Ven, 31 Out 2014, 9:35
Asunto: Re: III Circuito de Carreiras Saudables CorreSan III
Polo que sei ao final houbo certos paradoxos na clasificación final debido ás peculiaridades do regulamento. Creo que o feito, feito está. Sabiamos dende o principio como ía a cousa e en función disto a maioría xogamos coas nosas "posibilidades". Quen non estivera na onda, pois é lóxico, e comprendo que poida ter malestar a pesar de facer resultados fabulosos e non verse recompensado ao final nas premiacións. Por isto, recomendo sempre, sempre ler as regulamentacións daquilo no que vaimos participar para non facernos ideas equivocadas.
Creo que agora é o momento de facer suxestións e achegas para mellorar a regulamentación do CorreSAn do próximo ano e non esperar a que se publique o definitivo, ou peor, a rematar para verlle os puntos febles.
A miña pequena achega, e que deixo aquí, é unha pequenísima comparativa do que se fixo nalgúns circuítos (non todos, xa que hai moitos por Galicia adiante), para ter referencias. Indicar que só me centrei na tempada 13-14 (é posible que xa haxa novos regulamentos, e puideron cambiar), e na clasificación absoluta (os regulamentos tenden a diversificar na consideración das categorías e nas de equipos, polo que non me meto con todo). Aquí vai:
Clasificación individual absoluta en diferentes circuítos:
Coruña-Corre (2014)
• Puntuación: puntos=posto de chegada.
• Cómputo de probas: rematar 5 de 6 ou descartar o 6º peor resultado.
• Inscrición: á totalidade do circuíto dende o principio.
• Gañador/a: menor número de puntos.
• Desempates: 1º nº de probas finalizadas; 2º Maior nº de mellores postos; 3º Maior distancia en KM recorridos.
Corre con Nós (CCNOS)-Lugo (2014)
• Puntuación: puntos=posto de chegada.
• Cómputo de probas: rematar 6 de 7 ou descartar o 7º peor resultado.
• Inscrición: non explicita se hai que anotarse dende o principio, pero enténdese que si.
• Gañador/a: menor número de puntos.
• Desempates: 1º nº de probas disputadas; 2º Mellor resultado nas carreiras disputadas; 3º Mellor resultado na carreira final.
Circuíto de Carreiras Pedestres Pontevedra (CCCP) (2014)
• Puntuación: puntos =posto de chegada, excepto no Medio Maratón de Pontevedra (posto dividido entre 2)
• Cómputo de probas: rematar 4 de 6 (non explicita o feito de descartar os peores resultado).
• Inscrición: clasificación para os só inscritos no circuíto (enténdese que dende o principio).
• Gañador/a: menor número de puntos.
• Desempates: 1º nº de probas rematadas; 2º Maior distancia en KM; 3º Mellor resultado nas probas non computadas.
Correndo por Ourense (2014)
• Puntuación: puntos =posto de chegada.
• Cómputo de probas: rematar 5 de 6 ou 6 e descartar o peor resultado.
• Inscrición: dá a impresión de que queda aberta carreira a carreira.
• Gañador/a: menor número de puntos.
• Desempates: non especifica.
Circuíto de carreiras saudables - Santiago de Compostela (CorreSAN) (2014)
• Puntuación: nº puntos inverso ao posto de chegada.
• Cómputo de probas: rematar 4 de 5 ou descartar o 5º peor resultado.
• Inscrición: á totalidade do circuíto dende o principio.
• Desempates: non especifica.
Puidera haber erros ou malinterpretacións ou que mesmo se me pasase algunha información ou variable a considerar, pero isto xa pode axudar a facer algunhas conclusións:
- O sistema habitual de puntos parece ser o de puntos por chegada, gañando o que menos acumule.
- Agás Santiago, estes circuítos teñen mínimo 6 carreiras.
- E outros detalles, vedes que varían duns a outros, ou non quedan claros (polo menos para min).
Quen participe nestes outros circuítos seguro que poderá falar con máis exactitude e propiedade ca min sobre como foron, problemas, etc. a ter en conta.
Hai moitas máis cousas que se poderían mirar (calendario, incluír a MediaSAN, organizadores de cada carreira, etc.) e creo que este pode ser un bo lugar para facer propostas e axudar a que o CorreSAN mellore sen depender de forma exclusiva dunha persoa que cargue con todo o tema de forma desinteresada (como está a ser), co que iso significa, para ben e para mal.
Apertas a todos e todas!