Dom, 17 Mai 2026, 17:20
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da Favela: " VI Carreira de Samil"
Para a xente da organización efectivamente foi a sexta edición , para min foi a segunda. Lonxe queda no recordo a primeira, no 2023, antes da lesión do menisco, cando era quen de correr por area e monte a ritmo de 5:35 ou 5:40 sen despeinarme en exceso.
Desta volta ás miñas expectativas ían baixo mínimos, ou se cadra un piso ou dous máis abaixo . Pese aos ánimos de Pepemanba e a miña intención de recuperar a regularidade nos entrenos, a verdade que foi imposible. Sempre se cruzaban na axenda milleiros de cousas, e de nada serviu o da libreta dos deberes, a cabina de Clark Kent, as consignas de Señora Minducha e outros trucos que funcionaban noutros tempos.
E por riba, hai unha semana, en plena sesión de poda o xeonllo esquerdo quedou perxudicado con tanto xiro e tanto subir e baixar da escaleira de man... Anulei o entreno do domingo, tomei Celecoxib os tres días regulamentarios, freguei mañá e noite a zona con Voltaren, e só o venres pola tarde sain a facer menos de 4 km ata as Catro Pontes, só por comprobar que os xeonllos respondían... Afortunadamente a única zona con molestias de mención foron os pés, por levar mal estirado un calcetín, ter as unllas algo longas e non protexer un callo que me está a sair no dedo mediano dereito.
Sabendo que todo estaba máis ou menos no seu sitio, hoxe collín a liña de meta en Samil con tranquilidade , pero convencida de que ía saír unha carreira lenta, e que sendo 8 mulleres na F4 quedar de 4 xa sería aceptable.
Casi 650 participantes pero só 189 mulleres. Non damos chegado á franxa do 30% máis que en carreiras contadas.
A bo fe que tivemos unha boa mañá para correr, incluso chegou ao picar un pouco de máis o sol no tramo de praia, pero hai que dicir que este ano a area estaba perfecta ( quitando a zona seca, tampouco imos mentir).
Todo ía sobre o previsto ata o momento de cruzar para o piñeiral. Alí saímos das beirarrúas cara un túnel que vai por baixo da estrada , e a zona de baixada onde eu pousei o pe estaba chea de gravilla , vinme escorregando e esnafrándome estrepitosamente pero unha man xenerosa turróu de min e salvoume. Dinlle as grazas e deixéino pasar diante e dixen que lle debía unha.
Non creo que o meu rescatador anónimo entre a ler nada nesta sección de CEG, nin moito menos que visite o blog do noso clube, pero polo menos que conste publicamente as súa deportividade e compañerismo. Se non fose por él , a miña carreira tería rematado de xeito ben distinto. Así que novamente GRAZAS COMPAÑEIRO!.
As voltas polo piñeiral fixéronseme longas, e nalgunha costa abaixo o xeonllo esquerdo deu algún aviso , pero logo pasou.
De volta na praia as sensacións xa era de calor , de ir co cu a rastro e non dar chegado , pero por fin tocou pisar a liña de meta , descansar , volver a saudar a
Miriam, Fon e outros compañeiros do clube . Cando me acheguei a
Mari e Francisco para preguntar se sabían algo dos resultados quedei pampa: Mari medalla de bronce na F4 ( cousa coa que xa contaba, pois vai coma un tiro no circuíto de carreiras), pero o que non esperaba era ter quedado eu de primeira . A vida dache sorpresas , cantaba o Baldes...
As premiacións aínda ían comezar ás 13 horas, co que houbo tempo de ir tomar unha cervexa e logo esperar un longuíiiiisimo tempo de pé a que nos tocase o turno.
Pero ben está o que ben acaba : Dúas nécoras no podium da F4 , lucindo con alegría e orgullo as cores do
Carma e do Trigal , e aínda por riba recibindo os agasallos de mans de
Julia Vaquero e Jesús España.
Posto 79 de 189 na xeral feminina e 457 de 645 na absoluta.
Penso que non se lle pode pedir máis a esta xornada