Xov, 23 Xuñ 2022, 23:15
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da Favela: "Carreira de San Xoán 2022"
Nin a "operación sardiña" doutros anos, e con menos sentido ca un chincho, como din aquí na Favela. Desta volta primou a antiplanificación e o imprevisible.
Escasos 2 entrenos nas últimas semanas. Algún aperitivo de bici estática nestas tardes de chuvia. Andainas urbanas. Moita vida sedentaria por mor do traballo, e o glúteo dereito dando caña sempre, aínda que a fisio hai semana e pico dixera que ía mellor.
Por outra banda estaba planificado que no día 23 ía ter horas extras ata as 9 da noite e xa non contaba con poder ir á carreira de San Xoán.
Pero, sorpresas da vida, as tandas de horas extras non comezan ata o 27. E sen pensalo moito calcei as zapatillas. Xusto no día que tocaba estrear plantillas novas. " A lo loco, a lo loco", como a Luisa Linares... E xa así as cousas, por que non ir quentando a trote intermitente desde Teis ata a Praza do Rei? Dito e feito.
Sobre as 20:15 cheguei puntual, para facer a Carmafoto ( con Jesús Bernal de artista invitado
), para seguir quentando un pouco e finalmente poñerme no meu lugar: última fila da saída, formando parte dun animado grupo de "nécoras", integrado por Fredy, Fon, Jose, Fran e Jorge entre outros.
Xa sabía eu que o de estar eles na última fila era puro postureo e partida de póquer. Pero estivo ben ir rodeada de compañeiros baixando por Romil, aguantando tirón por Pi y Margal e recuperando na Rúa Coruña.
Os meus cálculos eran aguantar con eles ata a Praza da Industria e deixalos ir en Tomás Alonso, onde xa sabía eu que me ía quedar freada nas costas.
E así foi exactamente, volvendo por un momento á miña situación natural de correr soa en terra de ninguén. Momentos que dan para deixar voar os pensamentos, e por exemplo lembrar con certa saudade a persoas que eran habituais nesta cita, Sanmikel, Papa-Leguas, o Doutor... Pero dos pensamentos no aire aterrizo de novo na realidade ao sentir que xa non vou soa, e que me veñen pola esquerda dous corredores. Un con camiseta do Bikila e outro, tamén Bikila pero camiseta marca branca... E non dou crédito: A falta de un Dani Gatuno para adiantarme en Tomás Alonso, resulta que teño un Dani Bargiela!!... Evidentemente en modo paseo tranquilo, doutro xeito no teriamos coincidido na mesma franxa de carreira eses metros ata a baixada a Bouzas.
Sabendo que a miña camiseta do Carma xa era unha tarxeta de presentación, e sobre todo porque o falar non ten cancelas, saíume dicir así sen pensalo dúas veces:
- "Na vida pensei de ir nunha carreira á par túa, e ademais correndo coas zapatillas que tí me vendiches" Comentario que lle arrincou un par de risas e algunha frase amable, como que me via ben correndo e que debía fichar polo Bikila. Ao que eu tamén lle respondín amablemente que o noso amigo común, Beauvais, presidente do Carma, no ía a autorizar tal traspaso.
Sen prisa, sen pausa e sen despeinarse seguiu o seu camiño co seu compañeiro pola rotonda de Bouzas ata o infinito e máis aló.
Eu quedei de novo en terra de ninguén, nesa longa e monótona chaira ata o Berbés, adiantando e sendo adiantada a relevos repetidos, pero sempre ao meu ritmo, procurando manterme con vida. Aí no tope de pulsacións, pero sen chegar a sufrir sen remedio. O obxectivo era acabar.
E ao final tampouco saíu tan mal : Os do alegre grupo de nécoras só me sacaron un minuto, e eu rematei en 40:32. Abondo para quedar máis ou menos na metade da clasificación feminina, e exactamente no posto 8 de 16 nas velloucas F3... Un digno 5 raspado, xusto na xornada en que nos centros escolares daban as notas finais.
Nos sei como lle irán as pernas mañá, pero agora mesmo estou contenta e sorprendida de seguir aí, no punto de sempre.