Mér, 17 Mai 2023, 17:55
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela : "III Carreira Praia de Samil"
A estas alturas da vida xa non hai necesidade ningunha de disimular nin de preocuparse pola reputación... Así que o confesarei abertamente : Nin luns nin martes logréi sacar tempo para exercicios de reforzo, e onte pola tarde e despois de cear dediqueime a tarefas que non axudaron moito a coidar as pernas. Nin me deitei especialmente cedo, nin fixen nada en particular coa dieta da cea e do almorzo. Invadida por un sentimento case de indiferencia, de ir a esta carreira como quen vai a mercar o pan ou sacar o lixo.
Con este lema mental de "malo será e xa sairá o que teña que sair", marchamos de casa sobre as 9 da mañá o meu chófer /utillero/siareiro máis eu.
Ás 9:30 xa estaba polo paseo de Samil trotando, quentando, buscando servizos onde estivese aberto o de mulleres ( cousa que aínda costou). De contado din coas compañeiras do Carma. Seguimos quentando un pouquiño máis e xa logo fumos collendo sitio na area da praia. Últimos minutos para que coñecidos e achegados nos fixeran fotos de grupo.
Non me quedou moi claro onde quedaba a liña imaxinaria de saída que nos decían por megafonía, pero por si acaso marchei ben para atrás. Eramos alí máis de 600 persoas e mellor que correse o aire.
Inevitables e repetidas palabras de Don Abel o Omnipresente, e xa botamos a correr pola area de Samil.
A verdade que a temperatura e a consistencia da area eran perfectas. O que xa non era perfecta era a sensación de tirantez e agarroramento nos glúteos ao dereito de saír.
Menos mal que pouco a pouco, co movemento todo se foi anestesiando dalgún xeito e logrei coller un ritmo aceptable. A modo pero sen baixar ritmo, fun adiantando posicións, levando conta das que eu identificaba como veteranas F4 ou F5.
A miña única referencia de carreira en area é Carnota. Crin que sería un punto importante de experiencia, mais de pouco me serviu cando tocou ir costa arriba por area seca camiño do piñeiral, ou na montaña rusa que foi o circuíto en fila india polo monte da outra banda da estrada.
Pero non hai mal que cen anos dure nin corpo que o resista. E cando acordei, xa estaba en pleno camiño de volta . Na baixada polo tramo de area seca fun adiantada por moitos dos que adiantara previamente no piñeiral. Pero tanto tiña, sempre e cando non se tratase de veteranas F4... E casi me salen mal as contas, pois no último momento, no arco de meta sacoume un segundo unha veterana, menos mal que era F2.
Xa na zona de chegada pasei un tempo saudando e despedíndome da xente do equipo, e tratei de buscar a listaxe de clasificacións por algures, pero sen sorte. Por outra banda no regulamento poñían que só se faría entrega de trofeos para a clasificación absoluta.
Así que marchei para o aparcamento onde xa agardaba por min o meu chófer /siareiro.
Volvendo para casa dediqueime a consultar as clasificacións polo móbil. E os resultados cos que me atopei foron os seguintes:
Tempo neto: 46:04, ritmo 5:42 min/ km, que para ser como era o trazado aínda non foi tan mal.
Posto 393 de 573 persoas chegadas a meta ( anotadas había 689)
Posto 54 de 145 na xeral feminina.
A sorpresa foi ver qué finalmente, malia a improvisación dos últimos días e as molestias varias, o rendemento final foi abondo para quedar de primeira clasificada na categoría F4. Así que van caer uns cantos puntos do circuíto para a saca, aos que se deberían sumar os puntos da Vig Bay ( se é que a organización da Runrunvigo ten a ben facelo antes do cambio de século...).
E xa en casa seguín revisando o móbil. Había unha chea de mensaxes con todas as fotos. E tamén outra do compañeiro Suso informando que si que houbera premiación para todas as categorías, e que xa se encargara el de recoller o meu agasallo... Se o chego a saber, esperaba. Está claro que non se pode tomar ao pé da letra o dos reglamentos. Tereino presente para a vindeira carreira.
En fin, aínda que non saia na foto oficial, ben está o que ben remata. Así que damos por conseguido satisfactoriamente o primeiro obxectivo da operación F4.
Contenta dos resultados, e contenta tamén por lucir unha vez máis "a negra do Trigal" e formar parte desta Carmafamilia.
Agora, merecido descanso e xa pensando en cómo revalidar na Carreira de San Xoán