Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
80 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 11 Xan 2026, 14:50
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Domingo 11 de xaneiro de 2026 - Carreira Popular de Castro de Rei
CASTRO DE REI (Concello nº 153)

Despois de visitar moitos concellos a través do divertido e breve formato das San Silvestres e carreiras de Nadal, tocaba poñerse un dorsal de novo con todas as súas consecuencias. A primeira parada 'seria' de 2026 foi outra vez en Lugo, e non moi lonxe de Láncara: Castro de Rei. Un evento cunha excelente organización e con cronometraxe da Federación Galega de Atletismo.

O día comezou ben cedo, erguéndome un pouco antes das sete e media da mañá, para almorzar, vestirme e chegar con marxe desde Coruña. Tras unha horiña longa conducindo, aparquei preto do pavillón municipal de Castro de Ribeiras de Lea, recollín o dorsal e a bolsa para o gardarroupa, e subín ó bus que levaba ó punto de saída fronte a biblioteca de Castro de Rei. Na zona da saída, tocou saudar a uns camaradas das carreiras, poñerme o dorsal (coa axuda dunha corredora descoñecida que me deixou imperdibles tras esquecer os meus no coche) e deixar a bolsa coas miñas cousas.

Tras deixar o adestramento da maratón de Valencia e aínda convivindo cunhas molestias que estou tratando, era consciente de que non estaba en condicións de competir na zona nobre dunha carreira coma esta. Nas San Silvestres, sendo distancias máis curtas e sen unha competencia feroz, puiden coquetear con podios, pero aquí desde a saída sabía que non tiña moito que rañar. Inda así, fun co espírito de darlle zapatilla, pero con intención de baixar marchas en canto me notara sobrepasado.

Persoalmente, prefiro as carreiras de asfalto antes que os trails. Nas de asfalto, estou acostumado os 'sube e baixas' tan típicos de Galicia, sobre todo en distancias inferiores a 10 km. Nesta carreira, sendo de 15 km, sabía que non me ía atopar tan cómodo, e iso que o percorrido non tiña máis dificultade que sobrevivir a varias costiñas, a máis dura xa no comezo da carreira. Despois tratábase dun perfil con máis desnivel negativo que positivo, e todo por estrada comarcal. Foi unha sensación gratificante coñecer o percorrido, despois dos despistes vividos en Bueu e Láncara, e case toda a carreira fun só. No comezo fun cun pelotón de corredores ós que lle aguantei o ritmo nos 4 primeiros quilómetros e despois se afastaron, sen perdelos de vista.

Nos derradeiros quilómetros puiden subir un pouco o ritmo, e por 45 segundos non cheguei a completar os 14,8 km totais en menos dunha hora. Con todo, contento coas sensacións, co percorrido e coa organización. Por tramos, os refachos de vento foron un pouco molestos, pero tamén hai que agradecer que a choiva non fixo acto de presenza, e que o fresquiño foi bastante benevolente en comparación con outras citas invernais. Chegada a meta cun público moi riquiño e animado, e ata roscón de reis para meter algo no bandullo, nin tan mal!

Distancia: 14,8k | Desnivel: 123 m | Tempo: 1h 00m 45s | Ritmo: 4:06 /km | Posición: 33º (13º Cat. Máster A)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
80 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 18 Xan 2026, 17:00
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Domingo 18 de xaneiro de 2026 - Cross de Boborás
BOBORÁS (Concello nº 154)

Outro domingo que non fun a misa, e no que tocou unha longa viaxe no coche desde Coruña. Repetín a mesma ruta cara Amoeiro do mes pasado, pero nesta ocasión con parada no concello de Boborás. Un lugar que non tiña no meu radar, a pesar de que algúns veráns da miña infancia chegueinos a pasar en Carballiño, concello veciño que non está moi lonxe. Vivín todas as estacións climatolóxicas ata chegar ó destino, pero por sorte nada moi perigoso ó volante.

Tras aparcar e recoller o dorsal, fun saudando a algúns coñecidos doutras carreiras: o bo de Lucas co que xa cadrara no Trail da Carixa e no de Cea, ou á boa xente do club da Corrida das Cabras. Entre que son despistadísimo e, con tanto concello, perdo a conta da xente que vou coñecendo, non me decatara que con Iván xa falara en Antas de Ulla o verán pasado, e xa me avisou que se está cociñando un trail interesante en Xunqueira de Ambía, haberá que estar atento... Ademais de sacar unha foto para a lembranza, unha reporteira da TV local de Carballiño fíxose eco do meu proxecto, e tocou falar a cámara da aventura, agora que xa estou a tres concellos de chegar ó ecuador dos 313.

A pesar de que pintaba que sería unha mañá xélida, por sorte apareceu o sol e non fixo o frío que se agardaba. Quitei a camisa térmica e fun coa camiseta de manga curta, sen pasalo mal en ningún momento. Despois do discurso da alcaldesa para agradecer a presenza de tanto corredor, tomamos a saída e alá que arrincamos. Un cross de case 8 quilómetros cun percorrido de monte moi bonito, e con bastante alternancia de subidas e baixadas. Coma sempre, os primeiros metros sempre son un tanto frenéticos, e en canto comeza a complicarse o terreo, xa comezan a verse as cartas de cada un.

Estou nunha etapa onde o complicado é a xestión das expectativas. Desde finais de 2025, trala maratón de Valencia, estou nunha fase onde deixei de adestrar coa mesma frecuencia, na que arrastro molestias físicas e na que non perdo a cabeza polos podios (e inda por riba, esta semana estiven de dieta ata o xoves por unha proba médica). Pero ai! Teño o chip competitivo metido, e inda que sei que non estou no mellor momento de pelexar por podios, ó final acabo dando todo o que teño, inda que non sexa moito. Apertei sen perder a cabeza, e o meu obxectivo foi non poñerme a camiñar nun cross onde algunhas costas convidaban a tomalo como unha andaina. Ó final cheguei a meta en 15º posición a un ritmo de 4:17/km, satisfeito comigo mesmo sen escarallarme de todo.

Tras cruzar a meta, fun ó pavillón a petiscar empanada e chocolate quente con biscoito, e tras asearme no coche furtivamente, tirei para Coruña vendo que non tiña moito máis que facer. Unha visita fugaz e frutífera!

Distancia: 7,6k | Desnivel: 116 m | Tempo: 32m 25s | Ritmo: 4:17 /km | Posición: 15º (9º Cat. Séniors II)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos