Dom, 28 Xuñ 2015, 9:18
Asunto: Re: I 10k de San Pedro en Miño (27/06/2015)
Con ánimo totalmente construtivo, e recoñecendo o esforzo que supón organizar unha carreira na súa primeira edición, envío algunhas reflexións sobre a carreira de onte:
- Os cruzamentos deben estar sempre indicados, non pode ser que un corredor teña que parar porque non sabe por onde continúa a carreira ao non levar diante ninguén que lle sirva de referencia.
- Non custa nada poñer uns carteliños que vaian marcando os quilómetros: eu onte chegou un momento en que non sabía se levaba 5, 8 ou 10.
- Non se pode chamar carreira popular algo que inclúe unha costa como a maior das que subimos onte, que non atopara en ningunha outra proba nos dez anos que levo indo a carreiras populares (nalgún cross, trail ou subida si, pero xa lle chaman así...).
- Dar o avituallamento xusto antes de meternos no monte fai que logo as botellas queden tiradas por entre a vexetación. Mellor facelo na recta de asfalto, un pouco antes, e así a recollida é moito máis fácil.
- Aos corredores gústanos ir por sitios onde haxa xente animando, aínda que sabemos que iso supón unha maior complicación para organizar a proba.
- Tamén agradecemos as carreiras con distancias "redondas", como por exemplo 10 km, sobre todo se se anuncia así. Logo resulta que son 10,8 (a min deume máis de 11 no cronómetro) e xa custa máis calcular medias ou comparar esta carreira con outras.
- E o máis importante: non pode haber coches polo percorrido! E moito menos nos dous sentidos, como me pasou onte nalgún momento (e non cheguei dos últimos, o cal tampouco sería xustificación).
Nisto das carreiras populares hai moita competencia, e cada fin de semana hai polo menos media ducia de probas entre as que escoller; para min que sexa solidaria e unha parte do recadado se destine a algún fin social é un estímulo, e foi o motivo de participar nesta. Pero se queredes que esta se consolide, creo que deberiades atender algunhas destas posibles melloras.