Calendario
Ver carrera

Entre Castelos

19/04/2026 10:00 - 15:00

[ Go Back ]

Descripción REGULAMENTO PARA A REALIZACIÓN DO
TRAIL ENTRE CASTELOS RÍAS BAIXAS 2026
ARTIGO 1. DENOMINACIÓN, NATUREZA E FINALIDADE DO
EVENTO
O Trail Entre Castelos Rías Baixas 2026 é un evento deportivo e recreativo de trail running que
combina actividade física, natureza, patrimonio cultural e promoción turística. A proba enlaza
dous enclaves patrimoniais de referencia na provincia de Pontevedra, o Castelo de Sobroso e o
Castelo de Soutomaior, mediante percorridos que discorren por contornas naturais e rurais.
O evento desenvólvese no marco de colaboración coa Deputación de Pontevedra-Turismo Rías
Baixas, coa finalidade de impulsar o turismo deportivo sostible, contribuír á dinamización do
territorio e poñer en valor o patrimonio histórico e paisaxístico da zona a través dunha experiencia
deportiva organizada, sinalizada e supervisada.
A organización disporá dun sistema de balizamento e control do percorrido, así como dun
dispositivo operativo e sanitario consonte as necesidades do evento, co obxectivo de garantir o
desenvolvemento seguro da actividade.
ARTIGO 2. ORGANIZACIÓN
A organización do evento corresponde a Sportmadness Eventos SL, en colaboración coa
Deputación de Pontevedra. A proba ten carácter popular (non federado), sen prexuízo de que a
organización poida adoptar criterios técnicos de seguridade e control propios das probas de
montaña.
ARTIGO 3. DATA, LOCALIZACIÓN E META
O evento terá lugar o sábado 18 e o domingo 19 de abril de 2026. A meta de todas as modalidades
sitúase na contorna do Castelo de Soutomaior.
Sábado 18 de abril
Localización: Castelo de Soutomaior
• 11:00-18:00: Entrega de dorsais.
• 15:30: Presentación da Carreira Infantil ENTRE CASTELOS RÍAS BAIXAS.
• 16:30: Saída da Carreira Infantil en Soutomaior.
• 17:30: Acción de promoción: conversa cun influencer deportivo.
Domingo 19 de abril

• 09:30: Presentación oficial do Trail Entre Castelos Rías Baixas por parte do moderador
do evento.
• 10:00: Saída do Trail Entre Castelos Rías Baixas (no Castelo de Sobroso).
• 12:30: Saída da Andaina Entre Castelos Rías Baixas (no Castelo de Soutomaior).
• 15:00: Entrega de premios (no Castelo de Soutomaior).
ARTIGO 4. MODALIDADES E CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
O evento inclúe as modalidades que se indican a continuación. As distancias e os desniveis teñen
carácter aproximado e poderán axustarse por necesidades técnicas, de seguridade ou por
condicionantes do terreo, sen que isto xere dereito a reclamación.
4.1. Trail Entre Castelos Rías Baixas
Ligazón do percorrido: https://www.strava.com/routes/3459158644654557190
Distancia aproximada: 25,69 km
Desnivel positivo acumulado: +835 m
Altitude mínima: 39 m
Altitude máxima: 559 m
Saída: Castelo de Sobroso (https://maps.app.goo.gl/vsn5f7M8QRxeCnpm9)
Meta: Castelo de Soutomaior (https://maps.app.goo.gl/oRWK65Tk6VjwvtJH7)
A saída efectuarase ás 10:00 horas.
O Trail Entre Castelos é a modalidade principal do evento e conecta o Castelo de Sobroso co
Castelo de Soutomaior mediante un percorrido completamente natural que atravesa zonas
forestais, pistas rurais e sendeiros de montaña.
O trazado presenta un perfil progresivo con ascensos sostidos ata alcanzar a cota máxima
aproximada de 559 metros, combinando tramos técnicos de sendeiro con sectores máis axeitados
para correr en pista compactada. A segunda metade do percorrido incorpora descensos
continuados que conducen cara ao entorno monumental do Castelo de Soutomaior.
O desnivel acumulado e a variedade do terreo configuran unha proba esixente pero equilibrada,
adecuada para corredores habituados a distancias de media montaña.
O percorrido estará completamente sinalizado e supervisado pola organización durante toda a
proba.
Nivel de dificultade: Media (trail de media distancia con desnivel moderado).
4.2. Andaina Entre Castelos Rías Baixas (8,77 km)
Ligazón do percorrido: https://www.strava.com/routes/3459130700864371694
Distancia aproximada: 8,77 km
Desnivel positivo acumulado: +356 m
Altitude mínima: 152 m
Altitude máxima: 420 m
Saída: Castelo de Soutomaior (https://maps.app.goo.gl/oRWK65Tk6VjwvtJH7)
Meta: Castelo de Soutomaior (https://maps.app.goo.gl/oRWK65Tk6VjwvtJH7)
A saída efectuarase ás 12:30 horas.
A Andaina Entre Castelos é unha modalidade non competitiva deseñada para fomentar a
participación popular e o gozo da contorna natural do concello de Soutomaior.
O percorrido discorre por sendeiros forestais e pistas rurais, combinando treitos de subida
progresiva con sectores máis cómodos de terreo para correr ou camiñar. Aínda que a distancia é
moderada, o desnivel acumulado achega un compoñente físico relevante, especialmente nos
treitos de ascenso continuado.
O trazado desenvólvese integramente na contorna natural, debidamente sinalizada e supervisada
pola organización, garantindo a seguridade e o control operativo durante toda a actividade.
Esta modalidade está orientada a persoas acostumadas a camiñadas con desnivel moderado que
desexen participar no evento sen carácter competitivo, priorizando a experiencia deportiva e o
contacto coa contorna.
Nivel de dificultade: Media (sendeirismo activo con desnivel moderado).
4.3. Carreira Infantil
A Carreira Infantil estará dirixida a persoas menores de idade, comprendidas entre os 6 e os 12
anos cumpridos o día da proba, establecéndose as seguintes categorías:
• Categoría A: de 6 a 8 anos.
• Categoría B: de 9 a 12 anos.
A organización poderá adaptar a saída ou o desenvolvemento da proba en función da idade das
persoas participantes, garantindo en todo momento a seguridade e a adecuación do percorrido ás
capacidades propias de cada grupo de idade.
Ligazón do percorrido: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ninos-carrera-0-95km-castelosoutomaior-245300148
Distancia aproximada: 0,95 km
Desnivel positivo acumulado: +51 m
Altitude mínima: 149 m
Altitude máxima: 184 m
Saída e meta: Castelo de Soutomaior (https://maps.app.goo.gl/UeBigRRfXD8ajQ1D6)
A saída efectuarase ás 16:00 horas.
A Carreira Infantil é unha actividade participativa dirixida ao público infantil, cun percorrido
adaptado á distancia e á dificultade.
O trazado discorre na contorna inmediata do Castelo de Soutomaior por sendeiros e camiños
controlados dentro dun espazo seguro e delimitado pola organización. Aínda que presenta un
lixeiro desnivel acumulado, o percorrido está deseñado para ser accesible e axeitado ás idades
participantes.
A proba contará coa supervisión directa da organización e do equipo de voluntariado durante todo
o seu desenvolvemento, garantindo o control e a seguridade do circuíto.
O obxectivo desta modalidade é fomentar a práctica deportiva en idades temperás, promover
hábitos saudables e ofrecer unha experiencia lúdica nunha contorna patrimonial singular, sen
carácter competitivo formal.
Nivel de dificultade: Baixa.
A participación na Carreira Infantil requirirá a presenza do pai, nai ou titor/a legal no recinto
durante o desenvolvemento da proba. Así mesmo, a persoa menor de idade deberá ser recollida
na zona de chegada polo seu titor/a legal ou por unha persoa expresamente autorizada por este/a,
asumindo a responsabilidade correspondente durante toda a actividade.
ARTIGO 5. PARTICIPACIÓN E COTA
A participación está aberta a todas as persoas que formalicen correctamente a súa inscrición e
declaren atoparse en condicións físicas axeitadas para completar a modalidade escollida. A
organización poderá limitar a participación por motivos de seguridade ou operativos.
A cota máxima será de 500 persoas participantes na modalidade de Trail, 200 persoas
participantes na Andaina e 300 persoas participantes na Carreira Infantil.
ARTIGO 6. INSCRICIÓNS
O período de inscrición estará aberto desde o 26 de febreiro de 2026 ata o 9 de abril de 2026, ou
ata o esgotamento da cota. A participación será gratuíta en todas as modalidades.
Non se admiten cambios de titularidade.
Dado o carácter gratuíto do evento, non procede a política de devolucións. As persoas inscritas
que non tomen a saída o día do evento non poderán participar na seguinte edición da proba.
ARTIGO 7. DORSAIS E ACREDITACIÓN
A recollida de dorsais realizarase exclusivamente o sábado 18 de abril en horario de 11:00 a 18:00
horas no Castelo de Soutomaior.
Unha hora antes da saída, no Castelo de Sobroso, habilitarase unha mesa para a entrega dos
últimos dorsais.
A organización solicitará un documento identificativo para a entrega do dorsal. O dorsal terá que
estar visible durante a proba, conforme ás indicacións que se establezan.
ARTIGO 8. TEMPO MÁXIMO E CONTROIS
A hora límite de finalización do evento será ás 15:00 horas. Por motivos de seguridade, a
organización poderá establecer controis de paso e puntos de peche intermedios.
As persoas participantes que excedan os tempos establecidos ou que sexan alcanzadas polo peche
da carreira deberán abandonar o percorrido e seguir as instrucións do persoal organizativo.
ARTIGO 9. NORMAS DE PARTICIPACIÓN E CONTROL DE
CARREIRA
Co fin de garantir a seguridade, a igualdade entre as persoas participantes e o correcto
desenvolvemento do evento, todas as persoas corredoras deberán respectar as seguintes normas
durante o desenvolvemento da proba:
O dorsal terá que levarse na parte frontal do corpo, nun lugar visible e sen manipulación ningunha
durante todo o percorrido. Non está permitido dobralo, recortalo nin ocultalo.
Todas as persoas participantes deberán completar integramente o percorrido oficial, seguindo o
trazado sinalizado pola organización e pasando polos puntos de control e avituallamento
establecidos. O paso polos controis poderá ser verificado mediante o sistema de cronometraxe ou
supervisión organizativa.
Queda prohibido abandonar o percorrido sinalizado, coller atallos ou alterar o trazado previsto.
As persoas participantes deberán ter en conta en todo momento as indicacións do persoal da
organización, voluntariado e servizos de seguridade.
O incumprimento destas normas poderá supoñer a retirada da persoa participante do evento ou a
súa exclusión da clasificación oficial no caso da modalidade competitiva.
ARTIGO 10. AVITUALLAMENTOS
A organización habilitará puntos de avituallamento ao longo do percorrido co fin de garantir a
adecuada asistencia ás persoas participantes durante a proba.
Con carácter orientativo, establécense os seguintes puntos:
• Casa Cultural de Fozara (aprox. km 6,72):
https://maps.app.goo.gl/i4k61GiequRirNYX8
• O Galleiro (aprox. km 14,72-punto de auga):
https://maps.app.goo.gl/nEc6miFo1RxmUbVs5
• Amoedo Brunch & Lunch (aprox. km 20,12):
https://maps.app.goo.gl/3hgTuDfTyW5ftTFo8
A distancia total aproximada do percorrido é de 25,69 km, quedando os treitos distribuídos de
forma equilibrada, sen superar en ningún caso os 8 km entre os puntos de asistencia.
O avituallamento situado no Galleiro terá carácter de punto de auga con aperitivo sólido simple,
mentres que os restantes disporán de avituallamento sólido e líquido conforme aos estándares
habituais en probas de trail desta distancia.
A organización poderá modificar a localización exacta dos puntos por motivos loxísticos, técnicos
ou de seguridade, garantindo en todo caso unha cobertura adecuada durante o desenvolvemento
da proba.
Recoméndase encarecidamente ás persoas participantes o uso de vaso reutilizable, co obxectivo
de reducir a xeración de residuos e minimizar o impacto ambiental do evento.
ARTIGO 11. MATERIAL RECOMENDADO
Aínda que a proba é de carácter popular, recoméndase que as persoas participantes leven material
axeitado para a actividade de montaña, incluíndo cortaventos, teléfono móbil con batería
suficiente e vaso reutilizable. Tamén se recomenda o uso da camiseta oficial do evento.
En caso de previsión meteorolóxica adversa ou por motivos de seguridade, a organización poderá
recomendar ou esixir material adicional, comunicándoo con antelación.
ARTIGO 12. PROTOCOLO DE SEGURIDADE E
RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL
Co fin de reforzar a seguridade do evento, a organización habilitará un teléfono de emerxencias
operativo durante o desenvolvemento da proba, o cal figurará impreso no dorsal de cada persoa
participante, e tamén será comunicado previamente por correo electrónico a todas as persoas
inscritas.
O uso deste teléfono estará reservado exclusivamente para situacións de emerxencia real,
especialmente aquelas relacionadas con incidencias médicas ou situacións que comprometan a
integridade física da persoa participante ou de terceiras persoas.
En caso de abandono voluntario por motivos non relacionados cunha emerxencia médica, a persoa
participante deberá comunicar obrigatoriamente a súa retirada ao punto de control ou
avituallamento máis próximo, ou ben mediante chamada ao teléfono de emerxencia facilitado
pola organización, indicando o seu número de dorsal e a localización aproximada.
Unha vez comunicado o abandono, a persoa participante será responsable de xestionar o seu
propio desprazamento ata a meta ou ata un punto accesible indicado pola organización, seguindo
en todo momento as instrucións do persoal de control. A organización non garante o transporte
automático nos casos de retirada non médica.
Así mesmo, as persoas participantes que superen o tempo máximo establecido, fixado nas 15:00
horas, quedarán fóra de control da carreira e deberán retirarse do percorrido baixo a súa
responsabilidade, desprazándose polos seus propios medios ata a meta ou seguindo as indicacións
do persoal organizativo. A partir do momento en que unha persoa participante exceda o tempo
límite, deixará de ser considerada corredora en proba activa, debendo respectar as normas de
circulación e seguridade vixentes.
A participación no evento implica a aceptación expresa desta responsabilidade individual en caso
de retirada ou fóra do control horario.
ARTIGO 13. SERVIZOS Á PERSOA PARTICIPANTE
A organización disporá de servizo de gardarroupa na zona de saída situada no Castelo de Sobroso.
As bolsas serán trasladadas e entregadas posteriormente na zona de meta no Castelo de
Soutomaior.
Non se disporá de servizo de duchas.
ARTIGO 14. CONDUTA, MEDIO AMBIENTE E SANCIÓNS
O evento desenvólvese nunha contorna natural e patrimonial, polo que se esixe un comportamento
responsable. Queda prohibido tirar residuos fóra dos espazos habilitados, abandonar o percorrido
balizado ou realizar condutas que prexudiquen a contorna ou o resto das persoas participantes.
O incumprimento destas normas poderá implicar a descualificación, así como a adopción de
medidas organizativas para preservar o bo desenvolvemento do evento.
ARTIGO 15. PREMIOS E RECOÑECEMENTOS
A modalidade Trail outorgará trofeos aos tres primeiros clasificados masculinos e ás tres
primeiras clasificadas femininas. A Andaina non terá carácter competitiva e non contemplará
premios. Na Carreira Infantil entregarase un trofeo á primeira persoa clasificada xeral de cada
categoría establecida.
Todas as persoas participantes que completen a súa modalidade recibirán a medalla de «finisher».

[ Go Back ]