Dom, 22 Mar 2015, 21:43
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (reivindicando o 10%)
Crónica do día de hoxe:
Como xa era a miña 5ª Vigo Baiona, creo que durmín máis e mais relaxada ca outras veces.
Saída puntual desde Teis cos compañeiros do barrio. Todas as rutinas habituais na liña de saida. Quentar casi nada. Chegar en tempo de desconto á fotokedada do foro (xa me queda claro que hai que ir 10 minutos antes, pois os cámaras son dos que morren de víspera, que diría a miña avoa)... Polo menos si que houbo tempo de saudar a Sanmikel, Doutor Slump, Aprendiz e Sonsuso... Papa-Léguas debeu de plantarse e quedar en Sparkland a durmir.
Xa de contado había que poñerse en posición de saida. Optei por poñerme detrás, pero non lonxe, do globo de 1:50. Saída moi lenta, o garmin que me falla xusto nese momento e non logrei que reconectara ata pasado Samil. Xa vin nos outros diarios que non fun a única que lle pasou.
Nin tampouco a única que sufriu co calor nos primeiros 10km. Ia con tanta idea de levar un bo ritmo que se cadra forcei nese tramo... menos mal que no peto de atrás do pantalón levaba o meu avituallamento,as gominolas enerxéticas esas que dí Aprendiz que me drogo con elas. Foi tomarme dúas e a cousa xa comezou a ir mellor: Aguantar ben todo o rodeo de praia América polo pabillón, e as voltas de Monte Lourido... Na saída para Sabarís rematei a ración de gominolas, e enfilei con moita decisión ese tramo final. O mellor balón de osíxeno foi atoparme pasada a ponte da Ramallosa ó globo do crono de 1:50 de novo, case ó alcance da mán.
Unha ilusión óptica, porque de alí a Baiona volveuse a alonxar de abondo.
Nese tramo final é o momento en que pensas que as cousas non son como comezan senón como acaban: Moitos senior e veteranos feitos e dereitos parados ou camiñando a paso lento polo arcén. Tres persoas en distintos puntos desa recta final tiradas no chan recibindo asistencia. A ambulancia paseando de adiante a atrás ata chegar á meta.
Creo que nunca se me fixera tan longa a entrada en Baiona. Xa non tiña todas conmigo de repetir o crono do ano pasado. Pero finalmente cheguei ó arco, e marcaba 1:54:41!!!. Segundo os meus cálculos o tempo neto tería que andar entre 1:52 e 1:53. Obxectivo cumplido!!!.
Logo facer cola na meta. Moi ben organizado o das bolsas de agasallos para finalistas esta vez, pero o da recollida no gardarroupa fatal. Colleume o frío. E con esa cariña de pena me atopou Sanmikel pola rúa, que xa viña duchado do pabillón. Un par de minutiños para comentarme que non quedara contento de como lle saira , e para dicirlle eu que si quedara contenta da miña .
Xa logo chegou o momento de coller os coches, ir a Torroña, comezar a parte estelar da xornada: Os percebes, mexilóns e a empanada de carne. O cocido, o cordeiro, o rabo guisado. A tarta de xeado, a piña caramelizada e as filloas caseiras recheas de crema, mmmm... Asi calquera recupera.
Evidentemente a sobremesa foi longa, tardamos en chegar a casa, e ainda acabo de entrar agora a mirar en internet e confirmar os resultados:
Tempo oficial: 1:54:41
Tempo neto: 1:52:59
Ritmo: 5:22 min/km
Posto na xeral: 3049 de 4788 chegados a meta
Posto na clasificación feminina: 176 de 645
Posto na categoría de veteranas 50 a 54 anos: 3ª de 29!!!!!!!!!!!!
Supoño que tería que ter subido ó podium e nin me enterei... A verdade é que a 1ª e 2ª clasificadas fixeron tempos de 1:41, a ritmos de 4:48 e asi. Na vida pensei que o meu tempo daría para podium... Mañá chamarei á organización para ver se teñen gardado para min un diplomiña ou algo, non sei, digo eu.
En calquera caso hoxe só viña a facer mellor tempo ca o ano pasado e facerlle un bonito regalo a Corrín... Moza, creo que podemos darnos por contentas, e a miña forza de hoxe que sexa a túa tamén.