Mér, 17 Xul 2024, 14:26
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela : "Pode ser cousa das gafas que non oia ben"
Estamos no XXX aniversario do Xabarín Club . Ese espazo alternativo onde Victor Coyote cantaba aquelo de "pode ser que si, pode ser que non , pode ser da Nasa ou doutra Galaxia, pode ser cousa das gafas que non oia ben".
Tamén había algún grupo que cantaba o de "haiche moito tolo no teu videoxogo"
Pois algo así me sinto eu agora, como que haiche moito tolo neste videoxogo dos ximnasios de rehabilitación disposto a dicir que vai ser cousa das gafas que me lesione ben... E como cheguei a recibir a bendición desta revelación divina???
Digamos que todo se enguedellou a finais de maio. Daquela tivemos unha xornada xenial de quedada deportiva unha manchea de nécoras do Carma. Unha moza experta en técnica de carreira dounos unha sesion de moito proveito na que me sentín tan ben , e me vin tan para arriba que non me cortei de facer todos o exercicios de salto e pancada. E claro, o corpo as fai e o corpo as paga, ao día seguite tocou ir á consulta médica a por mais receitas de Celecoxib.
Por se non fose abonda a advertencia da dor da perna, xusto á saida da consulta acabou nas miñas mans unha tarxeta do maestro Camara prometendo adiviñación completa e clara para solucionar problemas de calquera tipo, de saúde por descontado ( o que non me quedou claro foi iso dos problemas de "endulzamiento", pero como de momento no teño necesidade de inxeccións de insulina non lle fixen moito caso).
Resumindo. Nese día tomei conciencia de que isto que levo arrastrando desde febreiro non se amaña con repouso e elíptica.
Preguntando e falando fun dar cun ximnasio no que ofertan actividade de rehabilitación. Fun en xuño a facer a primeira visita . Todo moi happy e moi friendly, e moi hipster. Non lle nego a profesionalidade á persoa que me atendeu. Se cadra son tamén prexuizos meus, propios dunha vella de sesenta anos tratando cun cuasi-milenial , maduriño pero con idade para ser meu fillo. Tampouco lle discuto a clara influencia neurolóxica na actividade deportiva, cómo non vai a afectar a vista, o oído e equilibrio no xeito de correr!! ... Certo que non reparou en tempo e recursos, estivo conmigo desde as 12 :30 ata case as 3 da tarde . Pero tamén me quedaron sobrados motivos para o excepticismo: Realmente é o mais axeitado estar facendo durante dúas horas seguidas exercicios de equilibrio nunha perna sola cando a persoa que os fai acaba de dicirte que ten unha lesión inflamatoria no xeonllo dereito? (de feito ao día seguinte noteino ben)
Máis razóns para o excepticismo: De verdade son fiables os razonamentos de causa-efecto baseados nunha soa variable ? Manter o equilibrio nunha perna soa non depende só da vista e o oído, depende do cansa que estea ou non a musculatura , da propia lesión que traes, e tamén de que chega un momento en que estás ata o cu de facer o mesmo .
Pero como aínda me queda algo de prudencia no corpo, non expresei nada destas reflexións en voz alta. Suponse que hai que respectar o criterio profesional.
Cando si que non puiden disimular a miña cara de quedarme a cadros foi cando me dixo que fose a unha óptica onde me revisarasen non so a graduación senón tamén a postura corporal , e que no momento en que tivese as gafas axeitadas xa podería poñerme de novo cos entrenos e se me amañaba a lesión.
Contesteille algo amolada que si, que me tocaba cambiar de gafas pero que primeiro habería que ver que facer coa lesión antes de botar a correr .
Menos mal que o podólogo que me está a facer as plantillas novas tivo algo máis de sentidiño : "Mira, a lesión deste xeonllo dereito pode parecerse á que tiveches hai tres anos no esquerdo, pero mellor que fagas unha resonancia, non vaia ser que teñas algo no menisco "
Fixenlle caso. Fixen a resonancia, e para a miña desgraza si que hai rotura radial de menisco interno no xeonllo dereito... As vellas non serven pra certos traballos, xa o di a copla. Quen me mandaría a min ir a bailar lindy hop con calzado de calle no mes de febreiro?!!
Segundo a miña fisio non é unha lesión das máis graves, pode que saia adiante sen operar, pero teño dique seco para moooito tempo. O 20 de agosto teño cita no traumatólogo, e co "empático" que é igual xa me asina o certificado de defunción deportiva no mesmo momento... Non me chega a hora de contarlle todo isto ao do ximnasio especializado , a ver que pensa do seu plan inicial que tiña de poñerme a facer exercicios correndo na cinta
De momento o que vou facer é volver a recurrir a consultar telefónicamente a Jota , o meu ex-entrenador persoal a quen tanto boto de menos. Seguro que me manda a golpe de whatsap unha táboa xeitosa de exercicios para facer mentras se cura ( ou non) o menisco.
Boto de menos correr, certo. Non sei se será posible que volver a correr ata dentro dun ano. Ou nunca. Pero estando como está o mundo, e o estado de "non saúde" de persoas ao meu carón, xa nin me sae anoxarme nin poñerme triste.
Aínda bo é se podo facer algo na horta, ou facer recados andando.
Aínda non é a hora de que se cruce por diante o camión