Dom, 05 Nov 2023, 17:38
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela: " A 21 de Vigo"
Minto máis que respiro, últimamente. Se cadra debería cambiar de profesión e pedirlle a Rueda ou Feijoo que me contraten de asesora de campaña.
Pero precisamente porque sigo na profesión que teño, tocoume un mes de traballo extra diante do ordenador, sen subir dos 14 ou 15 km de rodaxe semanais, no mellor dos casos, e a ritmos de 6min/km. Creo que nunca me enfrontei a una media maratón con tan pouca preparación. Unha tolería.
Así que os obxectivos hoxe eran rematar a carreira viva e volver a casa sen lesións. Calquera outra cousa sería secundaria. Especialmente tendo en conta que era a primeira vez que facía esta carreira e non lle tiña collido o tintimán ao percorrido.
O meu utillero e preparador físico esta vez fixo só de chofer para a ida, e xa quedou agotado no intento, con tantos cortes de tráfico e desvíos que pillamos de Teis ao Vao.
Cando cheguei xa había moita animación, se cadra demasiada.
Toda unha invasión de compañeiros e compañeiras nécoras polo gardarroupa e a cafetería.
Por unha vez pareceume que a cola para os aseos dos homes era moito máis longa e lenta que a de mulleres, pero ao final resultou ser unha ilusión óptica.
Solventado este obstáculo inevitable, marchei para afora a quentar un pouco, escorrentando a chuvia intermitente coa capa de plástico.
Como eramos só catro gatos e o spiker xa estaba aburrido de entrevistar pola banda de Laiño, entón doulle por vir á banda de Lestrove. Eu andaba ao meu, e de súpeto escoito por megafonía :
"... E temos aquí a esta compañeira do Car Marisqueiro que nos vai dedicar unhas palabras" Así, en seco, sen levar a chuleta preparada... En fin, contestéi cómo puiden as clásicas preguntas ( tan clásicas que non lembro ningunha). Como eran só catro gatos a escoitar tampouco creo que tivese máis trascendencia.
Xa a cinco minutos da saída voume indo para o furgón de cola, procurando quedar entre o globo de 1 hora 55 e o de 2 horas, pensando que se cadra debería irme aínda máis atrás.
Ao meu carón estaba o compañeiro nécora
JAGC, comentando que tamén viña tocado e con intención de simplemente rematar.
Saímos con calma. Sentíame cómoda e fun tirando ao meu ritmo.
Máis ou menos no km 3 atopei a
Andres61, e púxenme á par, con intención de asinar un contrato de coexistencia pacífica e colaboración bilateral para todo o percorrido.
A cousa ía funcionando ben, tirando mutuamente nas costas arriba, freando sen crear ocos nas costas abaixo, desafiando aos trebons, gozando das ocasionais visitas do arco da vella, e ata botando peito ante algún desafío, como o de rebasar e deixar atrás a certa archirrival común, así, dous contra unha, cousa que logramos se esforzo entre Canido e Samil.
Nese momento uniuse a nós desde atrás o compañeiro
JAGC. Tras un breve intercambio de saúdos ( tan breve como os folgos que nos deixaba o ritmo de carreira),
JAGC fainos unha seña da brisca, ou do tute ( eu sempre fun malísima para iso), indicando sen palabras que tiñamos aí outra vez á par á nosa archirrival.
Non me sorprendeu, porque é unha persoa que resiste ben, e ten moi traballada a estratexia da "goma".
Pero os seres humanos somos así, e saíume a vea esa de "madre por mí y mis compañeros", e fixen cambio de ritmo e púxenme diante.
Creo lembrar o berro de guerra de
Andres61 antes da rotonda da Avenida de Europa, o que interpretei como sinal de que os tres recuperaramos as posicións. E así parecía ser que iamos durante o tramo de subida, e polo tramo de baixada de novo ata Samil.
Chegando outra vez á rotonda miro para atrás e vexo que
Andrés61 estase a quedar bastantes metros atrás. Por un momento non sei se frear ou volver. Pero él berra : - "Tira, tira!"
-"Síntoo moitísimo, avogado!" contesteille.
E tirei ao meu ritmo. Máis ben ao ritmo cómodo que me deixaban os pulmóns. Por aí non había problema ningún. O conflicto era cos glúteos e cuádriceps rebasada a distancia dos 9 km que están afeitos a facer.
Pero quen manda é o cerebro. Fun sobornando á musculatura a base de gominolas enerxéticas cada 5 ou 6 km. Non evitei o conflicto laboral, pero polo menos non se chegou á situación de folga/piquete/calambre.
Por esa recta interminable que vai de Bouzas ata o Areal sufrín outra ilusión óptica: Non sabería dicir de que equipo era esta muller, levaba unha camiseta gris escura coa inscrición da palabra "finisher" detrás, en maiúsculas. Ás veces adiantaba eu, ás veces adiantaba ela. Unhas veces levaba coleta, outras trenzas, outras o dorsal pegado detrás. Pero para min sempre eran as mesmas pernas e o mesmo ritmo... En fin, serían dun grupo deses de relevos cuádruples que había. Vai ti saber cantas eran no equipo e cantas adiantei realmente...
Sumida nesas reflexións filosóficas vinme xa no tramo dos túneles. Moi futurista o efecto de ir por aí, a escuras, sen coches. Parecía como sacado de "Los juegos del hambre" ou "Mad max".
Cando me tocou de facer o tramo de volta vin pasar polo outro lado a
Andres61, e dinlle un bo berro de ánimo. Saber que seguía vivo e non moi lonxe curoume un pouco a mala conciencia de deixalo en Samil á súa sorte ( unha edición máis).
De alí a pouco tempo tocou saír do túnel (en todos os sentidos).
Salto de pozas pola zona peonil, algún saúdo efusivo dalgún compañeiro nécora, e xa por fin a chegada ao Náutico, con sol e todo.
Segundo o meu Garmin 1 hora e 57 minutos e algo máis.
Xenial. As festas para despois, a prioridade agora era recuperar a mochila, cambiar a roupa e non arrefriarme.
Costou un pouco dar co sitio e atopar algo de espazo onde remexerme alí , pero logrei no enredar moito.
Paso número dous, unha vez cambiada e abrigada, atopar algún cartel ou pantalla coas clasificacións... Ao final só avisaban por megafonía, co cal tocou ir ao paso número tres: dar co lugar das premiacións. E iso si que foi difícil. Os meus compañeiros de equipo mais eu pensabamos nuns caixóns ao aire libre nalgún lateral do Náutico, espazo aberto onde saúdar, sacar fotos, moverse en definitiva... Pero a organización optou por meter a todo o mundo no almacén pequerrechiño que previamente fixera de gardarroupa. Outra tolería.
O que non sabía eu era a contrapartida que ía traer ese estado de apiñamento: Resulta que o padriño da carreira, Gómez Noya , o olímpico en persoa, despois de recoller o seu agasallo viuse para a esquína onde estaba eu, con tan só un espectador de separación. E como el estaba alí instalado, a madriña da carreira, Julia Vaquero, pasouse tamén a saudar.
Como son unha persoa educada e respetuosa, deixei o meu móbil ben tranquilo no peto. Nada de fotos roubadas, nin de andar a incordiar con solicitudes de selfies... Pero cando me tocou de moverme e pasar por diante, non o puiden evitar :
"Seguro que xa cho dixeron mil veces esta mañán pero aquí vai outra: Grazas por vir, e grazas por estar aquí asistindo a todas as premiacions e no só as primeiras" Un par de sorrisos encantadores por resposta... Como non teño fotos igual diredes que o estou a inventar. Pero xuro que foi certo é teño testemuñas
Resumindo, que xa me estou alongado de máis :
- Sigo de segunda na F4, o cal xa a tiña asegurado só con participar
- Tempo oficial 1:57:51 ou algo así
- Posto 37 de 64 na xeral feminina da media maratón
- Case 7 minutos de vantaxe en meta sobre a archirrival, que tamén foi adiantada finalmente por Andres61 e JAGC. Outros peinan bombillas para entreterse e motivarse, pero que lle imos facer, a condición humana é así. Non vou negar que foi divertido.
Dentro dunha semana toca ir á San Martiño. Visto o visto, creo que me vou dedicar a descansar todos estes días e tomala como entreno de descarga. Se chego alá e acabo en menos de 55 minutos, patento o sistema de "non entreno"
Última edición por Meigalicix o Dom, 05 Nov 2023, 23:39; editado 2 veces