Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
98 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 10 Mai 2026, 13:20
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Meigalicix escribió:
Xustamente escoitei falar estes días por vez primeira da Pontevedrada. Unhas mozas de aquí do barrio, raparigas de 15 anos estaban apuntadas. Laiábanse de que nunca son capaces de rematar e como moito chegan ata Caldas, pero só intentalo, e ademais por tan boa causa paréceme impresionante.

Así que parabéns polo reto conseguido e os 3 novos " cromos no álbum".

Graciñas Meigalicix! Completar 65 km nun mesmo día non é para nada doado sexa ó ritmo que sexa, e sobre todo de noite... Ó final, facer tres etapas do Camiño de Santiago do tirón necesita unha boa preparación, e en calquera caso todo o que se lance a afrontar este reto (mentres non supoña un risco pola súa condición física) ten moito mérito, chegue a onde chegue.
-----

Sábado 2 de maio de 2026 - Trail Orixes de Mondariz
MONDARIZ (Concello nº 171), FORNELOS DE MONTES (Concello nº 172), COVELO (Concello nº 173)

Estou escribindo neste diario unha semana despois do vivido en Mondariz o sábado pasado. Unha vez máis, xuntáronse demasiadas cousas na axenda social, e visto ó visto, teño que agradecer estar bastante enteiro coa tralla acumulada nas últimas semanas...

O venres pasado cadrou en festivo, e o xoves aproveitei para ir ata á Baña e cumprir cos compromisos familiares. Ese mesmo venres, volvín a Coruña ó mediodía para vivir e sufrir unha agónica victoria deportivista en Riazor, con case 20 minutos de desconto na segunda parte. Unha circunstancia coa que non contaba e dificultaba a outra parte do plan: chegar a Mondariz pola noite para durmir de hotel o día antes do 42k do Trail Orixes. Foi saír do estadio, pillar algo de comer, conducir dúas horas, chegar ó hotel sobre as once da noite e rillar un kebap morno na habitación de hotel.

O sábado pola mañá erguínme sobre as sete, co tempo xusto para almorzar e aparcar (por sorte, sen ningunha dificultade) preto da saída do maratón de monte. Recollín o dorsal, deixei a bolsa do corredor no coche e trala revisión do material, comezaba unha nova aventura. Previamente tiña pensado apuntarme na distancia 9k, porque quería evitar lesións e o monte non se me da moi alá... Sen embargo, comprobando que a distancia 42k era a mínima para pasar polo máximo número de concellos posibles (Mondariz, Fornelos de Montes e Covelo), non quería desaproveitar esta oportunidade.

Comecei os primeiros quilómetros con cabeza fría (dentro das miñas quentadas deste reto e deste fin de semana en concreto), xa que non tiña intención en absoluto de competir ó máximo, simplemente abondaba con chegar á meta antes do tempo de corte e sen mancarme. Fun mantendo o ritmo dun xeito bastante razonable, nas subidas aguantando o tirón, apretando nas zonas chanciñas... e entregando as armas nas baixadas. Son un 'cagado' nas baixadas de monte, pero neste trail en concreto, só tendo unha zona bastante técnica, notei como me adiantaba todo o mundo, estando na zona media dos participantes.

As lembranzas que me quedarán destes 42k a semana vista, foi que sen ser un trail complicadísimo, sí que me parece esixente e merece o debido respecto para completalo. A subida do km 30 ten tanta dureza física como mental para coroar o cume, e tamén unha subidiña a uns 3-4 quilómetros da meta que pode acabar por reventarche. Iso sí, organización excelente: balizado impecable do percorrido, avituallamentos, fotógrafos para unhas instantáneas inesquecibles, voluntarios en puntos delicados...; chapeau.

Durante eses cuarenta e dous quilómetros tiven algún que outro tropezo, sen chegar a traxedia, e tras cruzar a meta sentín a liberación de rematar a aventura san e salvo. Tras unha breve ducha (pola frescura da auga) tocou disfrutar duns merecidos callos e unha cervexa, saudando a moitos coñecidos de anteriores carreiras: Miky (da pedestre de Muxía), Andrea (do trail de Quiroga), Montse (da Heroica Ribeira Sacra), Carmen (da marcha Ultreia), o campionísimo José Santiago (da popular de Cariño)... Ten moito encanto ir coñecendo ós poucos a tanta xente boa do mundo das populares e do trails, coa que te acabas reencontrando polo camiño.

Sumados tres concellos máis, ese mesmo sábado collín o coche de volta a Coruña, para quedar cunha parella de amigos coa que o día seguinte ía embarcarme de vacacións por unha rutiña de 360 km en bicicleta pola beira do Danubio... pero iso xa é outra historia. E agora de volta, toca darme uns días de descanso para recuperarme de tanta tralla. Polo de agora non asoma ningunha carreira en concellos inéditos no fin de semana do 16-17 de maio, pero tocará estar atento... e se non, Castro Caldelas agarda para o sábado 23.

Distancia: 42k | Desnivel: 2.183 m | Tempo: 6h 14' 23" | Ritmo: 8' 55" /km | Posición: 41º

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
98 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 17 Mai 2026, 9:38
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Sábado 16 de maio de 2026 - Cross da Festa do Deporte de Vincios
GONDOMAR (Concello nº 174)

Hai algo especialmente emocionante en acompañar a alguén na súa primeira carreira popular. Máis aínda cando esa persoa chega á saída cunha mestura de ilusión, nervios e cero expectativas competitivas. Desta vez tocou acompañar á miña amiga Patru no seu debut absoluto como corredora popular, nun cross de 3 quilómetros celebrado no campo da Pasaxe, en Vincios. Tamén veu o seu mozo, facendo labores de apoio moral e loxística, e na grada estaban dúas amigas dela animando coma se aquilo fose o Campionato Galego absoluto.

Patru e Ser viñeranme saúdar nas carreiras de Cangas e na de Moaña, e Patru comprometerase a correr comigo cando tivera pensado tachar a carreira de Gondomar. O único que localizara por Google é un cross que tiña lugar en Vincios a mediados de maio, e que o anuncian cunha semana de antelación. Así foi, e para a miña alegría, Patru aceptou o desafío, sen tempo nin tan sequera a adestrar un pouco. Para recompensar o seu compromiso, encargueime de estampar unha segunda camiseta co logo que teño de Correndo Galicia, por formar parte deste desafío tan tolo

O ambiente era moi familiar desde antes de comezar. Quentamos polos arredores do campo de fútbol, facendo unhas voltas suaves e movendo as pernas mentres Patru ía verbalizando os seus medos. O feito de que o percorrido fose íntegro dentro do propio campo poñíaa bastante nerviosa: iso de estar sempre á vista do público e dando voltas parecía intimidarlle máis ca a distancia en si. Pero por sorte, antes da saída estivemos falando co resto dos participantes —éramos só 11 persoas en total— e iso axudouna bastante a relaxarse. Comprobar que alí había xente normal, tranquila e con ganas simplemente de pasar unha boa tarde fixo que baixara revolucións.

Tomouse a saída sen ningún tipo de presión, e desde o primeiro metro asumimos que aquilo ía ser unha carreira para gozar e sobrevivir. Patru non puidera adestrar nin un só día por falta de tempo, así que o obxectivo era simplemente completar o percorrido sen sufrimento excesivo nin lesións inesperadas. Saímos a un ritmo moi baixo, practicamente de conversa continua, alternando algún tramo máis lento con outros onde parecía que collía confianza. E contra todo prognóstico, chegamos a correr 1,5 quilómetros seguidos do tirón, o cal xa parecía unha pequena fazaña persoal.

O cross consistía en varias voltas ó circuíto interior do campo, e cando estabamos completando a terceira, xa coa sensación de ter o peor superado, chegou o momento máis surrealista da tarde. A organización decidiu acurtarnos o percorrido previsto, indicándonos cun ton bastante desenfadado: “total, non ides a gañar nada”. Así, entre risas e certa incredulidade, fomos redirixidos cara á meta antes do esperado.

Ó final cruzamos a liña completando arredor de 2,2 quilómetros en vez dos 3 anunciados, pero sinceramente, o de menos era a exactitude da distancia. Patru chegou feliz, enteira e sen ningunha molestia física, que era o verdadeiro triunfo do día. Para alguén que viña sen preparación e bastante asustada, rematar sorrindo e dicindo que incluso “non fora para tanto” xa converteu a xornada nun éxito absoluto.

Ás veces as mellores carreiras non son as máis rápidas nin as máis épicas, senón aquelas nas que alguén descobre que tamén pode formar parte deste inmenso mundo de dorsais, nervios e metas compartidas, sexa no concello que sexa.

Distancia: 2,2k | Desnivel: 3 m | Tempo: 16' 27" | Ritmo: 7' 25" /km | Posición: 11º

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia

Última edición por Pepemanba o Dom, 17 Mai 2026, 21:00; editado 2 veces
Meigalicix

Experto no foro
Experto no foro
19/02/12
59 Carreiras
3327 Mensaxes
Vigo
Respostar citando Envío Dom, 17 Mai 2026, 17:49
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Fermosa crónica , Pepemanba.
Pouco a pouco xa te vas achegando aos 200. Moito ánimo
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
98 Mensaxes

Respostar citando Envío Lun, 25 Mai 2026, 19:50
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Sábado 23 de maio de 2026 - Spain Backyard Ultra
CASTRO CALDELAS (Concello nº 175)

Seguramente, e con poucas dúbidas, este fin de semana foi o máis sacrificado a todos os niveis (no físico, no mental e no económico), pero ás veces hai que tirar de determinación e convecimento para que este desafío non decaia.

Cando comezou o 2026, tiña dúas datas en mente: a Ultreia no mes de abril e a Backyard Ultra de Castro Caldelas en maio. Dous desafíos diferentes, co denominador común de ser de distancias longas (a Ultreia de 50km e a Backyard... o que aguanten as pernas). Vira no seu día o documental de Netflix "The Barkley Marathons", unha carreira tolísima en USA dunha dureza extrema. O seu artífice, Lazarus Lake, está case tan tolo como os participantes das súas probas, xa que polo menos non as ten que sufrir nas súas carnes.

Entre os distintos tipos de carreira que saíron desta mente, atópase as "Backyard" unha proba de resistencia baseada no formato “Last One Standing”, na que os participantes deben completar unha volta de 6,706 km cada hora ata que só quede unha persoa en carreira. Cada hora en punto dan un saída, e tes que presentarte na saída un minuto antes ou quedas fóra. E cando queda só un participante, ten que completar a volta para darse por gañador. Prácticamente só queda un, o resto de corredores que non cheguen son considerados abandonos.

Este formato de carreira foise popularizando por todo o mundo, e en Galicia somos afortunados de contar cunha backyard grazas a Luís Rodríguez, Manuel Rolán e ó Concello de Castro Caldelas. Iso sí, a adaptación galega non é precisamente un xardín de rosas: cada unha das voltas ten lugar polo monte, acumulando máis de 200 metros de desnivel en apenas eses 7 quilómetros, cunha subida en diagonal bastante inesquecible.

No meu caso, tendo un calendario complicadísimo (no que inda por riba vou sumando a preparación dalgún maratón), este ano non tiña problemas de axenda para participar. Tampouco estou no mellor momento nin o adestrei específicamente, pero sí que me atopo mellor que hai uns meses e estaba preparado para dar guerra. Cal foi o meu problema a medida que pasaban as semanas? Que o Dépor tiña o primeiro match ball para ascender a Primeira, e non era cuestión de chegar moi mallado na viaxe de volta en coche.

Estaba con moitas, moitísimas dúbidas de cómo facer para durmir. Quería aforrar aproveitando o piso dunha familiar en Ourense, e se cadra durmir no coche cando fora que acabara a carreira. Tralos sabios consellos dunha amiga, que insistiu sobre todo en ter un bo descanso en xeral para non ter sustos na estrada, rañei o peto e conseguín a última semana unha habitación en Castro Caldelas. E menos mal: incluso sen durmir perfectamente, creo que sería moi distinto tanto comezar a carreira como o día seguinte ó volante.

Cando cheguei ó castelo de Castro Caldelas para recoller o dorsal o día antes da proba, sorprendeume o "campamento base": cadeiras proporcionadas pola organización onde deixar as bolsas (para cambiarse as mudas, levar a túa propia comida) e despois grupiños de xente que levaba xa as súas propias mesas e cadeiras como se fora un picnic. Collín un sitio para Jorge, un amigo da Rúa de Valdeorras, e para min, para estar xuntos, e tras coller o meu número e a bica de agasallo, fun o hotel a descansar.

A mañá da carreira cadrei con Emilio, un runner vigués que conta cun perfil en Instagram onde vai comentando as súas aventuras, e xuntouse co meu colega Jorge e comigo para establecer "a nosa base". Os tres eramos debutantes neste formato, e tiñamos as mesmas dúbidas e inquietudes sobre cómo sería a nosa evolución, os nosos folgas e cal sería a mellor estratexia de carreira. Cadrei con máis coñecidos das carreiras, e como non podía ser doutro xeito, fun coñecendo xente nova. Neste caso, Álex de Outeiro de Rei, un corredor que xa tiña unha experiencia anterior de dez voltas e que co paso das horas, sería o mellor aliado para chegar lonxe.

Durante a primeira volta, escoitamos a voz da experiencia e fomos a un ritmo relaxado. Correndo nas baixadas, trotando nas zonas chanciñas e camiñando en cada subida (ou amago de). Iso sí, a aglomeración dos case 200 participantes notouse na primeira volta, e inda que non estabamos no medio, sí que notamos como estaba o ritmo ralentizado nas subidas máis estreitas. A primeira volta acabamos cunha marxe de sete minutos. E esta pequena pausa pasaba voando!

A medida que se sucederon as voltas, quedoume claro que había que buscar un equilibrio entre un ritmo esixente e tempo para recuperarse. A organización desta proba é estupenda, e moi ben xestionado o tema dos avituallamentos: todos eles no castelo, durante as dúas primeiras voltas tiñas que autoabastecerte, na terceira comezaba o avituallamento líquido e na cuarta xa o sólido que iba mellorando co paso das voltas: de froita e gominolas, a pasar a pasta con atún, paella, tortilla, xamón...

Podería estenderme moito moitísimo sobre todo o vivido nesta carreira inesquecible, o resumo foi que nas primeiras cinco voltas fun acompañado polo meu amigo Jorge, na sexta decidín subir un pouco máis o ritmo (cheguei a contar con 19 minutos de descanso) e despois enganchei con Álex, indo os dous a un ritmo no que nos atopabamos os dous moi cómodos (inda que no tramo final de asfalto chanciño, eu metía o turbo para rañar un par de minutos máis no Castelo). Cando na volta 12 xa tivemos que sacar o frontal e chegaba a oscuridade, decidín que era o momento dunha retirada sabia, xa que tiña medo de tropezar debido á oscuridade, o cansanzo acumulado e a choiva que comezaba a asomar por momentos.

Así foi a secuencia de tempos das miñas 12 voltas no Backyard 2026: Loop 1 (53'47") - Loop 2 (52' 34") - Loop 3 (51' 01") - Loop 4 (52' 13") - Loop 5 (51' 05") - Loop 6 (48' 31") - Loop 7 (50' 01") - Loop 8 (52' 02") - Loop 9 (48' 31") - Loop 10 (41' 08") - Loop 11 (51' 03") - Loop 12 (51' 25").

Sei que tiña folgos para unha volta máis (e Alex estivo ata o último momento intentando convencerme), pero tiña moito máis que perder que gañar. Fantasei con chegar ata a volta 15 e acadar os 100 km, pero hai que saber parar (dentro do que cabe)...

Distancia: 80km | Desnivel: 3.041 m | Tempo: 12h 51' 25" | Ritmo: 7' 36" /km | Posición: Retirado

-------

Domingo 24 de maio de 2026 - Carreira Popular Xinzo de Limia
XINZO DE LIMIA (Concello nº 176)

...porque ademais, espertándome enteiro o domingo pola mañá, planteime en Xinzo de Limia para correr 4 km na súa carreira popular e facer un check nunha provincia que me queda demasiado lonxe de Coruña. Un pracer saudar a Alonso (co que cadrara na maratón de Coruña de 2018) e a coñecidos de Limiactiva nos anos que competira na liga galega de orientación.

E non sei se vos enterastes, pero o domingo houbo certa celebración en Coruña que case se me fixo como unha segunda Backyard, da que vou necesitar un par de días para recuperarme... Dous concellos máis, dous concellos menos!

Distancia: 4k | Desnivel: 7 m | Tempo: 19' 29" | Ritmo: 4' 32" /km | Posición: non publicado na web

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Meigalicix

Experto no foro
Experto no foro
19/02/12
59 Carreiras
3327 Mensaxes
Vigo
Respostar citando Envío Mar, 26 Mai 2026, 16:20
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Aupa Depor! Aínda que sexa de Vigo e celtista,iso non me impide alegrarme dos ascensos dos demais.
E moito ánimo para os seguintes retos





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos