Lun, 17 Feb 2020, 11:44
Asunto: Re: XII Medio Maratón Coruña 21 (16/02/20 )
Ben, pois primeira vez que corría esta carreira, e como tódalas primeiras veces, sempre levas algo de incerteza acerca de como irán as cousas.
Seguindo o meu particular ritual "pre-carreiras", sácome da cama unhas 3 horas antes da mesma. Dese xeito dáme tempo a deixar o arroz preparándose, ducharme, e afeitarme, nese preciso orde....maniático que é un....
Salgo ás 8 da casa xa que quedara cuns amigos en Laraxe para ir xuntos cara á Coruña no mesmo coche.
Xa na Coruña, aparcamos na explanada de Riazor, como me recomendara algún por aquí, sen problemas. Aproveitamos que chegáramos algo cedo para ir a tomar o café de rigor. Din que a cafeína fai efecto entorno a unha hora mais tarde, pero logo de tomalo, eu sempre un espresso solo, doume de conta de que, para que realmente fixera efecto habería que tomar un café maior, case tipo americano, debido a que precisaría unha maior cantidade de cafeína para ser efectivo.
Necesitaría que fixeran un café de pota....
De volta cara ao coche xa nos listamos para ir quentando camiño cara a saída que, por certo, non sabíamos ben por onde quedaba, pero isto é coma nas películas, que cando están perdidos non teñen mais que seguir o curso da auga, pois nosoutros seguíamos o curso da xente, sobre todo da que xa vías uniformada para a ocasión
Aproveito nesa media hora previa para ir dando sorbos, sen bebelos, soamente para aclarar a boca dunha solución de hidratos. Teño probado nos adestramentos, e realmente funciona, ou eu así o sinto, xa que activa no cerebro unhas neuronas receptoras que fan que sintas como se os beberas.
O certo é que na seguinte hora, ou así, notas como máis soltura nas pernas....ou parécemo a min, vaia.
Aparte de que si bebo neses momentos, danme mais ganas de ir ao baño e logo levo unha bolsa de auga aí dentro que me vai rebotando no estómago. Paso.
Xa na saída, non sei se porque era a miña primeira vez aquí, ou porqué, pero non vin os caixóns acordes a cada ritmo previsto. Soamente que a xente foise arrexuntando cara á liña de saída sen mais.
Ben, tranquilidade, Eu tiña claro a que ritmo debería saír, buscando esa fronteira da hora e media final e listo.
Se algo vas aprendendo nas carreiras é que debes buscar e tratar de atopar o teu ritmo adecuado o antes posible, sen deixarte levar pola emoción do momento, ou por como vaian correndo o resto de persoas que van ao teu lado.
Na saída, a verdade é que a música de ambiente fai que te motives un pouco mais. Sempre digo que hai un momento para cada música e unha música para cada momento, e eu, que son mais de Silvio Rodríguez, Aute, Serrat ou Sabina, recoñezo que a música de AC/DC, neses momentos, motiva un ovo.
Dan a saída é, como era de esperar, o primeiro km, ou mais aló, vaise facendo con moita xente ao teu arredor.
Coindideume nunha veira, pegado aos conos separadores, e había que andar con coidado de no chocar con algúns, aínda que ás veces tiveras que saírte dalgún, claro.
O que si me chamou a atención, eu que non son moi coñecedor da Coruña, foi a cantidade de furados, cubertas de alcantarillado mal colocadas ou piso da carreira en mal estado. En non poucas veces algún dos que levaba diante avisaban deste feito, ou eu mesmo aos que viñan detrás.
Entre o km 2 é 3, atópome coa lebre da hora e media. Vou correndo un pouco detrás dela.
Aí xa te das de conta da xente que vai con esa idea, xuntándose un grupo bastante numeroso.
Recoñezo que non pensara nese detalle antes da carreira. Sabía que habería lebres, si, pero non reparei no detalle de correr detrás de unha en concreto. Sempre me pareceu que iso era quitarlle moita emoción á proba. Algo así como firmar o resultado dun partido xa antes de comenzalo.
Prefiro a idea de saír a facelo o mellor que poda sobre un obxectivo base e, logo xa veremos como sae, tanto se o fas mellor do que pensabas, como se o fas peor.
Entre outras cousas porque o ritmo que ti buscas, aquel có que te sintes ben nos distintos momentos da carreira, non ten porque ser o da lebre, xa que igual eres mais de empezar amodo para rematar forte, ou ao revés....
O caso é que o ritmo que levaba aquela lebre pareceume un chisco mais lento do que eu buscaba. Notei que un pouquiño, non moito claro, mais rápido do que iban era un ritmo perfectamente asumible por min, polo que decidín deixalos atrás, eso sí, pouco a pouco.
Por certo, despois toparíame cun rapaz que me preguntou a que ritmo íamos. Algo me soaba a súa cara. Ata que me dou de conta de que era a lebre da hora e media, pero sen o globo....
Camiño do primeiro avituallamento xa cometín un erro.
Gústame visualizar a carreira xa antes de correla (de aí a dificultade de cando vas por primeira vez), e unha das cousas nas que pensara era a estratexia de hidratación/xeles.
Tras moito batallar, e vista a dificultade que sempre teño para beber dos botellíns de auga sen parar de correr, este ano levaba nun cinto dúas botellas de 150 ml. desas que se ven moito nos trails, que só sae auga se apertas ben.
Nesas botellas ía tamén un xel en cada unha. A idea era tomalas antes do avituallamento dos 10 km unha, e dos 15 a outra. E digo antes dos avituallamentos porque quería aproveitar a auga que daban aí para axudar a pasar o líquido dos xeles. Inda que non puidera beber ben das botellas que daban os voluntarios, ai polo menos me serviría para axudar a pasar o xel.
Nese primeiro avituallamento, o dos 5 km, a idea era tomar soamente auga, da que ofrecen na carreira, pequenos sorbos, simplemente por mollar un pouco a boca, pero pilloume un pouco de sorpresa e, cando quixen darme de conta xa estaba pasando de longo....
Aí xa ves que a carreira xa se vai estirando. Eu ando nos ritmos previstos, pasando a unha media de 4:12 por ese punto.
De tódolos xeitos, tamén teño que dicir que, como ando en plena reconversión de mentalidade, cada vez adaptándome mais a correr por potencia e non tanto por ritmo, marcárame un obxectivo que tamén estaba cumprindo, pasando por ese punto a unha media de 294 w.
Tamén pasa outra cousa. O vento que pegaba esa mañá facía un pouco imprevisible o ritmo ao que poderías correr, mentres que tentar de manter uns valores de potencia (esforzo) por ti asumibles sería moito mais adecuado, xa que si empeza a soprar o vento en contra non vas poder seguir a ese ritmo de min/km, pero si poderás manterte nos niveis de esforzo adecuados para ti.
Por iso tentei de manterme toda a carreira (dentro do posible claro) nuns valores de potencia asumibles, que eu sabía adecuados para esta distancia.
Seguen a pasar os km e seguimos no obxectivo de esforzo para poder baixar desa hora e media final andando por uns 296 w e 4:12 min/km de media polos 10 km, calcado ao paso dos 5 km.
E aí xa cometín outro erro. Realmente a miña cruz son os avituallamentos.
Levaba a idea de tomar antes o xel da botella que eu levaba e logo beber algo mais das botellas que ofrecían os/as voluntarios/as.
Para iso debería ser capaz de beber antes da botella que eu levaba. Algo que me gusta dela é que non é moi grande, cóllese ben coa man mentres corres, e vas dando pequenos sorbos, condición imprescindible para min, xa que non son capaz de beber moita cantidade de golpe mentres corro.
Pero o caso é que empecei a bebela moi tarde, xa case onde estaba o posto de bebidas, polo cal pasei por el coa miña botella na man, inda sen rematar de bebela, polo que non collín a botella de auga que ofrecían, e non é que o xel non pase ben, pero si noto que 150 ml non é moita cantidade de líquido.
Este tema dos avituallamentos e a miña materia pendente cara ao futuro. Xa non digo nada se realmente quero correr a maratón da Coruña de outubro....
Ben seguimos adiante, xa coa xente moi estirada, e pasamos polos seguintes 15 km a 294 w e 4:13 min/km de media total, con parciais cada 5 km de:
294w 4:12 min/km
297 w 4:11 min/km
292 w 4:17 min/km
Neste último parcial de 5 km (do km 10 ao 15), xa se nota outra pequena baixada produto da miña mala execución á hora de beber. Demoro moito o ritmo no feito de abrir a cremalleira do cinto, sacar a botella, que estaba apretuxada ao lado da outra e non saía ben....volver a facer a mesma manobra para gardala.... e iso pasoume polo km 10 e polo 15, onde se ve como baixo o ritmo neses km. Pequenos detalles que fan que se note no resultado final, claro.
Volvo a repetilo, teño que practicar mais este punto e buscar a fórmula que me demore o menos posible sen deixar de hidratarme ben. Se teño en mente poder facer a maratón completa non podo deixar estes puntos soltos, un pouco ao azar....
No tramo que vai entre o km 15 e o 20, ou practicamente o final, foi onde se fraguou o non baixar realmente de hora e media, xa que a última subida, xunto con ese vento que pegaba fixo que baixara o ritmo con parciais de 4:29, 4:27 ou 4:21 min/km.
Eso sí, tratando de manter a potencia, xa que sabía que sei intentaba ir aí mais rápido e, polo tanto desenrolando maiores valores de esforzo, logo ía ser complicado rematar ben a proba na última recta final.
Eu son persoa que lle gusta rematar as carreiras aumentando ben o ritmo no ultimo km, non me sinto nada ben comigo mesmo se non me vexo con forzas de facelo.
Pero, para iso, tes que ser capaz de gardar algo. Ben é certo que nese último tramo, sabedor de que xa queda nada, acabas sacando forzas de onde non as tes, pero é importante (outra cousa mais que aprendes a base de ir a carreiras) non desfondarse nos km previos.
Non sei....pero da unha satisfacción persoal moi gratificante o poder rematar unha carreira de xeito rápido, entrando na liña de meta como si estiveras disputando a vitoria final.
Supoño que será un pouco algo así como a pequena consolación daqueles que non vamos ganar, pero que tamén temos dereito ao noso minuto de gloria....
Por certo, relativo ao tempo final e á distancia percorrida, eu pensaba que, ao ser unha proba homologada, axustaríase bastante á distancia dos 21,1 km. Xa sei que non pode ser exacta exacta, que os GPS tamén teñen a súa taxxa de erro, pero chamoume a atención ver que a todo o mundo que puden comprobar saíalles distancias todas por enriba.
A min saeume 21.360 m, pero a moita xente deulle incluso algo mais 500 ou 600 metros mais.
Por iso, o tempo que me marca, dende que lle din a Star ao pasar pola liña de saída, ata que parei ao pasar pola meta, no meu caso eran eses 21.360 m dando un tempo de 1:30:30, pero tomando a distancia exacta de medio maratón, xa me marca Strava un tempo de 1:29:24, có cal pódese dicir que cumprín o obxectivo de baixar de hora e media nesa distancia
Medalla de madeira de carreira rematada (odio os americanismos tipo "finisher"), algo de bebida e froita e misión cumprida.
Outro punto que teño que ter en conta para futuras veces é o de traer algo de roupa e deixala no gardaroupa da carreira, xa que desde que remataba, bebías algo e comías un pouco de froita, ata que chegaas ao coche na explanada de Riazor pasaba un bó tempo e enfriabaste ben. Unha chaqueta viría de perlas. Anotado queda.
A carreira en Strava:
https://www.strava.com/activities/3105043909
Máis lonxe, máis rápido, máis feliz.
www.recetasbellas.com
Última edición por JuanBellas o Mar, 18 Feb 2020, 14:59; editado 2 veces