Dom, 10 Abr 2022, 18:02
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela : " XXI Media maratón Vigo Baiona"
Iso é para a organización. Para min foi a X media maratón. Ocasión para celebrar se mire por onde se mire, polo número redondo, e porque hai 2 anos estaba sumida en plena lesión, sen esperanzas de volver correr, e pensando que o meu único futuro serían as andainas.
Pero así son as voltas da vida, será polo efecto "caixa de bombóns" de Forrest Gump, ou a profecía beateliana de que o futuro nunca se coñece. O caso é que aí estaba eu hoxe, sendo da partida, encantada de estar con toda a xente do equipo, pero sen telas todas conmigo.
Moi escaso tempo de preparación real, e aínda por riba esta última semana quedou só con unha única saída, frouxa, cero táboas de exercicios, e por riba onte unha sesión intensiva de leiragim recortando o sebe ao redor da casa, cousas que saen ao paso e que non calcula unha ben as consecuencias.
Contaba con ver a Don Andrés 61 na liña de saída, pero alguén nalgún lugar debeu clavar dúas cruces no monte do olvido, e o destino unha volta máis quixo que corresemos separados.
Eramos moitas persoas pendentes do globo das 2 horas, pero saíu moi adiante, e corría a un ritmo de 5 :20 e non de 5:40.
Eu dediqueime simplemente a ir ao meu, e xa tiña de abondo con iso.
Pouco a pouco fin chegando a Canido, subindo Mide sen decaer. De feito foron saíndo os 10 primeiros kilómetros de libro, a ritmo medio de 5:30,5:31, o que eu calculaba. Pero pasados eses 10 km xa tocaba entrar en terra ignota. Máis de 3 anos sen facer esa distancia.
De caixa ía ben, pero as pernas ían algo pesadas, a pesar do suministro de gominolas enerxéticas cada 4 ou 5 km. Como o ceo abriu e comezou a facer bochorno, a opción era mollar o lombo e as pernas todo canto poida con cada botella de auga e cada esponxa.
Ao final o resultado de tanto refrescar foi que todo foi parar aos pés, e tiven que encarar Monte Lourido cos pés enchoupados coma se tivese chovido, e cun medio amago de bocha no pulgar do pe dereito.
O que non foi impedimento para acompañar cos brazos ao vento as muiñeiras dos gaiteiros de Monte Lourido, e subir a costa sen incidentes.
Cando pasei Sabarís xa ía en modo supervivencia. Nunha zona plana, onde tocaría ir a 5:20 ou 5:30, as forzas ían moi xustas e o ritmo non baixaba de 5:40.
Con todo foi de abondo para remontar 36 postos de todos cantos perdera desde o km 13, deixando atrás con mágoa ás persoas que ían quedando no chan agardando a ambulancia, ou parando a un lado a so 400 metros da meta.
O globo das 2horas, que deixara tempo atrás a media carreira, volveu a adiantarme na entrada a Baiona. Pero deixeino ir, habida conta que as súas distancias e ritmos eran outros.
Fixen ese último kilómetro cos dentes, loitando contra o cronómetro.
Cando pasei polo arco de meta o meu garmin marcaba 1:59:59. Felicidade abonda do obxectivo cumplido, que tiven ocasión de compartir con Jose e Satán que estaban tamén na zona de chegada.
Logo tocou reunirme co meu "utillero e preparador", na procura do coche aparcado, que estaba máis para alá da Virxe da Roca, pero todo contou como andaina rexenerativa.
Para esta edición, non habendo xantar colectivo en Torroña, a estratexia foi facer un cambio de roupa e aseo básico antes de entrar no coche, ducharme cómodamente en casa, sen facer cola, e logo ir xantar no primeiro sitio de boa pinta que atópasemos aberto... Acerto rotundo. As navallas e o arroz con chocos, coas filloas con chocolate de sobremesa non podían saber mellor. E con vistas á Guia.
Agora de volta en casa, tumbada no sofá, vexo que para Championchip tardei 3 segundos máis, facendo 2 horas e 2 segundos. Pero non imos discutir por calderillas.
Tendo en conta que no resto todo saíu sobre o esperado :
- Posto 297 de 616 mulleres chegadas a meta
- Posto 15 de 39 veteranas + 55
Así que unha volta máis, reinstalada no meu lugar habitual do "aprobado discreto" entre as velloucas. E o xeonllo esquerdo no seu sitio sen inflamarse.
Todo iso sumado aos logros variados das compañeiras e compañeiros de equipo ( 17 na maratón, 20 na media e 5 na Mini)
Penso que non podo pedir máis.
Última edición por Meigalicix o Lun, 11 Abr 2022, 19:28; editado 1 vez