Unha cousa é clara: segundo o previsto, estipulado e escrito, o Circuíto Cidade de Vigo de Carreiras Populares 2011 consta de 8 carreiras; polo tanto e como queira que os que nos inscribimos nel, fixémolo a partir desa información, se non se celebran as 8, alguén nos está a estafar, no terreo económico (aínda que só estemos a falar de 2 euros, custe da inscrición, cantidade case simbólica) e no plano ético. A ver que sucede nos vindeiros días, oxalá non teñamos que comezar a repartir paos. Iso si, sobre todo para os non vigueses, informo de que no goberno da miña cidade ordea, manda e decide don Abel Ramón Caballero Álvarez, e punto pelota; Manel Fernández, o novo concelleiro de deportes, só é un integrante máis do mariachi, e de segunda fila. Alguén me pedirá que conceda un marxe de tempo, que agarde a ver que pasa, e eu responderei que así non ten mérito, que a touro pasado todos somos Manolete; o que quero dicir é que, na medida en que a celebración da Media Maratón de Vigo, dependa do Concello, o home clave é o Rei Sol. Non sei se me explico... |