Ven, 29 Abr 2022, 13:04
Asunto: VII Carreira Popular Concello de San Sadurniño
VII Carreira Popular Concello de San Sadurniño, que regresa tras dous anos suspendida por causa da pandemia.
Será o domingo 5 de xuño con saída da primeira proba ás 11:00h, aínda que a carreira absoluta comezará ás 11:30h sobre un trazado de 5 quilómetros que presenta como principal novidade o seu paso pola zona de Cornide. Outra novidade é que neste 2022 a popular colle o lema “corre polo Medio Ambiente”, co obxectivo de chamar a atención sobre os problemas que vén sufrindo o Xuvia nos últimos tempos.
A VII Careira Popular de San Sadurniño agarda repetir o éxito de 2019, cando se completou o cupo de 650 persoas que, como máximo, podían participar na categoría absoluta. Este ano o tope establecido por razóns de seguridade e loxísticas rebáixase a 500 participantes na carreira de 5 quilómetros -Sub 16, Sub 18, Senior, Máster M40 e Máster M50-, mentres que nas demais -Sub 14, Sub 12, Sub 10 e Peques- non haberá límite de inscricións.
As categorías inferiores correrán de balde, coma sempre, en circuítos de distintas distancias sen saír da zona do arboreto de conservación de especies autóctonas situado ao pé do paseo fluvial. Na carreira grande -cuxa inscrición son 5€- hai unha novidade importante, xa que en vez de dar dúas voltas na zona da Bidueda (Metalfra/Intasa/naves de Pena) este ano farase unha rolda máis grande pasando pola estrada de Ferreira, xirando logo cara á fábrica de taboleiros e cruzando Cornide antes de regresar ao paseo fluvial.
Son 5 quilómetros igualmente, coa diferenza de que o trazado será máis visual para o público e tamén un chisco máis dificultoso para as corredoras e corredores, xa que entre o quilómetro 2,4 e 3 terán que salvar 45 metros de desnivel costa arriba e inmediatamente despois facer outros case 600 metros de distancia cun desnivel negativo de 50 metros, antes de encarar o último quilómetro da proba.
A sétima popular de San Sadurniño é xa unha das citas clásicas para o deporte afeccionado da comarca. Iniciouse coa colaboración do Concello e do CPI San Sadurniño. Este ano figura como organizador só o Concello, que contará coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo. Ademais tamén colabora a clínica local Fisio-Che-Ben cun servizo de fisioterapia.
Toda a información pode atoparse na web Emesports. O último día para formalizar as inscricións é o próximo 30 de maio e non haberá posibilidade de anotarse o propio día da carreira.