Dom, 31 Xan 2016, 8:46
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
Crónicas da favela: "Facendo balance"
Case non podo dar crédito coa racha que levo, pero logrei rematar a semana con certa normalidade: 3 saídas, e polo menos unha delas por Chapela (a desta mañá). O do ritmo é o de menos , o caso é polo menos manter a rutina sen sentir o corpo coma un "cáncamo vello comido polos xérmenes da miseria" (expresión endémica balbardense aprendida do meu sogro).
Dentro dun momentiño vou sair cara a rotonda da rúa Aragón, para ver pasar o pelotón da 1ª carreira deste ano do circuíto de Oliveville, A "Correndo por Vigo 2016", do Calvario. A ver se vexo pasar a Doutor, Papa-Léguas e Andrés61, e comprobar de primeira man quen queda de hámster, coello ou tartaruga, ou se algún vai ser "paloma por querer ser gavilán" (que cantaba o Pablo Abraira).
No seus ilustres diarios xa aparecerán sendas crónicas cruzadas do que será a carreira de hoxe, así que no meu vou facer simplemente labor de recheo informativo, deixando algunhas reflexións sobre circuíto de " Carreiras Populares 2015" .
O primeiro que se pode afirmar é que a participación parece impresionante: 85 páxinas ocupa toda a clasificación das 4 categorías!!. Pero reparando na participación feminina, a cousa aínda deixa que desexar: Certo que na categoría 1 ( a dos veteranos máis novos) hai case un 20% de mulleres, pero na categoría 2 baixa xa a un 14%, na categoría 3 quédase nun 10% , e na categoría 4 cae a un 3,5% ( 7 superveteranas fronte a 195 superveteranos)... Espero vivir de abondo como para ver o día en que na categoría 1 a participación feminina ande no 45% e na categoría 4 sexa dun 20%, e sobre todo espero poder velo e vivilo como corredora popular, non como espectadora retirada.
O segundo que me ven ó pensamento é se as autoridades pertinentes valoran de verdade ou non esta participación. Digo isto porque é unha mágoa que moitas veces á hora da organización destes eventos pesen máis os conflictos entre a FGA e o Concello que o deporte de base , os clubes, a xente que corre por verdadeira afección sen outro tipo de intereses... Pero xa sabemos que isto non pasa só en Vigo, con este circuíto, senón que é universal. Menos mal que a pesar de todo podemos seguir correndo.
En terceiro lugar, o que me pregunto é o que significan realmente estas clasificacións en cada categoría, se son representativas de algo. Por exemplo, na miña categoría, a 3 F: 74 corredoras en total, pero só 25 que teñan corrido 3 carreiras ou máis , das 10 que forman o circuito... É unha proporción que máis ou menos se da no resto das categorías. Así que ó final tampouco é que haxa tantos participantes reais no circuíto como parece facendo o reconto de páxinas... Pero hai outros detalles que resultan cando menos curiosos, raros. Case sona coma un chiste que apareza o meu nome aí, de 6ª clasificada con 700 puntos, e o de Teresa Corral tres postos mais abaixo, 9ª posición con 600 puntos (cando o único que se demostra é que eu tiven que arrebañar esforzadamente en tres carreiras o que ela logrou correndo como auténtica profesional nunha soa competición).
Hai un par de semanas falaba dos resultados do circuíto con Beauvais. Él, que é asi de animoso sempre, dicíame que si con só 3 carreiras chegara a facer 700 puntos , se tivese competido en máis seguro que quedaba máis arriba. Xa lle contestei que había de quedar onde quedei igual, iso de xuntar de 1500 a 3500 puntos é para xente de clubes, que entrena de verdade, non para miñaxoias de favela que só lle dedicamos as horas soltas entre o traballo, a casa, e outras obrigas .
Se mo din hai un ano, nunca me imaxinaría xuntando 700 puntos, e se Beauvais non me insistira, creo que tampouco me tería animado a correr máis carreiras do circuíto. Así que para ser unha miñaxoia de favela tampouco foi a cousa mal.
Pero teño que darlle a razón a algo que me dicía Doutor hai uns meses, cando andabamos a voltas coa inscripción na Behobia: pode que me guste isto de correr, pero non do mesmo xeito, nin co mesmo concepto de afección, nin coa mesma necesidade que as persoas coma el . Sigo sen verme a min mesma como "corredora de circuíto" , ou entrenando con xente varias veces á semana facendo series. Porque isto de correr ven sendo o meu terceiro amor, non o primeiro, nin siquera o segundo.
Iso si, aínda que non sexa o meu amor primeiro, se me chega a faltar, se tivese que deixar de correr agora, xa non sería eu mesma.
Última edición por Meigalicix o Dom, 31 Xan 2016, 12:25; editado 1 vez