Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
62 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 05 Out 2025, 18:21
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Sábado 4 de outubro de 2025 - Trail Serra Martiñá
SAN CRISTOVO DE CEA (Concello nº 139)

Vivindo en Coruña, a provincia que teño máis inexplorada (por razóns loxísticas) é a única non límitrofe: Ourense. 92 concellos por correr dos que só teño 'conquistados' 8 e aínda 84 pendentes. Neste caso xa non é tanto a preguiza por correr, senón que as viaxes en coche son bastante máis longas e costosas que no resto de provincias, sobre todo indo sen compañía de forma habitual.

Menos mal que para o primeiro trail da Serra Martiñá celebrado en San Cristovo de Cea, contei co meu colega Rubén. Terceiro trail que compartimos este ano, todos en provincias distintas despois de ir ó Trail Terras de Burón na Fonsagrada (Lugo) e o Trail da Carixa en Vila de Cruces (Pontevedra). Quedei con el en Milladoiro e alá tiramos o sábado de tarde, cunha hora de marxe para ir con calma para aparcar, recoller dorsal e tomar un café. É un pracer ir coñecendo e coincidindo con outros corredores, nesta ocasión cadramos con outra parella de colegas que participaran no Trail da Carixa e que tamén son habituais nas carreiras de monte.

A saída tivo lugar na praza principal do Concello e o número de participantes rondaba os 60 inscritos, cun clima perfecto para correr unha tarde de sábado. Tratouse dunha saída moi ordenada a pesar de meterse nunha rúa estreita nos primeiros metros, e o percorrido non podía ser máis sinxelo: os primeiros 9 quilómetros picando cara arriba con leves baixadas, e os derradeiros 9 km en baixada, sen chegar ós 500 metros de desnivel. Prácticamente todo por pistas de terra, cun par de quilómetros de cortalumes e algunha zona de pedra no que había que ir controlando a pisada. Sen lugar a dúbidas, un trail para ir a fume de carozo, con máis pinta de Cross do Santiso ou Os 21 do Camiño.

No noso caso, fun en todo momento equilibrando forzas e ritmos con Rubén, apertando ben ó comezo, camiñando nas subidas máis empinadas e tirando ben forte costa abaixo. Eu teño claro que a miña especialidade non é o monte, e menos en baixadas que requiran certa técnica, nas que o meu colega sacaba unha clara vantaxe. Iso si, a experiencia é un grado para ir medindo ben cal era o ritmo ideal para cada treito de carreira. Chegamos nos postos 9º e 10º da categoría Senior, 18,8km a un ritmo de 5'25"/km, claro indicador da rapidez deste trail.

Despois dunha ducha, a postcarreira foi espectacular: cañas á esgalla, empanada, callos, chocolate, bica... Todo a fartar, todo riquísimo e ben contentos que volvemos para casa cun pan de Cea baixo o brazo.

Distancia: 18,8k | Desnivel: 485m | Tempo: 1h 42m 49s | Ritmo: 5:25 /km | Posición: 22º (9º Senior)

-----------------------------------------------------

Domingo 5 de outubro de 2025 - A Carreira de Leo
MEIS (Concello nº 140)

Tras cear en Millladoiro a noite anterior, tocou amencer na Baña e tirar cara Meis, volvendo o Salnés, unha comarca que nas últimas semanas xa tiña ben percorrida coas carreiras de Meaño, Vilagarcía e Cambados. A cita nesta ocasión era a Carreira Solidaria de Leo, que como ben dicía o speaker, tratábase máis dun evento social que transcendía á competición deportiva. Leo, un bebiño dun aniño de vida, naceu cunha enfermidade rara que obrigou a súa familia a desprazarse a Barcelona para someterse a unha operación que non puido remediar a súa situación e acabou sucedendo o peor dos desenlaces. Dunha situación tan tráxica, os pais, familiares e a veciñanza de Meis foron capaces de levantar algo tan fermoso e emotivo como esta carreira que homenaxea a súa figura e recada fondos para asociacións relacionadas coas enfermidades raras.

Fun con tempo suficiente para atopar onde aparcar, e nesta ocasión con máis motivo se cabe, porque tratábase dun evento con moita participación: máis de 2000 inscritos entre a andaina, a carreira 5k e as categorías para os máis cativos. Despois de agardar, tomando un café, falando con coñecidos do Club de Atletismo de Cambados e quentando un pouco, estaba preparado para darlle zapatilla nesa cita. Nin estaba moi cascado da tarde anterior, nin estaba tan fresco como para estar ó nivel do 5k de Vilagarcía de Arousa do fin de semana pasado.

Non me coloquei na mellor zona para saír, e tocou ir adiantando ós poucos nos primeiros 500 metros, cunha empinada costa abaixo. En canto se despexou un pouco o camiño, puiden coller mellor ritmo e ir regulando o ritmo. O clima resultou perfecto, soleado, sen moita calor e de pouco vento, menos na recta do último quilómetro, na que tocaba ir e volver antes de enfilar unha costiña que levaba a meta. Puiden manter o ritmo e regular nas breves costas e zonas de pistas de terra, e o final completei a distancia en 18' 15", case 20 segundos máis do que fixera en Vilagarcía. Non chegou para o podio, pero rematar 7º de categoría despois de ter un trail de 18km a tarde anterior, non estivo nada mal. Aproveitei o servizo de fisio ó final da carreira para descargar un pouco os xemelgos e tras un aseo moi rápido, collín o coche para pasar un pouco de tempo coa familia despois de tanta carreira concentrada. Iso si: organización espectacular, circuíto agradecido e unha atmosfera inmellorable para unha das mellores citas solidarias do calendario de carreiras galegas.

Distancia: 5k | Desnivel: 22m | Tempo: 18m 15s | Ritmo: 3:40 /km | Posición: 18º (7º Cat. Máster A)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos