Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
65 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 05 Out 2025, 18:21
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Sábado 4 de outubro de 2025 - Trail Serra Martiñá
SAN CRISTOVO DE CEA (Concello nº 139)

Vivindo en Coruña, a provincia que teño máis inexplorada (por razóns loxísticas) é a única non límitrofe: Ourense. 92 concellos por correr dos que só teño 'conquistados' 8 e aínda 84 pendentes. Neste caso xa non é tanto a preguiza por correr, senón que as viaxes en coche son bastante máis longas e costosas que no resto de provincias, sobre todo indo sen compañía de forma habitual.

Menos mal que para o primeiro trail da Serra Martiñá celebrado en San Cristovo de Cea, contei co meu colega Rubén. Terceiro trail que compartimos este ano, todos en provincias distintas despois de ir ó Trail Terras de Burón na Fonsagrada (Lugo) e o Trail da Carixa en Vila de Cruces (Pontevedra). Quedei con el en Milladoiro e alá tiramos o sábado de tarde, cunha hora de marxe para ir con calma para aparcar, recoller dorsal e tomar un café. É un pracer ir coñecendo e coincidindo con outros corredores, nesta ocasión cadramos con outra parella de colegas que participaran no Trail da Carixa e que tamén son habituais nas carreiras de monte.

A saída tivo lugar na praza principal do Concello e o número de participantes rondaba os 60 inscritos, cun clima perfecto para correr unha tarde de sábado. Tratouse dunha saída moi ordenada a pesar de meterse nunha rúa estreita nos primeiros metros, e o percorrido non podía ser máis sinxelo: os primeiros 9 quilómetros picando cara arriba con leves baixadas, e os derradeiros 9 km en baixada, sen chegar ós 500 metros de desnivel. Prácticamente todo por pistas de terra, cun par de quilómetros de cortalumes e algunha zona de pedra no que había que ir controlando a pisada. Sen lugar a dúbidas, un trail para ir a fume de carozo, con máis pinta de Cross do Santiso ou Os 21 do Camiño.

No noso caso, fun en todo momento equilibrando forzas e ritmos con Rubén, apertando ben ó comezo, camiñando nas subidas máis empinadas e tirando ben forte costa abaixo. Eu teño claro que a miña especialidade non é o monte, e menos en baixadas que requiran certa técnica, nas que o meu colega sacaba unha clara vantaxe. Iso si, a experiencia é un grado para ir medindo ben cal era o ritmo ideal para cada treito de carreira. Chegamos nos postos 9º e 10º da categoría Senior, 18,8km a un ritmo de 5'25"/km, claro indicador da rapidez deste trail.

Despois dunha ducha, a postcarreira foi espectacular: cañas á esgalla, empanada, callos, chocolate, bica... Todo a fartar, todo riquísimo e ben contentos que volvemos para casa cun pan de Cea baixo o brazo.

Distancia: 18,8k | Desnivel: 485m | Tempo: 1h 42m 49s | Ritmo: 5:25 /km | Posición: 22º (9º Senior)

-----------------------------------------------------

Domingo 5 de outubro de 2025 - A Carreira de Leo
MEIS (Concello nº 140)

Tras cear en Millladoiro a noite anterior, tocou amencer na Baña e tirar cara Meis, volvendo o Salnés, unha comarca que nas últimas semanas xa tiña ben percorrida coas carreiras de Meaño, Vilagarcía e Cambados. A cita nesta ocasión era a Carreira Solidaria de Leo, que como ben dicía o speaker, tratábase máis dun evento social que transcendía á competición deportiva. Leo, un bebiño dun aniño de vida, naceu cunha enfermidade rara que obrigou a súa familia a desprazarse a Barcelona para someterse a unha operación que non puido remediar a súa situación e acabou sucedendo o peor dos desenlaces. Dunha situación tan tráxica, os pais, familiares e a veciñanza de Meis foron capaces de levantar algo tan fermoso e emotivo como esta carreira que homenaxea a súa figura e recada fondos para asociacións relacionadas coas enfermidades raras.

Fun con tempo suficiente para atopar onde aparcar, e nesta ocasión con máis motivo se cabe, porque tratábase dun evento con moita participación: máis de 2000 inscritos entre a andaina, a carreira 5k e as categorías para os máis cativos. Despois de agardar, tomando un café, falando con coñecidos do Club de Atletismo de Cambados e quentando un pouco, estaba preparado para darlle zapatilla nesa cita. Nin estaba moi cascado da tarde anterior, nin estaba tan fresco como para estar ó nivel do 5k de Vilagarcía de Arousa do fin de semana pasado.

Non me coloquei na mellor zona para saír, e tocou ir adiantando ós poucos nos primeiros 500 metros, cunha empinada costa abaixo. En canto se despexou un pouco o camiño, puiden coller mellor ritmo e ir regulando o ritmo. O clima resultou perfecto, soleado, sen moita calor e de pouco vento, menos na recta do último quilómetro, na que tocaba ir e volver antes de enfilar unha costiña que levaba a meta. Puiden manter o ritmo e regular nas breves costas e zonas de pistas de terra, e o final completei a distancia en 18' 15", case 20 segundos máis do que fixera en Vilagarcía. Non chegou para o podio, pero rematar 7º de categoría despois de ter un trail de 18km a tarde anterior, non estivo nada mal. Aproveitei o servizo de fisio ó final da carreira para descargar un pouco os xemelgos e tras un aseo moi rápido, collín o coche para pasar un pouco de tempo coa familia despois de tanta carreira concentrada. Iso si: organización espectacular, circuíto agradecido e unha atmosfera inmellorable para unha das mellores citas solidarias do calendario de carreiras galegas.

Distancia: 5k | Desnivel: 22m | Tempo: 18m 15s | Ritmo: 3:40 /km | Posición: 18º (7º Cat. Máster A)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
yomismo

Experto no foro
Experto no foro
16/12/05
0 Carreiras
6070 Mensaxes

Respostar citando Envío Xov, 09 Out 2025, 13:34
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Estás forte carallo, bos ritmos Aplauso e mais doblando, que bonita e a xuventud pero que pronto pasa jeje, así que aproveita , a seguir así!
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
65 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 12 Out 2025, 14:51
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

yomismo escribió:
Estás forte carallo, bos ritmos Aplauso e mais doblando, que bonita e a xuventud pero que pronto pasa jeje, así que aproveita , a seguir así!

Graciñas, meu! Así vou, aproveitando o bo estado de forma e o adestramento maratoniano! Sei que esta racha terá data de caducidade, cruzo os dedos para seguir esquivando lesións e traballando para non perder o tono!

Domingo 12 de outubro de 2025 - Carreira Pedestre Concello de Fisterra
FISTERRA (Concello nº 141)

O circuíto de carreiras "Correndo pola Costa da Morte" ten moito percorrido ás súas costas. Dez edicións dunha particular liga de concellos repartidos no calendario e que conclúe cunha gala de entrega de premios para os participantes máis rápidos en todas as carreiras. Sei que varios dos meus colegas Beerrunners tiñan participado nas primeiras edicións, cousa á que non me animaba porque "quedaban moi lonxe" (o que fun e o que son, mamaíña, non sei dicir que é mellor). Este ano aproveitei para anotarme o circuíto sen asistir a todas as citas, pero tiña pendente tachar do meu mapa Camariñas, Muxía, Corcubión e Fisterra e saíame a conta.

Hoxe tocou pechar o círculo e ter (per)corridos case todos os concellos costeiros de Coruña (a estas alturas, só teño pendente Valdoviño). Levaba moito tempo sen pasar por Fisterra, e a verdade que tivemos un diazo estupendo para gozar dunha zona espectacular. Unha vez máis, tocou ir pola miña conta, inda que había moitas caras coñecidas entre os participantes da carreira. Tras unha saída cos típicos minutos de demora e de tensión, arranquei con cabeza pero mantendo un ritmo para aspirar a estar na zona nobre da táboa.

O pelotón de cabeza de carreira tirou forte desde o primeiro momento, e a continuación estaba eu intentando seguir o seu ritmo, e despois o seu rastro por perder a referencia visual. E aconteceu unha fatalidade menor, que xa vivira na carreira pedestre de Muxía: saínme do percorrido. Nun cruce sen sinalización de ningún tipo, tirei para adiante 50 metros ata que un coche me advertiu que ese non era o camiño e arrastrei comigo a varios corredores. Por sorte non foi moita distancia, e teño a conciencia tranquila porque 1) non tiña referencia visual dos corredores por diante de min, 2) era a primeira vez que participaba neste circuíto e 3) non había sinalización nin ninguén da organización.

En Muxía non resultara tan cantoso, tamén había un cruce sen indicación de ningún tipo pero detivémonos alí sen avanzar, e solucionamos a situación outro corredor e mais eu porque apareceu outro participante que coñecía o percorrido. Se alguén da organización le estas palabras, agardo que revisen ben todos os puntos do trazado para futuras ocasións, porque pintar unha frecha ou unha cruz na estrada, non é tan crítico.

Superado este lance de carreira, fun adiantado por un grupo de 5-6 corredores, pero non me vin desmoralizado e puiden manter o ritmo. Iso si: un quilómetro despois comezaba o tramo máis duro desta pedestre, case 3 quilómetros picando cara arriba nos que tes que medir ben as túas forzas e ter a fortaleza mental para non deterse a camiñar. Unha vez chegado o faro de Fisterra, tocaba dar volta para vivir unha frenética baixada doutros 3 quilómetros, nos que tamén resulta esencial saber qué ritmo podes chegar a manter, pero dun modo moito máis cómodo. Na recta de meta sentía as fortes pisadas do meu perseguidor e puiden sprintar ata o punto de adiantar a dous corredores.

Despois de tomar aire e refrescarme no avituallamento, fun para o coche e comprobei que quedara 4º de categoría. Unha mágoa que os premios deste circuíto non sexan acumulativos, xa que tería subido un posto e vivir un podio tan prestixioso como o deste circuíto. De todas formas, tiña claro que o nivel de competición é moi elevado neste circuíto e a brecha de case tres minutos co terceiro clasificado déixame aínda máis claro o meu posto. Como colofón, tocou presenciar a chegada en meta da nena Daniela e os seus pushers, mergullar as pernas no mar e marchar con moi boas sensacións a pesar dos distintos avatares da carreira.

Distancia: 9,5k | Desnivel: 167m | Tempo: 37m 27s | Ritmo: 3:56 /km | Posición: 16º (4º Cat. Máster A)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
65 Mensaxes

Respostar citando Envío Lun, 27 Out 2025, 17:29
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Domingo 26 de outubro de 2025 - Carreira Popular Concello de Cospeito
COSPEITO (Concello nº 142)

Este domingo tocaba visitar un concello no que xamais estivera antes: Cospeito. Menos mal que a conexión entre Coruña e moitos concellos setentrionais de Lugo é marabillosa (e sen peaxes na A-6, que así continúe), polo que a solitaria e cotiá viaxe en coche non se fixo moi pesada. Chamoume moito a atención que capitalidade municipal onde se celebraba a carreira fora A Feira do Monte, xa que non tiña nin idea da súa existencia. Aparquei nada máis chegar ó lugar, pero xa me decatei ó rato que atopar sitio onde deixar o coche non ía ser un problema e tiven tempo suficiente para achegalo máis á saída.

Esta carreira popular forma parte do circuíto TERRA CHAllenge, do que xa participara na Milla das Estrelas de Muras. Despois de saudar a David e Nia, incombustibles nas carreiras desta zona, quentei un pouco e prepareime para dar todo o que tiña. Pensaba que sería un percorrido chanchiño (10 km en dúas voltas de 5 km), pero comezando os dous primeiros quilómetros con bastante costa abaixo, estaba claro que o treito final tería a súa complicación. Puiden manter un ritmo consistente de sub4:00min/km, e durante a primeira volta estiven con outros dous participantes e tendo a tiro a un grupiño de catro diante de min.

Antes de pasar polo arco de meta na primeira volta, deixei atrás os meus acompañantes, ó non ter estes tantos folgos para aguantar a dura costa. Pouco a pouco fun achegándome o grupo de diante, e no derradeiro quilómetro da carreira puiden adiantar a ese grupo que se estaba rompendo co paso dos metros, e no que se atopaba David. Cando estaba a menos de 50 metros para chegar a meta, un destes corredores sacou forzas suficientes para meterme unha machada final e sacarme dous segundos nos derradeiros metros. No momento de cruzar a meta non me fastidiou tanto como cando cheguei o coche e comprobei que ese participante supoñía o 3º posto da categoría. Que se lle vai facer... Pode que coñecendo o dato sacase algo de veleno para apertar neses poucos metros, pero tampouco teño tomada a matrícula de cada participante de cada concello.

Nesta ocasión non tocou volver cun souvenir e foto no caixón, pero antes de marchar para casa, aproveitei unha longa recta para facer 8 km máis a un ritmo máis relaxado, e seguir sumando quilómetros no adestramento para o maratón de Valencia. Non levo un recordo fantástico de Cospeito, pero levo unha boa lección: se o corpo o permite, non hai que conceder nin un par de segundos, non vaia ser o demo!

Distancia: 9,6k | Desnivel: 58m | Tempo: 36m 48s | Ritmo: 3:50 /km | Posición: 11º (4º Cat. Máster A)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos