Mar, 27 Mar 2012, 19:20
Asunto: Re: GMTA 2012: Trail Serra do Galiñeiro (Gondomar)
O monte Galiñeiro sitúase entre os concellos pontevedreses de Vigo e Gondomar, con cumio na parroquia gondomareña de Vincios a unha altura de 711 metros. Intégrase na serra do Galiñeiro, da cal tamén forma parte o parque natural do Monte Aloia
O segundo domingo de xullo acolle o curro do Galiñeiro ou de Vincios, no lugar de Auga da Laxe.
A orixe do monte remóntase á oroxénese alpina acontecida durante o Cenozoico, no período Terciario. A ladeira norte do monte, correspondente á parroquia viguesa de Zamáns é rica en gneis, formando parte do complexo ofiolítico denominado Complexo de Malpica-Tui. Tamén son numerosas as intercalacións de anfibolitas, verdes e escuras, adoitando aparecer os gneis sulcados de filóns de seixo con abundante magnetita.
Os lados sur e oeste compoñen o chamado contacto sur do gneis Galiñeiro, formado por rochas compostas por seixo, moscovita e turmalina negra e, na zona máis alta deste contacto, por xistos con mica e turmalina, ademais dunha potente pegmatita explotada antigamente para a extracción do feldespato.
Gran parte da sona do monte débese ao complexo arqueolóxico dos petróglifos de Auga da Laxe. Trátase dunhas representacións de máis de 25 armas, entre as que atopamos espadas curtas, puñais e alabardas, datadas no Calcolítico (entre o III e o II milenio a. C.).
Petróglifo de Auga da Laxe.