Lun, 28 Mar 2011, 15:56
Asunto: Re: 10km Cidade Universitaria Vigo 2011
Dende o meu punto de vista, boa organización antes, durante e despois, o que non quita que algúns corredores puidesen sufrir determinados problemas puntuais, como neste fío xa se fixo constar. Pero, polo que eu percibín, avituallamento máis ca suficiente e, dende logo, seguridade en todo o circuíto no tocante ao tráfico rodado.
Sorprendeume, si, a ausencia de alfombra na liña de saída. Pola contra, xa non me sorprende ver a atletas colocados moi por diante de onde deberían de acordo coa súa capacidade, molestando a outros máis rápidos que se sitúan na zona correcta, o que sempre provoca un embotellamento inicial máis grande do que debería ser.
En canto ás circunstancias meteorolóxicas, eu encantado, oxalá puidese correr sempre con semellante temperatura e co sol agachado tras das nubes. Calor non ía, dende logo, mais tampouco o frío era como para morrer conxelado. Non se pode dicir que se rexistrase unha grande asistencia de público, non, pero tendo en conta que non había carreiras para nenos, que o CUVI dista uns quilómetros do centro de Vigo, que, como alguén dixo antes ca min, isto é Galicia e que non ía un sol de carallo, tampouco é para laiarse; polo menos, eu non me laio. Como me vou queixar se, de todo o calendario galego e do mundo mundial, é a proba que máis preto me queda da casa e se desenvolve onde adoito adestrar máis da metade dos días?
Saúdos.