Sáb, 10 Mai 2014, 7:30
Asunto: Re: I CARREIRA POPULAR RIBADAVIA (18/05/14)
Carreira Popular de Ribadavia.
Un percorrido pola cultura e a historia no corazón do Ribeiro.
O domingo 18 de maio de 2014, o Club Deportivo Aurum organiza a I Carreira Popular de Ribadavia. Ademáis dun reto deportivo, a I Carreira Popular de Ribadavia ofrece ós atletas un percorrido polos lugares máis significativos da vila, que detallamos para animar a todos os deportistas a participar nesta fermosa proba.
Os corredores partirán da Praza Maior, o centro neurálxico da capital do Ribeiro, en pleno casco histórico e ó carón do Concello. Tomarán camiño da rúa Progreso deixando a man esquerda o castelo dos Sarmiento, un dos monumentos máis representativos da vila. A continuación baixarán unha prolongada e sostida pendente, atravesando o núcleo urbano, ata chegar o cruce coa rúa Ribeiro, que tomarán para dirixirse cara a area recreativa da Veronza. Alí farán un percorrido por unha das principais zonas de esparcemento coas que conta Ribadavia, e escenario de varias probas atléticas de cross e ruta, incluídos varios Campionatos de España. Chegados a altura do campo de fútbol do Xestal, retornarán ó casco urbano seguindo os camiños paralelos ó curso do río Avia. Continuarán o seu percorrido ata a súa confluencia co “Pai Miño”, gozando dunha paixase natural de indubidable beleza. De alí en adiante seguirán o paseo paralelo ó río ata chegar a localidade de Francelos. Todo elo en medio de hortas e viñedos, que lle dan fama a zona. Tras un pequeno ascenso o percorrido discorre preto da Igrexa de San Xes, unha pequena xoia visigótica que cómpre visitar con máis calma. Recuperado o alento (ou non) os participantes tomarán o camiño de regreso á vila. O tramo da estrada de Francelos, sempre en lixeira pendente ascendente, deixará ós corredores á altura da capela de San Lázaro, o que queda na actualidade dun antigo hospital - leprosería. Aquí o perfil dará tamén unha tregua ás pernas dos participantes e lles permitirá recuperar forzas de cara a parte final.
Baixo o escenario da Igrexa de Santo Domingo, outra xoia do gótico, perfectamente encaixada nun conxunto moi armónico, os corredores achegaranse de novo ata o Castelo para a continuación bordealo tomando a man dereita a rúa Extramuros. Entrarán ó Barrio Xudeu pola emblemática Porta Nova de Arriba discorrendo a última parte da proba polas rúas estreitas e empedradas, cargadas de historia e historias, que lle dan merecida sona á localidade. Os que leven un ritmo máis suave ata poderán deleitarse co entorno da Praza da Madalena, onde estaba situada a antiga sinagoga, outro dos lugares con encanto polos que transcorre a carreira. Sen dúbida a beleza do entorno e a cercanía da meta farán máis levadeiro este último esforzo. A costiña da rúa Merelles Caula será o último obstáculo a superar para gozar dunha merecida entrada triunfante na Praza Maior.
Unha vez rematada a proba, Ribadavia ofrece tamén múltiples posibilidades para recuperar do esforzo, dende o excelente viño e pratos típicos da zona, aos doces hebreos ou unha visita ás termas de Prexigueiro. Eso xa corre a gusto de cada un.
Ven a correr, coñecer e desfrutar de Ribadavia. ¡Agardámoste!