Xov, 11 Ago 2016, 6:51
Asunto: Re: XIX EDICIÓN CARREIRA PEDESTRE DO PICO SACRO
Ola. Vaia por diante que eu nunca corrín esta carreira e que só estou especulando. Esta carreira antes tiña o nome de "Baixada Pedestre do Pico Sacro", polo menos ata o ano 2014. Os que a correron naquela edición de 2014 neste foro dixeron que tivera pouco máis de 5km de percorrido. Tamén dixeron que estivo moi ben organizada, moi familiar, moi bos trofeos (semella que enormes!) e moi bos avituallamentos. A saída foi dende o cumio do Pico Sacro, todo en baixada por asfalto e pistas ben compactadas co cal recomendaban correr con zapatillas de asfalto. Só había unha pequena costa ao final, antes da meta, que se facía dura para as pernas despois dos kms de baixada. Carreira moi rápida e de balde naquela edición.
O ano pasado a carreira xa cambiou o nome a "XVIII Carreira Pedestre do Pico Sacro". Tamén foi gratuíta pero cambiou parcialmente o percorrido. Xa non foi todo baixada. De feito, os primeiros 2,5km foron en subida. A partir de aí, o resto en baixada co mesmo percorrido ca nos anos anteriores coa pequena costa do final. A lonxitude incrementouse ata os 6km e medio. Non atopei neste foro opinións despois da carreira. Si atopei o wikiloc do percorrido do 2015 que está nesta dirección:
es.wikiloc.com/wikiloc...d=10472445
Semella que este ano cambian máis cousas. A primeira que non é gratuíta. Hai que pagar dous euros. O percorrido vaise ata os 10km aproximadamente polo que supoño que haberá máis subida ou terreo chan porque a baixada do Pico Sacro é o que é e non semella ter máis de 4km, aproximadamente.
Ata aquí o que eu sei e supoño que será este ano. A ver se alguén nos pode aportar máis información actualizada.
Un saúdo a todos.