte.com/ entre o 3 e o 25 de marzo do 2026. No
poderá inscribirse ningún atleta fóra deste prazo.
No trámite de inscrición deberá indicarse obrigatoriamente:
• A talla de camiseta (para as inscricións realizadas antes do 20 de marzo,
garantirase a tallaxe solicitada).
• A necesidade de uso do servizo de autobuses lanzadeira cara a saída.
• A comunicación de intolerancias/alerxias alimentarias.
• Consentimento paterno, materno ou da persoa titora legal no caso de
menores de idade.
9. Tempo máximo.
A hora límite de finalización do evento será as 11:50 horas. Por motivos de
seguridade, a organización poderá establecer controis de paso e puntos de peche
intermedios. Os participantes que excedan os tempos establecidos ou que sexan
alcanzados polo peche de carreira deberán abandonar o percorrido e seguir as
instrucións do persoal da organización.
10. Crédito orzamentario.
Destínase o crédito estipulado no Orzamento municipal correspondente para o
desenvolvemento destas Bases imputado á partida 340.226.09 para os premios
polo importe total de 1.650,00€.
11. Clasificación e premios.
A proba contará con cronometraxe electrónica, mediante sistema de chip, sendo
obrigatorio o seu uso, colocado correctamente no dorsal durante todo o
percorrido. As clasificacións elabóranse conforme aos tempos oficiais rexistrados
polo sistema de cronometraxe.
Estableceranse as seguintes clasificacións:
• Clasificación xeral absoluta masculina e feminina.
• Clasificación por categorías, segundo o indicado no presente
regulamento.
• Clasificación de corredores e corredoras locais, considerándose como
tales ás persoas que se atopen empadroadas no concello de Soutomaior
con anterioridade ao 31/12/2025 e manteñan esta situación o día da
carreira, circunstancia que será verificada pola organización.
Os tempos e resultados provisionais poderán consultarse ao remate da proba.
Establécese un prazo de reclamación dunha (1) hora inmediatamente posterior a
finalización da proba, debendo presentarse as reclamacións por escrito ante a
organización.
A organización constituirá o día da proba unha Comisión de valoración
deportiva encargada de resolver posibles incidencias, reclamacións ou
situacións non previstas no presente regulamento durante o desenvolvemento da
proba. As decisións adoptadas por dita comisión serán motivadas e terán
carácter definitivo.
A Comisión elevará os resultados a definitivos mediante a correspondente acta,
unha vez analizadas as reclamacións presentadas (de ser o caso) dentro do
prazo establecido.
A Comisión estará composta, como mínimo, por:
• A persoa responsable da dirección técnica da proba ou quen a substitúa.
• Un/ha representante da organización municipal.
• A persoa responsable do sistema de cronometraxe.
• Un/ha representante do voluntariado ou persoal auxiliar designado pola
organización.
Premios.
Outorgaranse os seguintes premios económicos.
• Clasificación xeral absoluta masculina e feminina. As tres e os tres
primeiros clasificados percibirán un trofeo así como os seguintes premios
económicos:
Clasificación Premio
1ª feminina 300€
1º masculino 300€
2ª feminina 200€
2º masculino 200€
3ª feminina 100€
3º masculino 100€
• As tres e os tres primeiros clasificados de cada unha das categorías
que figuran no presente regulamento percibirán un trofeo.
• As tres e os tres primeiros corredores locais, empadroados no concello
de Soutomaior percibirán os seguintes premios económicos:
Clasificación Premio
1ª feminina 100 €
1º masculino 100 €
2ª feminina 75 €
2º masculino 75 €
3ª feminina 50 €
3º masculino 50 €
Os premios económicos estarán suxeitos ás retencións fiscais que resulten de
aplicación segundo normativa vixente, sendo responsabilidade das persoas
premiadas facilitar os datos necesarios para a correcta xestión tributaria.
Tanto os premios coma os trofeos non serán acumulables, prevalecendo sempre
a categoría xeral absoluta sobre o resto de clasificacións.
Todas as persoas participantes inscritas serán agasalladas cunha camiseta
técnica oficial da proba, que se entregará xunto coa recollida do dorsal.
O acto de entrega terá lugar ao finalizar a Carreira infantil da Ostra.
12.- Forma de pago.
O procedemento de pago de premios realizarase mediante solicitude despois de
finalizada a carreira 7 K Soutomaior, presentando Instancia Xeral de xeito
presencial ou a través da sede electrónica do Concello de Soutomaior
https://soutomaior.sedelectronica.es/info. 0 Deberá presentarse, xunto coa
Instancia, a comunicación de premio (recibida no acto de entrega).
13. Normas de participación.
Co fin de garantir a seguridade, a igualdade entre participantes e o correcto
desenvolvemento do evento, todos os corredores deberán respectar as seguintes
normas durante o desenvolvemento da proba:
• O dorsal xunto co chip deberá portarse na parte frontal do corpo, en lugar
visible e sen manipulación algunha durante todo o percorrido. Non está
permitido dobralo, recortalo nin ocultalo.
• Todos os participantes deberán completar integramente o percorrido
oficial, seguindo o trazado sinalizado pola organización.
• Queda prohibido abandonar o percorrido sinalizado, tomar atallos ou
alterar o trazado previsto, excepto que así o indique algún membro da
organización.
• Os participantes deberán atender en todo momento as indicacións do
persoal de organización, voluntariado e servizos de seguridade.
• O incumprimento destas normas poderá supoñer a retirada do participante
da proba ou a súa exclusión da clasificación oficial.
14. Seguridade e asistencia sanitaria.
A proba contará cos medios de seguridade, control e asistencia sanitaria que
determine a normativa vixente.
As persoas participantes deberán atender as indicacións da organización e das
autoridades competentes.
15. Servizos as persoas participantes.
Autobuses lanzadeiras: a organización habilitará un servizo de lanzadeiras o
día 29 de marzo de 2026 desde a zona de meta, situada na Área de lecer do
Peirao de Arcade, ata a zona de saída, situada no Castelo de Soutomaior.
O servizo estará operativo nos seguintes horarios: 9:00 horas, 9:30 horas e 10:00
horas e deberá ser solicitado no momento de inscrición.
O uso da lanzadeira será gratuíto e estará destinado exclusivamente aos
participantes rexistrados na proba, quedando excluídos acompañantes ou outras
persoas non acreditadas.
Gardarroupa: a organización dispoñerá de servizo de gardarroupa na zona de
saída, situada no Castelo de Soutomaior. Recolleranse unicamente mochilas
correctamente identificadas e pechadas. As bolsas serán trasladadas e
recollidas posteriormente ata a zona de meta, na Área de lecer do Peirao de
Arcade.
Para ser depositadas deberá solicitarse xunto co dorsal o distintivo identificativo
para a mesma.
Para ser recollidas deberá achegarse o dorsal de participación.
Vestiarios: Disporase de duchas ao remate da carreira.
16. Responsabilidade.
As persoas participantes declaran reunir as condicións psicofísicas necesarias
para poder afrontar a carreira, gozar dunha boa saúde xeral e non padecer
ningunha patoloxía que poida agravarse por dita participación na proba,
eximindo á organización de responsabilidade nos termos previstos pola
lexislación aplicable.
17. Protección ambiental.
O evento desenvólvese nunha contorna natural e patrimonial, polo que se esixe
un comportamento responsable.
Queda prohibido lanzar residuos, abandonar o percorrido balizado ou realizar
condutas que prexudiquen a contorna ou ao resto de participantes.
Haberá a disposición dos atletas e dos espectadores colectores de lixo nas zonas
de saída e meta, polo que agradecemos que cando sexa preciso, depositen os
refugallos xerados neles.
O incumprimento destas normas poderá implicar a descualificación, así como a
adopción de medidas organizativas para preservar o bo desenvolvemento do
evento.
A organización comprométese á retirada íntegra da sinalización e material
empregado, minimizando o impacto ambiental e restablecendo a normalidade do
tráfico no menor tempo posible.
18. Protección de datos e dereitos de imaxe.
De acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais,
informase de que o Responsable do Tratamento é o Concello de Soutomaior, con
enderezo en rúa Alexandre Bóveda 13, 36691 Soutomaior (Pontevedra).
Os datos persoais facilitados no momento da inscrición serán tratados coa
finalidade de xestionar a participación na proba, incluíndo o control de
seguridade, cronometraxe, elaboración e publicación de resultados,
cumprimentos das obrigas legais derivadas da organización do evento (seguros,
comunicacións obrigatorias, etc) e a xestión administrativa da actividade.
Os datos poderán ser comunicados ás entidades ou provedores imprescindibles
para a prestación do servizo (plataforma de inscrición, cronometraxe,
aseguradora), non sendo cedidos a terceiros/as, agás por obriga legal.
As persoas interesadas poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación,
supresión, limitación do tratamento, oposición ou portabilidade, mediante
solicitude dirixida ao Concello , acompañada dunha copia do seu DNI. Poderán
solicitar información adicional a través do correo electrónico:
oficinas@soutomaior.gal
Os datos conservaranse durante o tempo necesario para a xestión do evento e o
cumprimento de obrigacións legais aplicables.

[ Go Back ]