Ven, 22 Nov 2013, 7:00
Asunto: Re: 28 memorial Adolfo Ros "Vólta a Ría" (1/12/2013)
Nota de prensa de hoy, la pongo porque me gustaría que todos nos implicáramos con el naval, aquí os queda:
Ao redor de 400 corredores están apuntados a día de hoxe nesta nova edición do Memorial Adolfo Ros- Volta á ría. Dende o Concello de Fene amósanse satisfeitos polo bo ritmo ao que marchan as inscricións, tendo en conta que o prazo para anotarse non concluirá ata mediados da semana que ven. Neste senso, Rocío Bértoa lembrou que as persoas que aínda non se inscribiran poderán facelo ata o xoves 28 de novembro a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) ou, presencialmente, no pavillón A Xunqueira de San Valentín, en horario de 8.00 a 23.00 horas (agás o derradeiro día, o xoves 28 de novembro, no que o horario será de 8.00 a 19.00 horas). En relación coas inscricións, a concelleira de Deportes, Rocío Bértoa agradeceu aos colexios de Fene e da comarca o apoio prestado á organización da carreira, facilitando as inscricións dos pequenos.
Posteriormente, a entrega de dorsais e chips efectuarase no pavillón A Xunqueira de San Valentín o sábado 30 de novembro, en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas, ou o mesmo día da carreira (ata media hora antes do comezo da proba).
O XXVIII Memorial Adolfo Ros celebrarase o domingo 1 de decembro. Os/as participantes da carreira absoluta tomarán a saída ás once da mañá nas inmediacións do pavillón A Xunqueira de San Valentín e realizarán un percorrido de media maratón (aproximadamente, 21 kilómetros) polos concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda. A continuación desenvolveranse polo mesmo barrio de San Valentín as carreiras para as categorías infantís, con distancias que oscilarán entre os 100 metros e os catro quilómetros, en función da idade e da categoría na que se inscriban os pequenos (biberón, benxamín, alevín, infantil, cadete ou xuvenil).
Segundo explicou a concelleira Rocío Bértoa, o Concello de Fene está a facer un importante esforzo para poñer ao Memorial Adolfo Ros ao mesmo nivel que outros grandes eventos deportivos autonómicos. Por iso, o vindeiro 1 de decembro poranse a disposición dos participantes globos de tempo (para os corredores que queiran batir a súa marca), ademais de servizos de gardarroupa, vestiario, balizas en todo o circuito e sinalización en cada kilómetro.
Ademais, Bértoa asegurou que “este ano se lle quixo dar máis protagonismo ao concello de Fene como organizador da proba, ampliando o percorrido polo treito urbano do municipio”. Tamén se modificou o percorrido da carreira, propiciando o paso dos corredores pola rúa adicada a Adolfo Ros no Concello de Ferrol onde está previsto que actue un grupo de gaitas ao paso dos corredores. Do mesmo xeito, ao remate da proba, un grupo de gaitas de Airiños de Fene recibirá aos participantes na meta. O que se pretende, asegurou a concelleira de Deportes, é “homenaxear a figura de Adolfo Ros da forma que se merece”.
En canto aos premios, nesta XXVIII edición do Memorial Adolfo Ros haberá trofeos e lotes de agasallos facilitados polos patrocinadores para os tres primeiros corredores que cheguen á meta, tanto na categoría absoluta como na de corredores locais (residentes en calquera dos catro Concellos organizadores). Nas carreiras de menores, premiarase cunha medalla a tódolos participantes e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto en nenos como en nenas (agás na categoría prebiberón na que só se entregarán medallas).
APOIO AO NAVAL
Na rolda de prensa celebrada este mediodía o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, amosou a sua preocupación pola situación que atravesa o naval e o seu apoio ao sector. Neste senso anunciou que a carreira do vindeiro 1 de decembro "abrirase" cunha pancarta de apoio o naval. Ademáis, dende a organización convidarase os participantes a colocarse un distintivo co lema "Polo Naval. O teu valor é a miña meta"