Dom, 17 Dec 2017, 22:15
Asunto: Gorróns nas Carreiras Populares
Empezo dicindo que non quero ofender nin levantar polémicas con esta mensaxe senón facer reflexionar ao persoal sobre os nosos comportamentos e actitudes. Hoxe participei na Sin Son 10k. Pareceume impecable o trato que me deron por parte da organización e os voluntarios. Un +10 a todos eles. O que me deu vergoña allea foi o que observei por parte dalgúns participantes - lamentablemente, máis de un -. Eu son o primeiro en recoñecer que tomei dous vasos de isotónica na chegada porque cheguei fundido. Non creo que se esgotara pola miña culpa pero se así foi, síntoo moito. De feito, arrepentinme de inmediato de telo feito cando vin a dous ou tres corredores beber un sorbo dun vaso enteiro que acababan de coller e tirar o resto ao chan, vaso incluído, na zona de aparcamento. Vou entregar o chip e dime un de protección civil que o deposite nuns cestos de goma que había no chan. Cando atopei un que estaba entre a bebida isotónica e o avituallamento, situado nun alto, estou botando o chip e un tipo bota dentro un vaso de plástico. Dígolle que o cesto non é para iso e o tipo segue andando coma se nada. Oxalá non se atope entre os foreiros, pero se así é, xa sabes quen son porque che chamei “cocho” cando marchabas de alí, xirácheste e miráchesme desafiante. Podería describirte e dicir a que club pertences pero non o direi por respecto.
No avituallamento un señor maior, duns 50 anos diría eu, estaba na cola diante de min. Unha nena dálle a bolsa. Ben, todo correcto. Sae da cola e vaise. Continúo o meu camiño pero chámame a atención que lle dá a bolsa á súa muller, que non participou na carreira, e vai para a outra cola porque había dúas (unha á esquerda e outra á dereita). Xa non quixen mirar máis pero era evidente que colleu dúas bolsas. E agora vén o mellor do conto. O mesmo “señor” coincide comigo no chocolate. Eu estaba agardando polo meu vaso e o tipo levaba dous nas mans que lle dá á súa señora que estaba nas vallas do lateral do avituallamento. Ela dille que colla outros dous. Supoño que estaba avituallando a toda a familia. Férveme o sangue. Interrompo a conversa e dígolle que o chocolate é para os corredores. O tipo xírase e espétame: “a ti que che importa, ou pagalo ti?”. Respondín o máis amablemente que puiden que tanto eu coma el tiñamos dereito a chocolate (un vaso, supoño) por termos pagado a inscripción, que había moitos máis corredores chegando á meta e que aquilo non era unha chocolatada popular. Ao final o colega que estaba comigo díxome que o deixara estar e acabou o conto.
En resumo, unha grande carreira estragada polo mal sabor de ver estes comportamentos. E logo serán estes os que se queixen cando un día se quedan sen auga nun avituallamento ou cando chegan á liña de meta...
Un último apunte. Xa teño lido moitos comentarios de xente que se queixa por avituallamentos insuficientes durante a carreira ou na liña de meta, e outros tantos comentarios de xente que recomenda carreiras ou valora as carreiras pola “paparota” final. Ollo! Que non se me malinterprete. Moitas veces eses comentarios están xustificados polo tipo de carreira, distancia, etc., e axudan a mellorar á organización, pero outras veces semellamos aves de rapina. Isto chámase Correr en Galicia, non Comer en Galicia.
Moitas grazas.