Dom, 29 Mar 2026, 15:38
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Domingo 29 de marzo de 2026 - Trail Pozo do Demo
VERÍN (Concello nº 160)
Hoxe foi un deses días nos que este reto se fixo (inda máis) costa arriba. Non pola carreira en si -a quen non lle gustan 14 km de trail polos montes de Verín?-, senón polo esforzo en todos os sentidos que supuxo aparecer na liña de saída. Imaxinade vivir en Coruña e ter que aparecer en Verín as 8.30h da mañá, nunha noite con cambio horario incluido. Sen oficio nin beneficio, todo polo vicio...
Estiven valorando varias posibilidades (durmir no piso dun familiar en Ourense, tantear uns camaradas das carreiras para baixar xuntos...) pero ó final a loxística máis 'cómoda' era durmir na casa, erguerme as 5.45h do domingo (coa nova hora, polo que realmente eran as 4.45h) e conducir máis de dúas horas para chegar sobre as 8.30h a Verín. Foi curioso comprobar que tanto en Coruña como en Verín había xente de troula pola rúa a esas horas. Os contrastes da xente que vive noite lungas e os que temos mañás eternas.
Todo o esforzo pagaba a pena, porque Verín recuperaba o seu trail do Pozo do Demo despois de varios anos sen celebrarse. No regulamento explicaban que o percorrido pasaría polos montes de Vilardevós, concello pendente na miña lista e ó que non lle coñecía carreira, polo que sería un excelente 2x1.
Aparquei preto do pavillón de deportes, para recoller o dorsal, e grazas a David e Nia, non necesitei percorrer os case 2 quilómetros entre ese punto e a liña de saída, no balneario de Cabreiroá. A primeira impresión foi dun ambiente moi familiar entre os corredores, probablemente case todos veciños da zona, e como non vimos ningún cartel na saída, temíamos que a organización igual non estivera moi preparada... En canto arrincamos, quedoume claro que era unha proba organizada con moito cariño, esforzo e perfectamente xestionada.
O frío que tivemos agardando pola saída desapareceu en canto chegamos ó monte. Os primeiros quilómetros eran pistas chanciñas, a miña especialidade, e tiven durante un tempo á cabeza de carreira á vista. Pero en canto comezaron as subidas e as baixadas, a miña política foi a de deixar pasar a quen quixera e puidera, para non bloquear a ninguén (e foron uns cantos). Pareceume unha zona preciosa e un trail que combinaba perfectamente tramos técnicos con outros para pistear a fume de carozo.
Foi simpático que no metade do trail, no km 7 unha persoa de organización facía un furado no dorsal de cada participante para o control de paso, moi tradicional todo. E cara o final da carreira, un participante bastante máis novo ca min, adiantoume mentres dicía: "Dalle, outro concello máis!". Son pequenos detalles, pero fai ilusión que este reto sexa coñecido por algúns corredores (nin idea de se será por verme coa camiseta nas carreiras, por ler este foro ou se segue a conta de Instagram).
Nos derradeiros 3 quilómetros finais, cando xa era prácticamente baixadas en pista, encargueime de subir marchas e devolver todos os adiantamentos anteriores, xa que o que me falta de xeito no monte, é o que teño de velocidade en pista. Na última recta co arco de meta á vista, ese rapaz que controlaba o meu reto e ó que lle devolvera o adiantamento, fixo un sprint final no que me quitou as pegatinas. É o que ten a xuventude, ven ben preparada!
Tras cruzar a meta, din conta do bocadillo e froita do avituallamento, e foi unha gozada comprobar que a auga da ducha era talmente dun pozo do demo. Abrasante, pero fantástica para recuperar temperatura nunha carreira no que xa meteramos os pes en pozas frías desde o primeiro quilómetro. Despois de despedirme de David e Nia, tocou outra longa viaxe en coche de volta a Coruña, por máis de dúas horas.
O epílogo da aventura de hoxe, agora que estou no ordenador, tras publicar a carreira en Instagram e redactar esta crónica, é que lamentablemente, por cuestión de 100-200 metros, non chegamos a pasar polo concello de Vilardevós. Así como no Castro Trail de Barbadás sumei de sorpresa Toén, toda esta aventura só serviu para tachar un concello, o meu nº 160 dos gloriosos 313.
Lectores de Ourense: se tedes amizades ou contactos que organicen carreiras na vosa fermosa provincia, por favor, pedide se poden ser en packs de 4 concellos ou máis, que senón non dou abasto!!
Distancia: 14,4k | Desnivel: 507 m | Tempo: 1h 33m 06s | Ritmo: 6:12 /km | Posición: 24º (18º Senior)
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia