Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
84 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 11 Xan 2026, 14:50
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Domingo 11 de xaneiro de 2026 - Carreira Popular de Castro de Rei
CASTRO DE REI (Concello nº 153)

Despois de visitar moitos concellos a través do divertido e breve formato das San Silvestres e carreiras de Nadal, tocaba poñerse un dorsal de novo con todas as súas consecuencias. A primeira parada 'seria' de 2026 foi outra vez en Lugo, e non moi lonxe de Láncara: Castro de Rei. Un evento cunha excelente organización e con cronometraxe da Federación Galega de Atletismo.

O día comezou ben cedo, erguéndome un pouco antes das sete e media da mañá, para almorzar, vestirme e chegar con marxe desde Coruña. Tras unha horiña longa conducindo, aparquei preto do pavillón municipal de Castro de Ribeiras de Lea, recollín o dorsal e a bolsa para o gardarroupa, e subín ó bus que levaba ó punto de saída fronte a biblioteca de Castro de Rei. Na zona da saída, tocou saudar a uns camaradas das carreiras, poñerme o dorsal (coa axuda dunha corredora descoñecida que me deixou imperdibles tras esquecer os meus no coche) e deixar a bolsa coas miñas cousas.

Tras deixar o adestramento da maratón de Valencia e aínda convivindo cunhas molestias que estou tratando, era consciente de que non estaba en condicións de competir na zona nobre dunha carreira coma esta. Nas San Silvestres, sendo distancias máis curtas e sen unha competencia feroz, puiden coquetear con podios, pero aquí desde a saída sabía que non tiña moito que rañar. Inda así, fun co espírito de darlle zapatilla, pero con intención de baixar marchas en canto me notara sobrepasado.

Persoalmente, prefiro as carreiras de asfalto antes que os trails. Nas de asfalto, estou acostumado os 'sube e baixas' tan típicos de Galicia, sobre todo en distancias inferiores a 10 km. Nesta carreira, sendo de 15 km, sabía que non me ía atopar tan cómodo, e iso que o percorrido non tiña máis dificultade que sobrevivir a varias costiñas, a máis dura xa no comezo da carreira. Despois tratábase dun perfil con máis desnivel negativo que positivo, e todo por estrada comarcal. Foi unha sensación gratificante coñecer o percorrido, despois dos despistes vividos en Bueu e Láncara, e case toda a carreira fun só. No comezo fun cun pelotón de corredores ós que lle aguantei o ritmo nos 4 primeiros quilómetros e despois se afastaron, sen perdelos de vista.

Nos derradeiros quilómetros puiden subir un pouco o ritmo, e por 45 segundos non cheguei a completar os 14,8 km totais en menos dunha hora. Con todo, contento coas sensacións, co percorrido e coa organización. Por tramos, os refachos de vento foron un pouco molestos, pero tamén hai que agradecer que a choiva non fixo acto de presenza, e que o fresquiño foi bastante benevolente en comparación con outras citas invernais. Chegada a meta cun público moi riquiño e animado, e ata roscón de reis para meter algo no bandullo, nin tan mal!

Distancia: 14,8k | Desnivel: 123 m | Tempo: 1h 00m 45s | Ritmo: 4:06 /km | Posición: 33º (13º Cat. Máster A)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
84 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 18 Xan 2026, 17:00
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Domingo 18 de xaneiro de 2026 - Cross de Boborás
BOBORÁS (Concello nº 154)

Outro domingo que non fun a misa, e no que tocou unha longa viaxe no coche desde Coruña. Repetín a mesma ruta cara Amoeiro do mes pasado, pero nesta ocasión con parada no concello de Boborás. Un lugar que non tiña no meu radar, a pesar de que algúns veráns da miña infancia chegueinos a pasar en Carballiño, concello veciño que non está moi lonxe. Vivín todas as estacións climatolóxicas ata chegar ó destino, pero por sorte nada moi perigoso ó volante.

Tras aparcar e recoller o dorsal, fun saudando a algúns coñecidos doutras carreiras: o bo de Lucas co que xa cadrara no Trail da Carixa e no de Cea, ou á boa xente do club da Corrida das Cabras. Entre que son despistadísimo e, con tanto concello, perdo a conta da xente que vou coñecendo, non me decatara que con Iván xa falara en Antas de Ulla o verán pasado, e xa me avisou que se está cociñando un trail interesante en Xunqueira de Ambía, haberá que estar atento... Ademais de sacar unha foto para a lembranza, unha reporteira da TV local de Carballiño fíxose eco do meu proxecto, e tocou falar a cámara da aventura, agora que xa estou a tres concellos de chegar ó ecuador dos 313.

A pesar de que pintaba que sería unha mañá xélida, por sorte apareceu o sol e non fixo o frío que se agardaba. Quitei a camisa térmica e fun coa camiseta de manga curta, sen pasalo mal en ningún momento. Despois do discurso da alcaldesa para agradecer a presenza de tanto corredor, tomamos a saída e alá que arrincamos. Un cross de case 8 quilómetros cun percorrido de monte moi bonito, e con bastante alternancia de subidas e baixadas. Coma sempre, os primeiros metros sempre son un tanto frenéticos, e en canto comeza a complicarse o terreo, xa comezan a verse as cartas de cada un.

Estou nunha etapa onde o complicado é a xestión das expectativas. Desde finais de 2025, trala maratón de Valencia, estou nunha fase onde deixei de adestrar coa mesma frecuencia, na que arrastro molestias físicas e na que non perdo a cabeza polos podios (e inda por riba, esta semana estiven de dieta ata o xoves por unha proba médica). Pero ai! Teño o chip competitivo metido, e inda que sei que non estou no mellor momento de pelexar por podios, ó final acabo dando todo o que teño, inda que non sexa moito. Apertei sen perder a cabeza, e o meu obxectivo foi non poñerme a camiñar nun cross onde algunhas costas convidaban a tomalo como unha andaina. Ó final cheguei a meta en 15º posición a un ritmo de 4:17/km, satisfeito comigo mesmo sen escarallarme de todo.

Tras cruzar a meta, fun ó pavillón a petiscar empanada e chocolate quente con biscoito, e tras asearme no coche furtivamente, tirei para Coruña vendo que non tiña moito máis que facer. Unha visita fugaz e frutífera!

Distancia: 7,6k | Desnivel: 116 m | Tempo: 32m 25s | Ritmo: 4:17 /km | Posición: 15º (9º Cat. Séniors II)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Meigalicix

Experto no foro
Experto no foro
19/02/12
59 Carreiras
3319 Mensaxes
Vigo
Respostar citando Envío Lun, 19 Xan 2026, 9:00
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Ten o seu aquel que comeces dicindo iso de "outro domingo sen ir a misa" Sorriso . Digo porque realmente isto das carreiras ten moitísimo de liturxia, ritual e comunión. E se ademais toca ir por zona de paisaxe privilexiada (penso en sitios como Carnota), xa non hai mellor misa que esa.
En fin, moito ánimo nesa chegada ao ecuador do reto, e que as molestias non cheguen a lesións
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
84 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 25 Xan 2026, 11:29
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Meigalicix escribió:
Ten o seu aquel que comeces dicindo iso de "outro domingo sen ir a misa" Sorriso . Digo porque realmente isto das carreiras ten moitísimo de liturxia, ritual e comunión. E se ademais toca ir por zona de paisaxe privilexiada (penso en sitios como Carnota), xa non hai mellor misa que esa.
En fin, moito ánimo nesa chegada ao ecuador do reto, e que as molestias non cheguen a lesións

Graciñas, Meigalicix!! A verdade é que hai moitas carreiras en lugares impresionantes. O cross de Boborás pasaba por tramos de monte moi bonitos, e aparte do que comentas de Carnota, penso no trail de Cervo ou no de Mañón, na carreira das praias de Barreiros, nos ultras da Heroica Sacra ou nos 100 do Barbanza... Galicia é fermosa e poder descubrila a través das carreiras é un luxo. A ver se cadramos nalgunha delas!
--------------------------

Sábado 24 de xaneiro de 2026 - Memorial Eduardo Fernández Villamarín 'Negrín'
RÁBADE (Concello nº 155)

O Memorial Negrín celebrado en Rábade é para min canon absoluto das carreiras populares galegas. Abofé que cadaquén ten na súa cabeza expectativas distintas, pero para min reúne todo o básico que a converten nunha cita moi atractiva:

- Ubicación fácil de chegar (polo menos desde a perspectiva dos residentes en Coruña, pola A-6 e prácticamente pegada á saída correspondente da autovía) e facilísimo de aparcar (sitios de sobra moi preto do miolo da carreira).

- Distancia e percorrido asequible para todos os niveis. Dúas voltas nun percorrido de 3,4 km cun total que non chega a 7 quilómetros. Perfil bastante chanciño, pero que conta cunha longa recta cun chisco de desnivel e que ten a súa fama entre os participantes pola súa lonxitude, pero a pesar desta 'fatiga mental' non resulta tan traumática como pode parecer.

- Carreira cronometrada, inscrición de balde, horario cómodo (ás cinco da tarde), agasallo (nesta edición 2026 foron uns manguiños para combater o frío nos brazos) e avituallamento post-carreira con auga, mazás e barriñas. E para os máis pros, premios en metálico para os primeiros clasificados, trofeos no podio e ata un sorteo entre os 20 primeiros para ter dorsal na Behobia.

- E detalles alleos á organización da carreira (pero esenciais na experiencia do corredor), Rábade está en festas, polo que dependendo da hora de chegada, podes asistir á sesión vermú coa carpa, palco e bochinche pegado á saída da carreira. E ademais, tamén está a cafetería Ágora pegada á saída con bastante espazo para facer tempo antes de carreira, nunha época onde o frío e as chuvias aínda están presentes.

Explicado todo isto, pouco máis podo contar na crónica. Esta carreira de Rábade foi das poucas que sorteou a cancelación polas distintas alertas climatolóxicas desta fin de semana. E por sorte, no traxecto en coche non tiven máis dificultades que noutras carreiras desta época, e ata o ceo respectounos no momento da carreira e parou de chover despois de descargar ben forte nos minutos previos. Antes da carreira compartín café con David e Nia unha vez máis, e con outros camaradas das carreiras populares.

Decidín non ir co coitelo entre os dentes desde os primeiros compases, o que me levou a saír no pelotón durante os primeiros metros pola aglomeración de participantes (algo máis de 200) e como tiña intención de ir de menos a máis, puiden ir adiantando a outros corredores a medida que ía gañando espazo nos primeiros metros. Coincidín un tramo da carreira con Richi, compañeiro de aventuras Beerrunners noutra vida, e despois fun avanzando posicións. Ademais de sortear as zonas de auga, era impresionante un tramo cheo de fochancas que ata case parecía un cross de asfalto. E na temible 'recta infinita', ó estar acostumado a ter 'ritmo de martelo' nas costas de asfalto, ía superando outros participantes. Ó final completei os case sete quilómetros en 26 minutos, con satisfacción absoluta. E inda facendo esta carreira a un ritmo de 3:50/km, quedei no posto 48º, polo que a pesar do carácter popular desta carreira, o nivel chégalle ben.

Contento de tachar catro concellos neste mes de xaneiro (Láncara, Castro de Rei, Boborás e Rábade), e se non hai novos anuncios no calendario nin imprevistos, tocará agardar ó 14 de febreiro para marcar Barbadás. E xa coa rabia de que hai carreiras nos vindeiros meses que se pisan no calendario (como o 12 de abril a de Toques, á que non poderei asistir por inscribirme á marcha Ultreia), pero ninguén dixo que este reto ía ser fácil nin rápido de acadar...

Distancia: 6,8k | Desnivel: 20 m | Tempo: 25m 53s | Ritmo: 3:49 /km | Posición: 48º (11º EM)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
84 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 15 Feb 2026, 23:31
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Sábado 14 de febreiro de 2026 - Castro Trail Xtreme
BARBADÁS (Concello nº 156) e TOÉN (Concello nº 157)

Despois de varias semanas de parón por distintos compromisos (e ausencia de concellos inéditos no calendario), por San Valentín de 2026 tocou amosar amor verdadeiro polas carreiras galegas. De novo, tocou unha longa viaxe en coche de case dúas horas para ir desde Coruña ata Barbadás, para o Castro Trail Xtreme. Unha cita que celebraba o Campionato Galego de Trail Running e que contaría coa presenza de grandes nomes galegos desta modalidade.

Espertei ás sete da mañá para chegar a Barbadás sobre as 9.30h e ter marxe para os habituais preparativos previos. Foi unha sensación indescritible VER O SOL despois dunha semana tan depresiva meteorolóxicamente. Despois de mastigar en Coruña refachos de vento que arramplaban contigo e chuvias de distintas intensidades, ía ser unha mañá fantástica.

Despois de aparcar sen problemas, cheguei á zona da saída xusto cando arrincaron ós participantes do trail longo. Recollín o dorsal, deixei a mochila no gardarroupa e quentei un pouco, correndo os meus primeiros metros da semana. Desde o sábado anterior non baixara a adestrar nadiña, tanto por outras ocupacións do día a día, como que as alertas meteorolóxicas dos días anteriores non o puxeron nada doado.

Na saída do trail curto coincidín unha vez máis con David e Nia, os cales non estrañaría que sumen o mesmo número de concellos (ou se cadra máis) dos que levo eu neste reto, e que aínda teñen pendente contabilizar. A saída foi unha boa subidiña dun quilómetro por asfalto desde o polideportivo municipal ata chegar a un camiño de monte. Nese tramo inda puiden aguantar ben o ritmo, pero en canto chegou a primeira baixada un pouco técnica, fun adiantado por varios corredores de todas as formas posibles.

Os trails é o que teñen: imprevisibles á hora de saber cal será o teu ritmo de carreira nin o dos teus competidores. Haberá quen estude ben o mapa e intentar calcular cando apretar máis o ritmo ou ser máis conservador, pero polo xeral hai bastante de sensacións durante o percorrido. E eu sendo máis corredor popular de asfalto que de monte (como moito, nas pistas de terra podo disimulalo), en canto hai unha baixada un pouco técnica, saco a bandeira branca e non teño reparo en deixar pasar os meus perseguidores para non facer tapón.

O Castro Trail chamoume a atención porque sen ser a distancia nin o percorrido máis difícil que teño feito por monte, non me atopei con moitas zonas na que puidera gozar de correr. Flipei porque bastantes tramos era transitar practicamente por un regato (cousa lóxica por como fora o clima previo), moita subida e baixada, e tramos moi bonitos pero que requirían ir ben concentrado para ver as balizas e non perderse do percorrido.

Os derradeiros dous quilómetros foron en baixada, coincidindo cos compases iniciais da proba, e despois de ir marchas baixas case toda a carreira en canto pisei asfalto puiden ir a fume de carozo por conservar folgos e ir por camiño sobre seguro. Tras cruzar a meta e hidratarme un pouco, resultoume un puntazo disfrutar dunha ducha con auga quente ben pretiño da chegada. Pasei polo coche a deixar a mochila e tras presenciar os podios, tocou desfrutar dunha exquisita empanada, callos, bica e grolos de cervexa.

De volta a Coruña, fixen a publicación pertinente no Instagram de CorrendoGalicia, e despois de semellante tute, tiven un 'agasallo' inesperado: comprobei na ruta de Wikiloc que había un pequeno treito de 200 metros que se adentraba no concello de Toén a altura do quilómetro 3. Confirmeino coa organización do Castro Trail que así fora sen ter problemas a nivel organizativo, e estupendo tachar dous concellos, sobre todo sendo da localización máis complicada para un residente en Coruña. Chegado o día, se hai quen non considera lexítimo este conteo, xa valorarei se ir á súa OCR Uros Race, pero consta en acta que pisei terras toenesas!

Distancia: 11,4k | Desnivel: 573 m | Tempo: 1h 25m 42s | Ritmo: 7:20 /km | Posición: 45º (17º EM)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
yomismo

Experto no foro
Experto no foro
16/12/05
0 Carreiras
6145 Mensaxes

Respostar citando Envío Lun, 16 Feb 2026, 11:49
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Aceptamos pulpo como animal de compañía jeje dámoscho por bo se pisaches terras teonesas, por suposto, un concello mais ... ou un concello menos Guiño
A seguir!
Meigalicix

Experto no foro
Experto no foro
19/02/12
59 Carreiras
3319 Mensaxes
Vigo
Respostar citando Envío Lun, 16 Feb 2026, 16:26
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Moi hábil o de aplicar o sistema de "cruce de fronteiras" Sorriso Sorriso
Impresionate o ritmo que levas. Moito ánimo e que a chuvia te volva a perdoar para o seguinte concello
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
84 Mensaxes

Respostar citando Envío Lun, 16 Feb 2026, 16:51
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Graciñas, compas! Xa comentara aí atrás que estou preparado para todo tipo de auditorias de terceiros, que para completar este reto en modo purista/integrista, non me dá a vida!

Polo de agora, os criterios máis 'reprobables' é contabilizar andainas (nalgúns casos a única alternativa por concellos sen organización recente de carreiras) e tamén sumar concellos polos que pasa un percorrido, pero non forma parte da organización do evento (no meu caso, pasou co concello de Xove no trail A Fume de Carozo, Dodro nos 100 do Barbanza 2024 e agora Toén no Castro Trail)... peero literalmente si que percorrín eses concellos.

A saber se chegarei ós 313 e con que vías alternativas, pero se despois teño que repetir concellos 'convalidados' que rematen por organizar carreiras, sen problema Angel

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos