Calendario
Ver carrera

Ourense

08/11/2026 11:00 - 12:30

[ Go Back ]

Descripción DISPOSICIÓNS XERAIS Artigo 1. Obxecto e ámbito A presente normativa ten por obxecto regular a XLIX Carreira Pedestre Popular do San Martiño, que se celebrará o día 8 de novembro de 2026 na cidade de Ourense. A proba absoluta disputarase sobre unha distancia de 10 quilómetros, nun percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA), e terá carácter popular e federado. A proba de 10 quilómetros está incluída no Calendario RFEA 2026 coa categoría Internacional Nivel II, quedando sometida aos requisitos establecidos pola normativa da Real Federación Española de Atletismo para as competicións desta categoría. Esta cualificación afecta exclusivamente á proba de 10 quilómetros. As carreiras de menores e a carreira inclusiva terán carácter complementario e rexeranse polos seus respectivos anexos, sen formar parte da competición Internacional Nivel II. Artigo 2. Organización A XLIX Carreira Pedestre Popular do San Martiño está organizada polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo. O control técnico da proba de 10 quilómetros corresponderá á delegación e ao xurado designados pola Real Federación Española de Atletismo, de acordo co disposto no seu Regulamento de Competicións. Artigo 3. Normativa aplicable A proba de 10 quilómetros rexerase polo presente regulamento e, no non previsto nel, polo Regulamento de Competicións da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), polas normas técnicas e demais disposicións da RFEA que resulten de aplicación e polo Regulamento de Competición e Técnico de World Athletics vixente na data de celebración da proba. As carreiras de menores e a carreira inclusiva rexeranse polos seus respectivos anexos e pola normativa que lles resulte aplicable. PARTICIPACIÓN E INSCRICIÓN Artigo 4. Participación 4.1 Participación xeral Poderán participar na XLIX Carreira Pedestre Popular do San Martiño todas as persoas nacidas no ano 2008 e anteriores, tanto con licenza federativa en vigor como sen ela, sempre que realicen correctamente a súa inscrición e acepten o presente regulamento. 4.2 Participación de atletas doutras federacións autonómicas e estranxeiros/as A participación de atletas estranxeiros axustarase ao establecido pola RFEA para as competicións de categoría Internacional Nivel II. Na proba de 10 quilómetros poderán estar representadas un máximo de tres federacións afiliadas a World Athletics e poderá participar un máximo de cinco atletas estranxeiros sen licenza RFEA cunha marca igual ou superior a 1.000 puntos World Athletics, obtida na tempada en curso ou nas dúas anteriores. Para estes límites teranse en conta as categorías Máster, Sénior, Sub23 e Sub20. Os atletas pertencentes a federacións estranxeiras deberán cumprir os requisitos e autorizacións establecidos pola normativa RFEA e World Athletics. Os atletas que, coñecendo a súa imposibilidade para participar, faciliten datos incorrectos ou incompletos para poder facelo serán descualificados. Artigo 5. Inscricións As inscricións realizaranse a través da páxina web carreirasgalegas.com, facendo constar correctamente todos os datos requiridos no procedemento. 5.1 Prazo de inscrición O prazo de inscrición permanecerá aberto desde a data de publicación oficial por parte da organización ata o día 1 de novembro de 2026, incluído. Baixo ningún concepto se admitirá a inscrición de corredores/as fóra deste prazo. Para optar á recollida anticipada do dorsal - chip e da camiseta conmemorativa, será necesario formalizar a inscrición antes do 21 de outubro de 2026, podendo realizar a recollida nos puntos físicos que para tal fin determine e anuncie a organización. 5.2 Cotas de inscrición As cotas de inscrición establécense do seguinte xeito: • Do inicio das inscricións ata o 21 de outubro de 2026: 5 € • Do 22 de outubro ao 1 de novembro de 2026: 7 € Unha vez realizada a inscrición, non se procederá á devolución do importe abonado baixo ningún concepto. 5.3 Doazón solidaria Os/as participantes que o desexen poderán facer unha doazón económica en favor dunha causa solidaria a través da pasarela de inscrición, indicando o importe que desexan doar. O importe recadado doarase en favor dunha causa solidaria elixida de xeito motivado polos membros do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes, que dará a publicidade a través das súas redes da campaña na que colabora e efectuará un acto público de entrega da doazón. 5.4 Dorsal 0 Aquelas persoas que non participen na proba poderán facer unha doazón económica en favor dunha causa solidaria a través da pasarela de inscrición a través do Dorsal 0, indicando o importe que desexan doar. O importe recadado doarase en favor dunha causa solidaria elixida de xeito motivado polos membros do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes, que dará a publicidade a través das súas redes da campaña na que colabora e efectuará un acto público de entrega da doazón. 5.5 Corrección de erros A corrección de erros poderase facer durante o período de inscrición a través do correo-e info@carreirasgalegas.com A corrección de erros unha vez pechado o prazo de inscrición, poderase realizar o venres 6 de novembro de 16:00h a 20:00h, e o sábado 7 de novembro de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h, no momento de entrega e recollida de dorsais – chips. A organización non se fai responsable das consecuencias que deriven dunha inscrición defectuosa e/ou errónea por parte do/a corredor/a ou persoa na que delegue. 5.6 Recollida de dorsais - chips A recollida de dorsais - chips e camisetas realizarase no Pavillón Municipal de Os Remedios nas seguintes datas e horarios: • Venres, 6 de novembro: de 16:00h. a 20:00h. • Sábado, 7 de novembro: de 10:00h. a 14:00h. e de 16:00h a 20:00h. Non se entregarán dorsais o día da carreira. 5.7 Recollida anticipada de dorsais - chips Habilítase a recollida anticipada de dorsais – chips para aquelas persoas que o desexen sempre que realicen a súa inscrición antes do 21 de outubro de 2026. A recollida anticipada terá un custe de 2 € A recollida anticipada realizarase os días 30 e 31 de outubro de 2026 nos puntos acordados que se anunciarán debidamente. Artigo 6. Servizos ás persoas participantes A organización poñerá á disposición das persoas participantes os seguintes servizos: • Aparcadoiro: gratuíto durante todo o día no Centro Comercial Pontevella, Avenida Ribeira Sacra, 50, 32003 Ourense • Taquillas: no Pavillón Municipal de Os Remedios (é necesario levar un candado) • Servizo de gardarroupa: situado no Anexo do Pavillón Municipal de Os Remedios. A organización non se fará responsable dos posibles danos ou perdas. • Servizo de duchas: dispoñible ao remate da carreira nos vestiarios do Pavillón Municipal de Os Remedios. DESENVOLVEMENTO DA PROBA Artigo 7. Percorrido 7.1 Saída e Meta A XLIX Carreira Pedestre Popular do San Martiño disputarase sobre unha distancia de 10 quilómetros, en percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA). A saída terá lugar ás 11:00 na Ponte do Milenio, situándose a meta na Rúa do Progreso Praza de Concepción Arenal. 7.2 Caixóns de saída Estableceranse varios caixóns, sinalizados por cores, en función da marca acreditada na distancia de 10 quilómetros realizada na tempada 2025 ou 2026. Caixón negro: para os/as atletas que teñan unha marca inferior a 35 minutos (homes) e 40 minutos (mulleres), debidamente acreditados na pasarela de inscrición. Caixón vermello: para os/as atletas que teñan unha marca entre 35 e 40 minutos (homes) e entre 40 e 45 minutos (mulleres), debidamente acreditados na pasarela de inscrición. Caixón amarelo: para os/as atletas que teñan unha marca entre 40 e 45 minutos (homes) e entre 45 e 50 minutos (mulleres), debidamente acreditados na pasarela de inscrición. Caixón verde: Popular. Os/as participantes deberán situarse no caixón correspondente 15 minutos antes do comezo da proba, atendendo en todo momento ás indicacións da Organización. 7.3 Percorrido O circuíto desenvolverase polas seguintes rúas e prazas da cidade de Ourense: Ponte do Milenio - Rúa Xesús Pousa - Avenida de Marín - Avenida Otero Pedraio - (2ª Glorieta C536) - Avenida Otero Pedraio - Avenida Alfonso Rodríguez Castelao - Rúa Cardeal Quevedo - Avenida da Habana - Rúa Curros Enríquez - Rúa do Paseo - Rúa Lamas Carvajal - Praza Maior - Rúa Bispo Carrascosa - Rúa Moratín - Rúa Colón - Rúa Padre Feijóo - Rúa Lugo - Rúa Ben Cho Shey - Rúa Galicia - Rúa Ramón Puga - Rúa Nosa Señora da Saínza - Avenida de Zamora - Rúa do Cumial - Avenida de Zamora - Rúa do Progreso - Praza Concepción Arenal. O percorrido estará debidamente sinalizado e controlado, contará con puntos de cronometraxe intermedios e disporá de polo menos un posto de avituallamento líquido durante a proba, ademais do habilitado na zona de meta. Artigo 8. Cronometraxe e controis A proba contará cun sistema de cronometraxe electrónica mediante chip integrado no dorsal, sendo obrigatorio o seu uso correcto para a validación dos tempos e clasificacións. Ao longo do percorrido, a organización establecerá controis de paso obrigatorios, quedando fixados os seguintes prazos de peche: Control 1 – Saída: peche aos 5 minutos da saída oficial. Control 2 – Km. 5: peche ás 11:45 horas. Control 3 – Km. 8: peche ás 12:10 horas. Control 4 – Chegada: peche ás 12:30 horas. Toda persoa participante que non pase polos controis establecidos ou que exceda os tempos límite quedará automaticamente descualificada, non figurando na clasificación oficial. Artigo 9. Categorías Establécense categorías diferenciadas para mulleres e homes, con clasificacións independentes, segundo os anos de nacemento que se indican a continuación: • Sub20: nados/as en 2007 e 2008. • Sub23: nados/as en 2004, 2005 e 2006. • Sénior: nados/as desde 2003 ata a idade correspondente á categoría Máster. • Máster 35: de 35 a 39 anos cumpridos o día da proba. • Máster 40: de 40 a 44 anos cumpridos o día da proba. • Máster 45: de 45 a 49 anos cumpridos o día da proba. • Máster 50: de 50 a 54 anos cumpridos o día da proba. • Máster 55: de 55 a 59 anos cumpridos o día da proba. • Máster 60: de 60 a 64 anos cumpridos o día da proba. • Máster 65: de 65 a 69 anos, cumpridos o día da proba. • Máster 70: de 70 anos en diante, cumpridos o día da proba. Artigo 10 – Premios 10.1 Premios absolutos Trofeos para os/as tres primeiros/as clasificados/as da clasificación absoluta masculina e feminina. Ademais dos trofeos, establécense os seguintes premios económicos: POSTO HOMES MULLERES MARCA < 29’ MARCA ≥ 29’ MARCA < 32’ MARCA ≥ 32’ 1º 4.000 € 2.000 € 4.000 € 2.000 € 2º 3.000 € 1.500 € 3.000 € 1.500 € 3º 2.000 € 1.000 € 2.000 € 1.000 € 10.2 Premios locais Trofeos para os/as tres primeiros/as clasificados/as da clasificación local masculina e feminina. Ademais dos trofeos, establécense os seguintes premios económicos: • 1º posto: 600 € • 2º posto: 400 € • 3º posto: 200 € Para optar ao premio local será requisito imprescindible ter nacionalidade española e estar nado/a ou empadroado/a no Concello de Ourense. 10.3 Premios por categorías Trofeo para o/a primeiro/a clasificado/a de cada categoría establecida no artigo 9. Camiseta conmemorativa para todas as persoas participantes, ata esgotar existencias. 10.4 Premios récords Récord do percorrido: premio de 1.000 € tanto en categoría masculina como feminina, sempre que se melloren as seguintes marcas: • Homes: tempo inferior a 28’42’’ • Mulleres: tempo inferior a 30’23’’ 10.5 Premios especiais Premio especial Caixabank: premio de 300 € ao primeiro home e á primeira muller en pasar polo control do quilómetro 5, coa condición de finalizar a carreira e aparecer na clasificación oficial. 10.6 Condicións xerais Os premios non son acumulables, agás os premios especiais. Todos os premios económicos suxeitos ás retencións fiscais que correspondan conforme á normativa vixente. A entrega de trofeos terá lugar ás 13:00 horas na Cancha Central do Pavillón Municipal de Os Remedios. Para o cobro dos premios económicos, as persoas premiadas deberán presentar a documentación que lles sexa requirida pola organización. É de obrigado cumprimento a asistencia á Cerimonia de Premiacións para percibir tanto os trofeos como os premios económicos. SEGURIDADE E NORMAS DE CONDUCTA Artigo 11. Seguridade e asistencia • A organización disporá dun dispositivo médico - sanitario e de primeiros auxilios durante toda a proba, tanto no percorrido como na zona de saída e meta, coa presenza de ambulancias e persoal cualificado. • Contarase coa colaboración das forzas e corpos de seguridade, voluntariado e servizos municipais, que garantirán a seguridade viaria e o correcto desenvolvemento da carreira. • Calquera participante que precise asistencia poderá solicitala ao persoal da organización, quedando facultados os servizos médicos oficiais da proba para retirar da competición a calquera persoa que, ao seu criterio, non se atope en condicións físicas para continuar. • A organización subscribe un seguro de responsabilidade civil e un seguro de accidentes deportivos para todas as persoas participantes, conforme á normativa vixente. • Recoméndase a todas as persoas participantes realizar recoñecementos médicos previos e, en todo caso, tomar parte na carreira baixo a súa propia responsabilidade. Artigo 12. Control Antidopaxe A proba de 10 quilómetros, pola súa inclusión no Calendario RFEA coa categoría Internacional Nivel II, estará sometida a control antidopaxe conforme á normativa vixente. As persoas participantes estarán obrigadas a someterse aos controis que lles sexan requiridos de acordo coa normativa da Real Federación Española de Atletismo e coa lexislación antidopaxe aplicable. Artigo 13. Obrigas das persoas participantes Todas as persoas participantes deberán cumprir as seguintes obrigas: • Levar o dorsal con chip facilitado pola organización, colocado en lugar visible na parte dianteira da camiseta, sen manipulalo nin dobralo. O dorsal é persoal e intransferible • Realizar o percorrido oficial completo, pasando polos controis establecidos, sen atallos nin desviacións. • Seguir en todo momento as instrucións da organización, xuíces e autoridades competentes. • Non recibir axuda externa nin participar acompañados/as de vehículos, bicicletas, patíns ou calquera outro medio alleo á carreira. • Non está permitido participar con animais domésticos nin con carriños de bebés ou similares. • Manter unha conduta deportiva correcta e respectuosa, así como coidar o entorno urbano polo que discorre a carreira. • Participar unicamente se se atopan en condicións físicas adecuadas para realizar a proba, facéndoo baixo a súa propia responsabilidade. Artigo 14. Descualificacións Serán causas de descualificación inmediata: • Non levar o dorsal con chip oficial ou manipulalo. • Participar co dorsal doutra persoa, ceder o dorsal ou falsear a identidade. • Non realizar o percorrido completo ou non pasar polos controis establecidos. • Superar os tempos límite fixados nos controis de paso ou na meta. • Non atender ás instrucións da organización, xuíces ou forzas de seguridade. • Mostrar unha conduta antideportiva, irrespectuosa ou perigosa para si mesmo/a ou para outras persoas participantes. • Recibir axuda externa non autorizada, incluída a asistencia de vehículos, bicicletas ou acompañantes. • Utilizar calquera tipo de medio de transporte durante a carreira. • Participar con animais, carriños ou outros elementos alleos á proba. • As persoas descualificadas non figurarán na clasificación oficial nin terán dereito a premios ou trofeos.

[ Go Back ]