Concello de A Coruña escribió: |
A Concellería de Deportes sinala o 29 de novembro como o inicio da nova tempada do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. A iniciativa, que recolle baixo un mesmo paraugas as carreiras que teñen lugar na cidade, contará nesta cuarta edición con novidades no seu regulamento e unha reformulación da súa estrutura, incluíndo novas carreiras como a de Matogrande. A primeira proba, que sinalará o inicio da tempada, será a IV Carreira Popular Os Rosales e dará paso o día 13 de decembro á celebración da carreira de Novo Mesoiro. O inicio chegará once días despois da gala de clausura da anterior edición. No evento, que terá lugar o mércores 18 ás 19.00 horas no centro Ágora, entregaranse os trofeos correspondentes ás distintas categorías e presentarase o novo texto que regulará a competición deportiva. O regulamento, froito da colaboración entre o Servizo Municipal de Deportes, a Federación Galega de Atletismo e clubs da cidade, ten en conta a opinión das e dos participantes do III Coruña Corre e completarase nos vindeiros días coas achegas das asociacións veciñais, que terán maior protagonismo nesta edición. Precisamente a V Carreira Popular de Novo Mesoiro celebrarase o 13 de decembro, en lugar do día 2 de novembro, tras acordar a nova data a Concellería e representantes da asociación veciñal coa finalidade de realizar a proba seguindo a nova normativa. |