Dom, 14 Dec 2025, 9:55
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Gracias polas túas palabras, Kurty!
Sábado 13 de decembro de 2025 - San Silvestre de Ponte Caldelas
PONTE CALDELAS (Concello nº 145)
Pasada a maratón de Valencia e coa axenda despexada de compromisos maratonianos para os vindeiros meses, toca centrarse no obxectivo inda máis tolo e difícil de correr en todos os concellos posibles. Decembro é un mes perfecto para iso grazas ás carreiras de San Silvestre, que nos últimos anos proliferan máis pola súa facilidade organizativa e porque teñen máis de celebración que de competición. Por min perfecto: cantos máis concellos que non acostuman a organizar carreiras se animen a este formato, máis posibilidades de visitar toda Galicia.
O ano pasado cheguei a asistir a San Silvestre de Teo, Carnota, Vilalba e Silleda. Este ano estou pendente dos anuncios nas redes sociais, neste foro e na web de distintos concellos para ver onde se organizan. A miña prioridade son os concellos da provincia da Coruña, por cuestións lóxicas de proximidade (vivo en Coruña e con familia na Baña), e por completar o obxectivo orixinal de correr toda a provincia de Coruña. Para que vos fagades unha idea, enumero o listado dos 15 concellos que teño pendentes, en asterisco aqueles que nos dous últimos anos non organizaron carreiras populares de ningún tipo: Abegondo*, Aranga, Carral, Cerdido*, Coristanco*, Irixoa*, Mesía*, Oza-Cesuras*, As Somozas*, Toques, Tordoia, Val do Dubra, Valdoviño, Vilarmaior* e Vilasantar*.
Entre as moitas complicacións deste reto, nesta fase na que quero asistir a carreiras organizadas, ten que pasar: 1) que se celebren carreiras nun concello e 2) que a miña axenda me permita asistir, pasando a un segundo plano chegar ó sitio e completar a distancia.
Se non fóra porque estou moi mal do meu e que decidín facer este desafío, obviamente non faría o que fixen onte: coller o coche desde Coruña, baixar ata Ponte Caldelas, correr os menos de dous quilómetros da súa San Silvestre e non enredar nin para a chocolatada final, por asistir despois ó partido en Riazor. Sei que isto non está ó alcance das persoas coa cabeza ben arrombada, pero así son.
Sobre a carreira en si mesma: tratábase da primeira edición, con inscrición de balde, nun concello que non visitara antes. Deixei o coche nun aparcadoiro de supermercado que atopei nada máis chegar, vin un grupo de "nadadores" (non esquezamos que se trataba dunha San Silvestre) e pensando que no sitio onde estaban se entregaban os dorsais, fun onde eles. Ante a miña pregunta sobre os dorsais, unha muller do grupo dixo que se mercaba un albornoz, aceptábanme encantados. Máis adiante atopei a carpa, recollín o dorsal e a camiseta de agasallo e despois de deixala no coche, volvín para tomar a saída.
Para tratarse dunha primeira edición, deume a impresión de que contaba con bastantes participantes, arredor dun centenar, e case todos familias e grupos de veciños moi ben disfrazados. Sendo unha viaxe tan exprés, non tiven nin tempo para pensar nun disfraz, e a miña intención era a de simplemente completar a distancia, tamén tendo en conta que facía menos dunha semana que correra a maratón de Valencia. Pero, ai, cómo é o veleno da competición! Non aspiraba a apuntar ó podio, pero en canto vin que había outros 'emocionados' coma min que lles gusta máis dar zapatilla que participar da troula sansilvestreira, unínme a ese ritmo. O percorrido anunciado era de 2 km, pero ó final tratábase dunha milla nun circuíto de dúas voltas no centro da vila.
Os compases iniciais eran dun ritmo diábolico preto do sub3:00/km, e tiven durante moitos metros a dez corredores diante de min. Ó completar a primeira volta, xa me atopaba en cuarta posición, co ritmo un chisco máis lento, e coa situación inevitable de dobrar á cola da carreira, auténticas procesións de comparsas que (con moitísima razón) lanzaban comentarios con moita retranca á cabeza de carreira.
Ó final crucei a meta en cuarta posición (todo isto a simple vista: obviamente non había cronometraxe de ningún tipo ó tratarse deste tipo de carreira). Non sei se estivese máis mentalizado podería chegar o podio, pero ese obxectivo non estaba na miña axenda cando decidín baixar a Ponte Caldelas. Aínda máis: seguramente non foi boa idea picarme e ir a estes ritmos despois de ter tan recente a maratón... Finalizada a miña participación de menos de 6 minutos, felicitei ós primeiros en chegar a meta e lisquei de volta para Coruña.
Distancia: 1,6k | Desnivel: 1m | Tempo: 5m 46s | Ritmo: 3:27 /km | Posición: 4º
Para aqueles que lean sigan este diario, e retomando a cuestión da dificultade da que falaba ó principio, gustaríame coñecer a vosa opinión: considerades que participar en andainas podería computar para o reto? Aínda teño moitos, moitísimos concellos por diante que sei que teñen carreira e aínda non foron visitados, pero hai algúns que asoman na axenda (Amoeiro, A Veiga) que vexo que organizan andainas, e non localizo carreiras nun pasado recente. Incluso estou pensando en comentar ós organizadores se podería participar a trote, co risco de que alguén me queira mandar ó manicomio.
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia