Dom, 22 Ago 2021, 19:04
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela: " Semana grande de Louro"
Como as Fallas para os de Valencia. Como os Sanfermines para os de Iruña. No meu calendario hai unha "Semana grande", que non sempre dura sete días, que en xeral inclúe a Carreira das Áreas ( cando se organiza), e que celebro en Louro como sede invariable.
O "programa das festas" (sen saúdo da alcaldía, parroquia, coral polifónica ou club de remo, nen publicidade de taller ou supermercado) foi o seguinte:
Luns 16 de agosto: Alborada e pasarrúas dende San Francisco ata o Faro de Louro, ás 7:30 da mañá.
No camiño de ida tiven a ruta para min soa, co sol amanecendo xusto no momento exacto por riba do Barbanza. No camiño de volta xa me crucei cun par de paseantes de cans, dous tríos de camiñantes por prescripción médica e un atleta que saudou sonrinte por solidariedade gremial. Un censo nutrido tendo en conta a hora e o lugar.
En total 6,5 km ( aprox) a ritmo tan lento como feliz.
Martes 17 de agosto : Paseo pola praia de Lariño.
Non é que sexa moita distancia desde o faro ata as rochas que fan fronteira co Ancoradoiro, pero foi abondo para reforzar a musculatura dos pes cavos, tonificar os xemelgos, estimular a circulación nas varices, e sumar pasos para cumplir o obxectivo diario. Unha sorte podelo facer nun lugar semideserto, especial sempre
Mércores 18 de agosto : Trote rexenerativo a dúo.
Outro dos clásicos da semana grande. Normalmente tocaba facelo despois da carreira de Carnota, para recompoñerse das heroicidades atléticas da víspera. Desta volta foi algo un chisco máis xeriátrico, con máis andaina que trote. Eu aínda lle teño respeto ao xeonllo esquerdo, e o meu correlega de Sparkland andaba máis sumido no seu ritmo zen de veraneante, e arrastrando andazos varios acumulados no seu corpo de veterano E. O que non quitou que cando chegou a costa abaixo de volta a San Francisco nos picásemos un pouco, e rematamos facendo 500 m a ritmo de 4:30. Non temos remedio.
Xoves 19 de agosto: Celebración solemne na honra do Monte Pindo e procesión pola praia de Carnota.
Sen dúbida, o acto central da semana grande. E xusto nesta ocasión, sen convocatoria oficial de carreira, había a temperatura ideal, e a consistencia perfecta da área, lisiña, compacta, case sen pegadas.
Tocaba disfrutar a tope, pero despois do sprint do día anterior, e calculando o que me quedaba para o día seguinte, optei por ir literalmente a ritmo de procesión. Tanto medo lle tiña a forzar o xeonllo e quedar sen folgos para o tramo de volta cara Boca do Río, que os primeiros 5 km sairon a un ritmo de 7 min/km ou case. Logo, como vin que o corpo respondía, xa lle metín máis caña, e no tramo último, de asfalto, gastei xa todas as reservas sen medo. Ao final foron 10,1 km, en 1h 6min. Máis ou menos 9 a10 minutos máis que as edicións nas que corrín sen lesións e con entrenos serios. De remate, baño sen neopreno, aguantando case ata o límite da hipotermia. Augas cristalinas as de Carnota, polo azul turquesa transparente, pero sobre todo porque cortan como cristais nos termorreceptores da pel.
Venres 20 de agosto : Subida á Moa.
Polo camiño fácil, desde a parte de atrás, pasado o encoro do Xallas. 2,6 km de montaña, asequibles e espectaculares. Hora e media de subida, media hora longa de contemplación no alto da Moa, zafando de turistas. Xantar de monte, baixo os piñeiros, con vistas aos penedos, o mar ao lonxe.
Despois de rematar o descenso, completamos a recuperación estirando as pernas entre as dunas da praia de Lariño
Sábado 21 de agosto: Fin da semana grande.
Sen tirada de foguetes, mais ben todo o contrario : chuvia persistente que nos fixo deixar Louro antes do previsto, e sen posibilidade de actividade atlética nen nada semellante.
Domingo 22 de agosto : Resaca
Entre a actividade intensa da semana, e traballo doméstico arreo de baleirado de maletas, coadas, viaxes ao tendal limpeza e poñer a casa a andar de novo, o xeonllo esquerdo anda dando síntomas serios de inflamación. Escribo agora coas pernas estiradas no sofá, e valorando se tomar Celecobix nunha tanda de 3 días. Imos agardar a mañá.
Di o refrán que " o corpo as fai é o corpo as pagha". Pero eu só penso aquelo de "que me quiten lo bailao"