Sáb, 09 Ago 2025, 21:43
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da Favela: XXX Carreira a pe de Lira
Por fin chegou o día. Coas forzas xustas , xa que toda a actividade física desta semana previa foi unha mañá de colleitar patacas, outra de arrincar gramón e pasar a gadañadora eléctrica, e só un entreno ás Catro Pontes igual de lento ca os anteriores. Moito gastar e pouco recargar. A isto hai que sumar outra noite de durmir pouco, co tema de facer todos os preparativos da viaxe.
Finalmente houbo tempo de xantar cedo e con calma, de descansar ben as pernas no hostal de Louro.
Cando fumos coller o coche para ir a Lira , o termómetro marcaba 40 grados ( cousas de estar tres horas aparcado ao sol).
Menos mal que as medida que nos achegabamos a Lira o rexistro ía baixando. E xa no Mar de Lira corría unha brisa do máis agradecida.
Recollido o meu dorsal, o utilleiro marchou a darse un baño á praia e eu quedei na área de descanso bebendo un pouco de auga e vendo como se cociñaba o ambiente das categorías infantis.
Tiña preparada na equipaxe unha dose de gominolas enerxéticas, por non perder a tradición, pero coa ansia de marchar e a miña mala memoria, quedaron na habitación do hostal.
A última hora a xente da organización cambiou a orde da saída das carreiras, e a de 3 km saíu ás 19:20 en lugar de as 19:30.
Pilloume o asunto totalmente fóra de onda, e xa estaba todo o mundo marchando cando me decatei que era a miña quenda. Así que me fun ó arco de saída con polo menos cinco minutos ou máis de diferencia, facendo un pouco o ridículo alí soa e a destempo, pero que lle iamos facer.
A carreira arrincaba por un camiño de trail polo medio do piñeiral de Lira, costa arriba considerable. Logo había que meterse por Portocubelo, sorteando carreiros estreitos e un tramo de escaleiras. Pero o peor estaba por vir, asfalto puro e duro en costa arriba, sen sombra e polo menos 27 ou 28 ⁰ C, así ata aldea de Miñarzo. Milagrosamente fun quen de ilo facendo sen pararme a andar . Pouco a pouco fun adiantando posicións , pero como o remate da carreira era costa abaixo, aí volveron a adiantarme varias das persoas rebasadas.
Finalmente pasei o arco de meta. 3,5 km e máis de 23 minutos, o que da un ritmo lentísimo. Realmente nos últimos entrenos non estaba correndo máis rápido, en tendo en conta o calor é o perfil da carreira, aínda menos mal. E despóis do "Perico Delgado" que me marquei na saída, ter remontando 24 postos desde o 60, ten o seu punto positivo. Pero o mellor é estar agora tumbada, e non notar as máis mínima molestia no xeonllo dereito.
En fin, non foi un retorno nin moi brillante nin moi ortodoxo, pero aquí estamos outra vez en acción.