Dom, 25 Xan 2026, 11:29
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
| Meigalicix escribió: |
Ten o seu aquel que comeces dicindo iso de "outro domingo sen ir a misa" . Digo porque realmente isto das carreiras ten moitísimo de liturxia, ritual e comunión. E se ademais toca ir por zona de paisaxe privilexiada (penso en sitios como Carnota), xa non hai mellor misa que esa.
En fin, moito ánimo nesa chegada ao ecuador do reto, e que as molestias non cheguen a lesións |
Graciñas, Meigalicix!! A verdade é que hai moitas carreiras en lugares impresionantes. O cross de Boborás pasaba por tramos de monte moi bonitos, e aparte do que comentas de Carnota, penso no trail de Cervo ou no de Mañón, na carreira das praias de Barreiros, nos ultras da Heroica Sacra ou nos 100 do Barbanza... Galicia é fermosa e poder descubrila a través das carreiras é un luxo. A ver se cadramos nalgunha delas!
--------------------------
Sábado 24 de xaneiro de 2026 - Memorial Eduardo Fernández Villamarín 'Negrín'
RÁBADE (Concello nº 155)
O Memorial Negrín celebrado en Rábade é para min canon absoluto das carreiras populares galegas. Abofé que cadaquén ten na súa cabeza expectativas distintas, pero para min reúne todo o básico que a converten nunha cita moi atractiva:
-
Ubicación fácil de chegar (polo menos desde a perspectiva dos residentes en Coruña, pola A-6 e prácticamente pegada á saída correspondente da autovía) e
facilísimo de aparcar (sitios de sobra moi preto do miolo da carreira).
-
Distancia e percorrido asequible para todos os niveis. Dúas voltas nun percorrido de 3,4 km cun total que non chega a 7 quilómetros. Perfil bastante chanciño, pero que conta cunha longa recta cun chisco de desnivel e que ten a súa fama entre os participantes pola súa lonxitude, pero a pesar desta 'fatiga mental' non resulta tan traumática como pode parecer.
-
Carreira cronometrada, inscrición de balde, horario cómodo (ás cinco da tarde),
agasallo (nesta edición 2026 foron uns manguiños para combater o frío nos brazos) e
avituallamento post-carreira con auga, mazás e barriñas. E para os máis pros, premios en metálico para os primeiros clasificados, trofeos no podio e ata un sorteo entre os 20 primeiros para ter dorsal na Behobia.
- E detalles alleos á organización da carreira (pero esenciais na experiencia do corredor),
Rábade está en festas, polo que dependendo da hora de chegada, podes asistir á sesión vermú coa carpa, palco e bochinche pegado á saída da carreira. E ademais, tamén está a cafetería Ágora pegada á saída con bastante espazo para facer tempo antes de carreira, nunha época onde o frío e as chuvias aínda están presentes.
Explicado todo isto, pouco máis podo contar na crónica. Esta carreira de Rábade foi das poucas que sorteou a cancelación polas distintas alertas climatolóxicas desta fin de semana. E por sorte, no traxecto en coche non tiven máis dificultades que noutras carreiras desta época, e ata o ceo respectounos no momento da carreira e parou de chover despois de descargar ben forte nos minutos previos. Antes da carreira compartín café con David e Nia unha vez máis, e con outros camaradas das carreiras populares.
Decidín non ir co coitelo entre os dentes desde os primeiros compases, o que me levou a saír no pelotón durante os primeiros metros pola aglomeración de participantes (algo máis de 200) e como tiña intención de ir de menos a máis, puiden ir adiantando a outros corredores a medida que ía gañando espazo nos primeiros metros. Coincidín un tramo da carreira con Richi, compañeiro de aventuras Beerrunners noutra vida, e despois fun avanzando posicións. Ademais de sortear as zonas de auga, era impresionante un tramo cheo de fochancas que ata case parecía un cross de asfalto. E na temible 'recta infinita', ó estar acostumado a ter 'ritmo de martelo' nas costas de asfalto, ía superando outros participantes. Ó final completei os case sete quilómetros en 26 minutos, con satisfacción absoluta. E inda facendo esta carreira a un ritmo de 3:50/km, quedei no posto 48º, polo que a pesar do carácter popular desta carreira, o nivel chégalle ben.
Contento de tachar catro concellos neste mes de xaneiro (Láncara, Castro de Rei, Boborás e Rábade), e se non hai novos anuncios no calendario nin imprevistos, tocará agardar ó 14 de febreiro para marcar Barbadás. E xa coa rabia de que hai carreiras nos vindeiros meses que se pisan no calendario (como o 12 de abril a de Toques, á que non poderei asistir por inscribirme á marcha Ultreia), pero ninguén dixo que este reto ía ser fácil nin rápido de acadar...
Distancia: 6,8k | Desnivel: 20 m | Tempo: 25m 53s | Ritmo: 3:49 /km | Posición: 48º (11º EM)
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia