Lun, 19 Xan 2026, 9:17
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Case un mes sin actualizar, así que hai que ir poñéndolle remedio.
Superada a crise das cervicais e os mareos, a vida continúa, pero coa a axenda demasiado chea e moi poucos ocos para entrenos, que seguen sen subir de 2 á semana , e de 4 a 5 km máximo.
O que realmente funciona é poñer unha "cenoria no pau", un obxectivo diante. Así que tomei a decisión de apuntarme á Subida ao Castro, que vai ser o 15 de febreiro , data complicada por ser domingo de Antroido, o que vai implicar ter que cociñar as orellas e filloas a tarde anterior, cousa que non é o ideal para as pernas en víspera de carreira, pero sobreviviremos.
O outro obxectivo vai ser ir á MiniBay en marzo. Case é un pecado tratándose do meu clube , que sempre organizan a PreVigBay, e xa están inscritas 32 persoas para a distancia longa. Só eu de disidente na MiniBay. Pero tal e como estou a mínimos, e despois de case dous anos sen correr , non me vexo eu facendo 21 km.
Por outra banda será unha ocasión de volver a compartir asfalto co meu sobriño Dani, co que xa teño compartido algunha vez a experiencia de correr por Carnota.
O plan ata a carreira de febreiro vai ser facer moitos mais entrenos por Arealonga volvendo pola rúa Cacharela (que teña feito a 10 K de Teis sabrá que é un tramo para quitar os folgos) . É unha distancia de 5 km ateigada de costas, así que debería ir ben de cara a subida ao Castro. Onte saiu a un ritmo medio de 5:50. A ver que tal nesta semana.