Dom, 30 Nov 2025, 22:06
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Lembrarei este novembro de 2025 como un mes intenso, con duras sesións de adestramento para a maratón de Valencia. Días máis curtos, nos que resultou difícil atopar intres fóra do traballo e outros compromisos, e nos que o ceo respectase un pouco. Así como outubro resultou marabilloso a nivel climático, en Coruña tocaron bastantes días de fortes refachos, choiva fría e poucos percorridos ideais para series curtas e rodaxes longas. A todo isto, sumouse unha inesperada doenza física que me obrigou a deter o adestramento unha semana cando tocaba maior carga de traballo.
Con todo, puiden facer un maratest de 30 quilómetros por Bertamiráns con poucas inclemencias climatolóxicas e notei melloría nos últimos compases do mes. E non todo foi apretar os dentes: tiven a oportunidade de viaxar a Atenas cun colega e adestrar no impresionante Estadio Panatenaico. Xusto a miña visita cadrou durante a celebración do mítico maratón de Atenas e resultou emocionante ver o ambiente durante os días previos, ogallá nun futuro chegue a repetir esta viaxe e formar parte desa incríble experiencia.
Sábado 29 de novembro de 2025 - Carreira Mondoñedo Monumental
MONDOÑEDO (Concello nº 143)
Esa mañá de sábado tocou erguese cedo en Madrid para ir ó aeroporto, e tras aterrizar en Coruña ó mediodía, coller un bus para o centro e mentalizarse do chuviosa que ía resultar toda a xornada. Comín cos meus pais e tras repousar media hora, tocou coller o coche para tirar cara Mondoñedo. Unha tiradiña pola estrada que resultou un tanto dura vendo que non era o mellor día para conducir (nin tampouco para correr pola tarde, sendo totalmente sinceros). Tras saír da A-6, cheguei por fin a Mondoñedo tras transitar polo seu revirado acceso.
Tras recoller o dorsal na praza da catedral, volvín ó coche a prepararme por completo para a carreira e ó regresar á saída, xa comezaba a notarse o frío, a escuridade e a choiva. Alí coincidín cun coñecido das carreiras que xa coñecía o meu reto e que xa é un habitual no podio por categorías. Alertoume de que o trazado tiña a súa complicación e tras tomar saída así foi: tres voltas a un percorrido de dous quilómetros, con subidas e baixadas, coa perigosidade dos adoquíns esvaradizos nunha tarde coma aquela e un tramo pouco iluminado. Metinlle tralla con cabeciña, xa que nas costas abaixo fun freando para evitar males maiores e intentando establecer o mesmo ritmo desde o comezo ata o final. Ademais, o último xiro de cada volta resultaba bastante pechado, polo que tiña a súa complicación collelo ben.
Tras completar as tres voltas, estaba completamente enchoupado. Cheguei o coche, comprobei que era 10º absoluto e 7º por categoría, e vendo que me podía coller o frío, sequeime e mudeime no coche para conducir de volta a Coruña. Unha vez cheguei a casa, comprobei que realmente rematara octavo e sexto por categoría, e quedarei coa dúbida que se os trofeos non eran acumulativos, igual levaba un souvenir de podio... Pero nese momento, compensábame moito máis chegar canto antes a Coruña, xa que aínda tiña máis aventuras o día seguinte.
Distancia: 6k | Desnivel: 71m | Tempo: 22m 58s | Ritmo: 3:49 /km | Posición: 8º (6º Cat. Máster A)
Domingo 30 de novembro de 2025 - Trofeo Pedestrismo Concello de Cangas
CANGAS (Concello nº 144)
Tras saír de cama ben cediño, comprobei para o meu alivio que non tiña o corpo moi machucado das horas de viaxe e a carreira en Mondoñedo. Tras almorzar café con leite, plátano e tostas con crema de cacahuete, collín de novo o coche para meterme hora e media longa ata chegar a Cangas. Un traxecto con bastante néboa á altura de Santiago, pero no que me agardaba un día espléndido digno das Rías Baixas. Chegara cunha hora de marxe para recoller o dorsal, ir con calma e quentar un pouco antes de tomar a saída.
Nesta ocasión, volvín a coincidir cos incombustibles David e Nia, que tamén tiveran o seu o día anterior na carreira nocturna entre Valença e Tui. Comentamos a triste noticia do pasamento de Jesús Bernal, unha perda incalculable que deixa unha ausencia moi grande en todas as carreiras populares galegas. Estivemos na súa última carreira, na Milla das Estrelas de Muras. Ese día non chegara a compartir fotografía con el, pero recordo que me preguntara onde se podía tomar un café. Sempre amable, sempre cun sorriso na cara. Toda unha inspiración para os corredores amateurs, disfrutando da liturxia das carreiras populares. Inda que non apareza máis o seu nome nas clasificacións, estará sempre en cada liña de saída de cada concello, na memoria de todos.
Volvendo a Cangas, deron a saída e nunca me deixará de sorprender como hai tanta xente que pretende gañar a carreira nos primeiros 200 metros. Saín a un ritmo elevado de 3:30/km, intentando calibrar o que sería o ritmo de carreira, e tiven a moitísimos participantes diante de min, que xa ó completar o primeiro quilómetro foron aminorando. En comparación coa carreira de Mondoñedo, o perfil chanciño, as perfectas condicións climatolóxicas e o firme da estrada, todo estaba a favor para facer marca. Fun adiantando a distintos corredores en cada volta, ata completar as tres que conformaban a distancia de 6km.
Nesta ocasión, na clasificación absoluta quedei máis atrás (17º), pero conseguín a 'medalla de chocolate' cun 4º posto por categoría. Inda así, non resultou tan traumático como os dous segundos que me separaron do podio en Cospeito, xa que aquí había un mundo de 30 segundos. Con todo, fixen a miña mellor marca persoal en 5k, baixando dos 18 minutos. Non se trata dun percorrido homologado e a distancia total resultaba de seis quilómetros, pero quedei con moi boas sensacións.
Tras ducharme na nave do club de piragüismo, tocou compartir unha comida cuns amigos vigueses que viñeron a saudar e así puiden gozar moito máis da estancia neste fermoso concello, sen limitarme só a tachalo do mapa. A ver podo sumar algún máis antes de que remate o 2025!
Distancia: 6k | Desnivel: 1m | Tempo: 21m 55s | Ritmo: 3:35 /km | Posición: 17º (4º Cat. Máster A)
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia