Dom, 12 Abr 2026, 17:54
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Domingo 12 de abril de 2026 - Ultra Marcha Ultreia
O PORRIÑO (Concello nº 162),
MOS (Concello nº 163),
REDONDELA (Concello nº 164),
SOUTOMAIOR (Concello nº 165) e
VILABOA (Concello nº 166)
Hai semanas nas que non pasa nada, e outras nas que acumulación de vivencias é excesiva. Esta é a tónica do vivido esta semana, nos días previos e durante a Ultreia, unha marcha de ultra distancia de case 52 km polo Camiño Portugués entre Tui e Pontevedra. Imos por partes.
Levaba inscrito á Ultreia desde comezos de xaneiro, por convencimento absoluto de querer asistir a unha proba con tintes épicos (non competitiva, pero coa posibilidade de completala correndo) e que pasaría por ata cinco concellos que aínda non tiña tachados no mapa: O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior e Vilaboa (por Tui e Pontevedra xa pasara en outras ocasións).
Non estou no meu mellor momento de forma, pero tiña fondo suficiente como para que participar nesta proba non resultara unha tolemia absoluta (en novembro 2025 lograra un sub3h no maratón de Valencia, e o mes pasado completara sen problemas os 34 km dunha ruta na Veiga). O único é que esa mesma semana, estaría por Madrid ata o sábado, e o bus de Pontevedra a Tui saía as 7.30h da mañá. A opción máis cómoda era facer noite nun albergue asociado coa organización, que estaba practicamente pegado á estación de tren, a de buses e mesmo á chegada da Ultreia.
O sábado por Pontevedra recollín o dorsal, e as sensacións non foron as mellores. Esa mesma mañá estaba con dor de estómago e descomposto, non ata un nivel de pensar na retirada, pero sí de ter que afrontar a carreira en modo andaina. Comín nun bar un bocata de polo ó mediodía (decisión desacertada) e pola noite non me daba máis o apetito que rillar un plátano. Para engadir máis dramas menores, na habitación do albergue tocou cun señor cuns ronquidos lexendarios que me impediron descansar como me gustaría, incluso usando tapóns.
Pola mañá prepareime no albergue e levei o supermochilote cos bártulos da viaxe en Madrid agardando que o gardarroupa estivera na estación de bus, pero tocou levalo ata Tui. No bus coñecín a outro corredor, David de Aldán, que xa participara na Ultreia e me dou bos consellos, ademais de falar de temas de todo tipo. Coma sempre, a comunidade de corredores populares está ateigada de boa xente, que coñecéndote en dez minutos, xa che convidan a un café.
Non sei se a emoción de estar na liña de saída tivo un efecto sanador, pero incluso sen estar fresquísimo, notábame algo mellor. Había un ambiente moi festeiro diante do mosteiro de Tui, todos preparados para unha proba que sen ser competitiva, ten un punto ben desafiante (completar 50 km nun día non está ó alcance de todos, sexa no ritmo que sexa). Tras dar a saída, compartín os dous quilómetros iniciais con David, e tras avisar que intentaría ir a un ritmo de 6 min/km dentro do posible, xa se separaron o nosos camiños.
Diante de nós habería quince corredores, e en distintas fases da Ultreia fun dando caza a algún deles. Como outras probas que pasan polo Camiño (Os 21 do Camiño, o Xacorrun, a extinta Gran Camiño Arzúa - O Pino) ten certo encanto vivir como unha carreira en entornos tan bonitos e vivir os ánimos dos peregrinos. Agradecín moítisimo levar cargado o track da carreira no Garmin, xa que incluso contando coas frechas amarelas, ás veces é moi sinxelo despistarse.
De feito, o único desliz na sinalización da organización (tiñan nalgúns puntos algúns carteis para indicar o percorrido correcto), foi que na ponte que hai antes de entrar a Porriño non había ningunha indicación. Eu safei por levar o track, pero sei que outros corredores foron por outra ruta, e inda que lograron enganchar de novo co percorrido da proba, saltáronse un avituallamento.
E agora ven unha confesión un tanto escatolóxica. Eu son unha persoa que endexamais na vida fixen de ventre na natureza... pero para todo hai unha primeira vez. Pasados 20 km da proba, estando regular das tripas e a pesar de visitar ó señor Roca o día anterior e o mesmo día da proba, tiven que facer unha parada técnica no medio do monte. Non me atopei a ningún outro participante ou peregrino (por sorte) e non foi tan dramático como se podía esperar, pero como vos dicía, non estaba na mellor das formas. Menos mal que non era unha proba competitiva nin no medio dunha vila, porque a historia sería ben diferente.
Solventada a papeleta, continue adiante regulando o ritmo, correndo o que daban as pernas (emocionado de máis, algún quilómetro estaba máis nos cinco minutos que nos seis) e baixando marchas nas costas. Salteime o segundo dos cinco avituallamentos, cousa da que me arrepentín inmediatamente porque uns grolos de auga prestan máis que rematar tres minutos antes a proba.
En liñas xerais, pareceume unha ruta do Camiño moi bonita por momentos. Atravesar Ponte Sampaio, ter unhas vistas impresionantes ás Rías Baixas, atravesar zonas de bosque... Como detalle simpático, había unha subida moi empinada, cun cartel da organización que rezaba "Benvidos ó inferno (a costa do ceo)" e tras superaba, daba a benvida ó paraíso coas fermosas vistas do miradoiro.
Para non extenderme moito máis nesta crónica, o caso foi que a partir dos 8 quilómetros finais, comezou un exercizo de fortaleza mental. A pesar de ser case todo baixadas e zonas chanciñas, as pernas xa estaban ben cargadas a empezou unha estratexia de correr-camiñar inevitable para intentar chegar a meta o antes posible. Unha vez xa tiña á vista a estación de buses, tocou sprintar co que quedaba e tocar o cencerro pasadas 5 horas 4 minutos e 11 segundos desde a saída. Nada mal para estar a medio gas. Ó chegar a meta coincidín coa primeira participante feminina, unha rapaza que a completou en nada menos que 4 horas e 40 minutos, unha auténtica crack, e que xa me dixo que ten pensado ir a tope en carreiras de monte.
Quero dar as gracias á organización da Ultreia pola súa amabilidade e disposición en todo momento, tanto antes, durante e despois da carreira. Todo ben en xeral coa información ofrecida, o track para a marcha, o transporte en bus, avituallamentos e trato o participantes. Os únicos puntos a mellorar foi o comentado anteriormente dalgún cartel en puntos críticos e a xestión do gardarroupa, que o ser desde a saída, tocou agardar hora e media desde a chegada para contar coa mochila e poder marchar a Coruña. Fin doutra grande aventura, e cinco concellos máis (ou cinco concellos menos)!
Distancia: 51,3k | Desnivel: 708 m | Tempo: 5h 04m 11s | Ritmo: 5:51 /km | Non competitiva
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia