Dom, 06 Mai 2012, 21:15
Asunto: Re: Carreira pola ría do Burgo - 6 de maio (10 KM)
Ben, xa que ultimamente nos deu por poñernos a organizar cousas deste tipo e no día despois escoitamos parabéns e críticas construtivas, que saibades que na próxima xuntanza da directiva de Castelo Deporte vaise propor un regulamento de "calidade" para mellorar ano a ano cada actividade.
A idea é xuntar nun documento todas as vosas suxerencias de mellora para anos posteriores, e obrigarnos a cumprilas: se por algo queremos destacar é pola calidade dos eventos que organizamos e por dar un trato perfecto a todos os que vides. Aínda que cando aprobemos este asunto publicaremos todas as cousas que pensamos temos que mellorar, un avance é o seguinte:
- Circuíto: Cruzar a estrada e chegar ata autoestrada foi posiblemente un erro. Se o paseo marítimo é de 7 km. no tramo de Culleredo faremos carreiras de 7 km. ou de varias voltas, pero entrar no tramo de Cambre causa dificultades polo asunto do tráfico.
- Comunicación e información sobre a proba: Non sabemos moi ben de que forma mellorar este aspecto, pero está claro que había xente perdida en canto a horarios, percorrido, etc. O noso consello é estar pendentes da web oficial do evento, no foro pode haber distorsións. Traballaremos para mellorar neste sentido.
- Camisetas e bebida: Tremendo fallo coas tallas, asumímolo e sentímolo. Sobre o tema das bebidas isotónicas, outro erro a correxir, pedimos un 80% de auga e un 20% de isotónica porque, sendo a primeira carreira que organizamos deste tipo, pensamos que teríamos máis corredores "populares" e menos "semiprofesionais" ou amateurs.
- Colas no avituallamento: Sentímolo, a forma de melloralo será con máis xente e faremos un esforzo neste sentido. Normalmente damos prioridade á seguridade no circuíto, hoxe éramos 10 voluntarios en circuíto e 5 en zona de meta, coa asistencia do Concello. Un problema de non ter xente suficiente.
- Trofeos: Sentimos moito non ter nada para os prebenxamíns, outro erro grande a correxir e co que nos comprometemos. Tamén temos que dividir as categorías infantiles en masculino e feminino se o facemos na absoluta, é o lóxico.
Por último, agradecervos de corazón a vosa participación. Se seguistes a prensa destes días entenderedes que para Castelo Deporte (como se dixo ao final, non somos máis de 32 rapaces con idades comprendidas entre os 18 e os 23 anos con ganas de facer cousas), foron uns días moi complicados, nos que por desgraza outros temas (e non é unha excusa), non nos deixaron concentrarnos todo o que deberamos na organización da carreira.
Unha aperta forte para todos!
www.castelodeporte.gal