Mér, 04 Mai 2016, 16:56
Asunto: Re: III ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA - BRIÓN 2016 [CANCELADA]
SUSPENDESE A III ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA - BRIÓN
A directiva da A.C.M.D O ESQUÍO NO PIÑEIRO informa:
Que logo de moito meditalo vémonos na obriga de cancelar a III ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA - BRIÓN que ía celebrarse o vindeiro día 14 de maio de 2016 no Concello de Brión.
A razón non é outra que a falta de liquidez e medios da Asociación para poder levala a cabo, trátase dunha decisión moi meditada e a súa vez tomada moi ao noso pesar.
Cando comezamos a traballar nesta edición da andaina, e logo de estudiar o posible orzamento de gastos, xa nos vimos na obriga de aumentar o prezo da inscrición (+1€ con respecto a pasada edición) para tentar cubrir os gastos derivados da organización da mesma. Xunto con esta medida e contando con ter o apoio (como en edicións anteriores) de empresas que colaboraran patrocinando economicamente a proba tiñamos moi boas expectativas para levar adiante esta terceira edición. Pero a realidade foi outra moi distinta, e logo de manter conversas cos habituais patrocinadores estas non chegaron a bo porto polo que o aporte económico veuse notablemente decrecido en relación a edición pasada.
Outro dos motivos, e quizais o principal, é que a inscrición tampouco foi como en principio contábamos, pasando dos case 400 inscritos na edición 2015 aos pouco mais de 130 que temos a día de hoxe.
Con este negro panorama e afogados polos gastos que supón organizar un evento deste tipo (cronometraxe, camisetas, bolsas, comida, carpas, seguros, ambulancia, diplomas, furgoneta, gasolina, etc.) chegamos ao consenso de que
este ano é economicamente inviable para a nosa pequena asociación asumir a organización desta proba. Sabemos que seguramente se pode organizar de xeito “máis sinxelo” ou con menos pretensións, pero nin nos vemos con ganas nin cremos que sexa moi producente baixar o bo caché que conseguiu a andaina nas dúas pasadas edicións.
Apelamos á comprensión de tódolos inscritos e informamos
que se devolverá a cota íntegra de inscrición a cada un deles da seguinte maneira:
-
Inscritos a través da web: faráselle a devolución automaticamente ao número de conta ou tarxeta bancaria que utilizaron para facer a inscrición. Contamos con facer a orde de devolución estes días co cal para a vindeira semana deberían estar efectivamente devoltas todas as cotas.
-
Inscritos na Piscina Cuberta Municipal: deberán achegarse a esta instalación onde se lle devolverá a cota de inscrición en efectivo.
Queremos que este non sexa o final da ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA – BRIÓN, senón un punto e seguido, e traballaremos con todo o esforzo para que a NOSA ANDAINA non caia no esquecemento e para poder ofrecervos unha nova edición no ano 2017.
Rogámosvos a todos/as que aceptedes as nosas sentidas desculpas polas molestias que puideramos tervos ocasionado.
A.C.M.D O ESQUIO NO PIÑEIRO
04 DE MAIO DE 2016