Lun, 16 Xuñ 2014, 22:59
Asunto: Re: III Circuito de Carreiras Saudables CorreSan III
Por fin toca falar da carreira de Angrois. A falta da carreira do Restollal do Castiñeiriño (Hipercor) este ano, o noso club pode considerar que corre na casa, xa que mesmo pasamos por diante das vivendas duns cantos noitebros. Sen esquecer que a idea desta carreira naceu de Manolo Moure, membro do noso equipo e que mareou e mareou para que se fixese isto alí, moito antes do fatal suceso do ano pasado que nos marcará para sempre. Así que esperamos moita animación
Sobre o percorrido, como podedes observar os que coñezades, o plano é vello, así que o circuíto marcado é aproximado, xa que a día de hoxe as obras do AVE modificaron a parte que linda coa vía do ferrocarril. Con todo, o trazado e a distancia serán bastante axustados ao indicado e quen queira adestrar por alí non terá problemas para seguir o camiño correcto.
Para quen non coñeza a zona e que vaia en coche, eu recomendaría que aparque polas urbanizacións da zona de Lamas de Abade (dende a estrada de Ourense) ou polo Cruceiro de Sar (estrada de Aríns) (ambos sitios non distan moito máis de 400-500 metros da zona da carreira), xa que creo que non será posible ir ata o lugar da saída. Ademais, tampouco sería bo encher o percorrido trazado con coches, xa que as pistas e rúas, en certos tramos, non vos son moi anchas e non hai moitas escapatorias.
Ben, so queda esperar que veña unha tarde con bo tempo para gozar desta carreira entre a boa xente que vive na zona