Dom, 21 Xuñ 2026, 21:18
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Sábado 20 de xuño de 2026 - Carreira Popular "Entre Carballos Centenarios"
CARBALLEDO (Concello nº 182)
Tras xantar coa miña irmá e a miña sobriña en Negreira, arranquei cara Carballedo para completar os 5 quilómetros da súa carreira popular, chamada "Entre Carballos Centenarios". Acordeime moito da carreira de Antas de Ulla do ano pasado, pola proximidade xeográfica, ter lugar pola tarde (as 17.00h da tarde) e celebrarse con máis de 30º de calor. A miña intención era a de dar o máximo posible, inda sabendo que tería máis tralla por diante ó longo da fin de semana.
Na saída arrincamos a fume de carozo todos os participantes, costa abaixo nos primeros metros e cunha consecución progresiva de subidas e baixadas. Menos mal que vira antes o perfil da carreira, para mentalizarme da tremenda costa que nos agardaba no quilómetro 3. Tocou apretar moito os dentes, pero puiden aguantar o esforzo. Notábase moitísimo a calor, coa sorte de ter varios tramos de sombra. E menos mal que no km 4 tiñamos un punto de avituallamento, inda que non quedase moito para chegar a meta.
Xusto despois dese avituallamento, chegou un desvío para os participantes da carreira de 5km e os de 10km. Chamoume a atención que só tiña por diante outro corredor, no que contaba cunha considerable ventaxa, pero remontable.
De todas formas, notábame coas forzas xustas para aguantar o ritmo, abafado pola calor e con poucas ganas de pelexar por unha victoria da que non estaba seguro (igual o de diante non era o primeiro, e igual se lanzase un ataque, ou non chegaría a tempo, ou el contaría con folgos para responder). Completamos os 5 quilómetros e inda quedaban 600 metros máis para chegar a meta.
Así foi, e acabei segundo absoluto do 5k cuns 9 segundos de diferencia co primeiro. Fun a unha zona de sombra a beber e botarme por riba unha de botellas de auga. Tirado no chan recuperei os folgos e chamoume a atención descubrir que neste evento na carreira 5k só terían un detalle o 1º masculino e feminino, sen podio para os tres primeiros. Despedinme de Nia e David, que participaran no 10k como auténticos campións (rematando en zona de podio, por categoría para el e absoluta para ela), e prepareime para a seguinte cita do día.
Distancia: 5,6km | Desnivel: 98m | Tempo: 23' 58" | Ritmo: 4' 15" / km | Posición: 2º absoluto
----
Sábado 20 de xuño de 2026 - Carreira Nocturna de Celanova
CELANOVA (Concello nº 183)
Tras unha horiña de coche, cheguei a Celanova con marxe suficiente para facer checkin no hotel, ducharme e descansar un pouco antes da seguinte proba: a Carreira Nocturna de Celanova. Primeira vez que visitaba esa vila e realmente gustoume moito. Un casco histórico moi bonito e animado, polo que estiven paseando na Praza Maior para recoller o dorsal e ver o ambiente da zona. Tivera aínda tempo suficiente como para dar un pequeno paseo ata cear algo no propio hotel, no que polo visto estaba cheo de participantes nun congreso de bachata que tiña lugar ese mesmo fin de semana.
As 22.30h tiña lugar a saída da proba, e xa estaba con dúbidas se fora unha boa idea cear polo frito e patacas xusto hora e media antes, pero o feito, feito estaba. Inda que tamén pretendía ir ó máximo posible, nesta carreira había moitos máis participantes (237 na distancia absoluta fronte os 12 da 5k de Carballedo) e sabía que non tería moitas posibilidades de competir. Sen embargo, e pesar de que a comida me repetía un pouco nos primeiros metros, noteime bastante ben e controlando ritmo desde o momento.
Neste caso, o formato da carreira (nocturna con percorrido urbano), recordoume moitísimo o vivido anteriormente en Pontedeume e Mondoñedo, xa que son probas de ritmo rápido, e auténticas ratoeiras ó ser de rúas estreitas por momentos e con moitos xiros. Neste caso, en Celanova tivemos que dar unha volta a un percorrido curto, e logo dúas voltas a outro algo máis longo.
E aquí ven a cuestión: a distancia total da carreira foron 8,2km, e na miña cabeza tras falalo cun descoñecido antes da saída, estaba convencido de que eran 6,7 km (influencia da distancia do Backyard de Castro Caldelas? Ou da febre do six seven? Ou sería que quería acabar axiña? Ou quizais porque estou fatal da cabeza?).
O caso é que a partir do km 4 e despois dunha zona de subidas empinadas, empecei a carburar moito máis e adiantar a corredores que ían quedando sen folgos. E nun paso polo arco de saída/punto intermedio/meta, estaba convencido de que a carreira xa rematara para min por marcar 6,7 km no meu reloxo. Pero a verdade é que non había outra xente retirándose, e cando estaba case parándome de todo, o público berroume para que seguira avanzando. Un auténtico mazazo para a miña mente, pero tocaba seguir tirando para adiante, coa sorpresa de que non me derrumbei como podía chegar a ser. Tirei de moitísima negociación mental, pero ese 1,5 km extra foi bastante baixón.
Tras completar (agora sí) toda a distancia, fun ó avituallamento postcarreira, recollín a camiseta de agasallo e nada máis chegar ó hotel consultei o móbil e sorpresa unha vez máis: chegara de 25º absoluto e 2º de categoría Máster 35. Tan ou máis inesperado como en Valdoviño a semana antes, porque destas últimas carreiras, xusto en Carballedo é onde diría que fixen máis méritos (para estar 2º absoluto sen podio), e non agardaba para nada facelo aquí. Un subidón, por enrachar dúas semanas en zona noble de categoría, e porque así pechaba o círculo de subir unha vez o podio en cada unha das provincias galegas.
Ducheime no hotel e fun de volta á zona do arco de meta e o podio, e tocou agardar un bo rato, xa que enredaran ata ter as clasificacións do podio de todas as categorías. Despois de recoller a medalla e o obsequio (nun podio incompleto, xa que o gañador non se presentara porque xa era medianoite pasadas), volvín o hotel para afrontar o terceiro concello do fin de semana en menos de 24 horas.
Distancia: 8,5km | Desnivel: 105m | Tempo: 34' 08" | Ritmo: 4' 09" / km | Posición: 25º absoluto (2º Categoría Máster 35)
-------
Domingo 21 de xuño de 2026 - Andaina Mariolas do Xurés
LOBIOS (Concello nº 184)
Esperteime as 7 de mañá e algo antes das 8 enfilei o coche camiño a Lobios, última parada do fin de semana. Anoteime a esta andaina aproveitando a proximidade con Celanova, e xa que me metera semellante tute en coche e non se pisaba en horarios con resto de probas. Primeira vez que visitaba Lobios, e a mañá pintaba bastante calurosa. Inda bueno que a saída era ben cedo, ás 9 de mañá, e xa falara coa organización se había posibilidade de completar a andaina correndo ou trotando.
Recollín o dorsal e os agasallos (camiseta, taza e un paipai, un abanico plegable), collín a cantimplora e as gafas de sol, e en canto deron a saída, empecei trotando antes de darlle zapatilla. Non era o único: había outro corredor a un ritmo moito máis impresionante, que me permitiu saber por onde tirar no primeiro quilómetro antes de que apareceran indicacións salvadores. Esta andaina contaba con dúas distancias: 14km ou 20km. Anotárame á de 20km non por ganar de seguir machacando ó corpo, senón por se había a esperanza de atravesar outro concello veciño (spoiler: non).
A parte mala: a meirande parte do percorrido picaba para arriba, había bastante máis subida que baixada. As partes boas: o percorrido era moi bonito (as vistas do tramo final eran impresionantes), bastante zona de sombra, indicacións en absolutamente todo momento e cruce (unha auténtica marabilla, a proba de despistados totais) e avituallamentos cada 5 quilómetros con voluntarios encantadores. Fun de novo de menos a máis: a un ritmo estable de 5'00" - 6'00" / km, camiñando nas subidas, para despois ir a tumba aberta nos derradeiros quilómetros costa abaixo.
Tras atravesar o campo de fútbol e chegar de novo o punto de saída que exercía como meta, comprobei que por terceira vez nun mesmo fin de semana quedara segundo. Obviamente, era unha andaina non competitiva, polo que fun o segundo 'rariño' da xornada. Sen embargo, a organización foi súper amable comigo e tiven tempo a falar con eles da miña ruta delirante do fin de semana. Ducheime na piscina, e inda que me insistiran en quedar á comida que tería lugar sobre ás 14.00h, eu ás 11.30h só quería coller o coche para facer a viaxe de volta a Coruña e descansar despois dun fin de semana moi intenso. 3 concellos novos, 3 segundos postos, 1 podio e 34 quilómetros corridos (sen sumar os do coche).
Distancia: 20km | Desnivel: 98m | Tempo: 2h 04' 55" | Ritmo: 5' 46" / km | Posición: 2º absoluto (non competitiva)
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia