Ven, 31 Ago 2018, 8:57
Asunto: Reykjavik marathon 2018
Boas,
Como o pasado 18 de agosto "sufrín" en primeira persoa esta maratón islandesa, quería compartir con vós a miña experiencia e recomendarvos esta carreira.
A maratón de Reykjavik organízase en conxunto coa media maratón (que sae ao mesmo tempo) e cunha carreira de 10km. A carreira é un sábado, para facela coincidir coa noite cultural de Reykjavik. Este evento consiste en concertos, programas para nenos, museos e galerías abertos todo o día e toda a noite, con ofertas culturais especiais, creando un escenario moi especial que atrae a miles de persoas á capital nórdica.
A inscrición ábrese no mes de xaneiro. Comentar que este ano tiveron un problema (debeulles conxelar o servidor :P) e non estivo operativa a súa web para a inscrición ata mediados de xaneiro, se non lembro mal. En canto ao prezo, e tendo en conta o nivel de vida en Islandia, non é demasiada cara no primeiro tramo, polo menos.
A recollida de dorsais podía ser xoves e venres previos á carreira, pola tarde, nun pavillón de exposicións, ou o mesmo día da carreira (recoméndase evitar esta última opción). Co dorsal e o chip de zapatilla regalaban unha camiseta, pero cando chegamos (venres a última hora) xa non quedaban (era algo que tamén se comentaba na inscrición).
A carreira comeza ás 8.40h, pero tendo en conta o cambio horario, non é nada madrugadora (eu espertaba tódolos días sobre as 5-6am, cando o día xa estaba alto :D). Hai gardarroupa na saída (no Laekjargata, antigo parlamento, o edificio máis grande de Reykjavik :O), pero é caótica e sen control: danche unha bolsa onde apuntas o teu número de dorsal e o deixas nunha sala aberta a calquera. Nun lugar onde deixan aos nenos pequenos no exterior sentado no carriño mentres os pais fan as compras ou toman un café, non é de estranar que non pensen en roubos. Foi unha sensación de extrema seguridade que nos acompañou en toda a viaxe.
A saída, como xa comentei, é conxunta coa media maratón. Non hai pacers para a maratón, pero si para a media (sen embargo a uns ritmos a partires da 1h40m). Tampouco hai control sobre a posición na que saes, só indicacións de onde debes estar pola marca que pensas vas facer. Por iso os selfie-runners compartían espazo cos corredores de elite, e durante os primeiros quilómetros fumos adiantando a moita xente. Sen embargo, tendo en conta que na maratón eramos 1000 corredores aprox e na media 2500 aprox, e a saída era nunha avenida bastante ancha, nunha houbo problemas para poder correr.
O ambiente previo á saída é magnífico. Moita xente, música, saída en pleno centro da cidade... e o pacto que ten a maratón para facer que o día, no medio de semanas de chuvias, sexa soleado!
A maratón comparte o percorrido coa media durante os primeiros 18 km. O perfil deses primeiros 18km é cáseque chan todo o tempo, tan só unha pequena "tachuela" no km 5 e despois unha subida longa pero tendida no km 14 de un pouco máis de un quilómetro. Sáese por unhas zonas axardinadas e con estanques (parque hljómskalargadur) para tirar cara o sul en busca do mar, que se amosa no km 2, e despois vaise bordeando a costa da península ata o 5, onde se atravesa cara o norte, para volver cara a zona da saída (cara o Harpa) pasando por unha zona residencial de casiñas preciosas que miran ao mar, e despois o porto de Reykjavik.
Estamos case no km 11 cando pasamos o Harpa, e deixamos atrás as rectas ao carón do mar nas que desfrutamos dunhas das mellores sensacións: correr co vento en contra (feble ao principio, pero sabemos que nos machacará máis adiante), co sol destas latitudes iluminando aos compañeiros que nos preceden cunha luz incrible, botando a vista cara ao mar. É co que me quedo desta carreira.
Foi tamén nesta parte da carreira onde vimos máis espectadores animando, e mesas improvisadas ateigadas de froitas, barriñas e bebidas. Pensaba que estaban demasiado cedo, pero tamén o xustificaba porque despois voltariamos pasar por aquí... pero non. Na segunda volta todas esas ofrendas desapareceran, así como a animación.
A carreira segue pola costa, buscando o leste, ocupando a estrada completamente (así foi dende o inicio). No km 14 comeza unha subida longa (algo máis dun quilómetro) pero tendida. Compénsase un tanto polo vento, agora a favor. No km 16 hai un xiro de 180º, e unha pequena pendente que sumado ao vento (agora en contra) baixa algo o ritmo. O último km antes de separarse a media da maratón é costa abaixo.
No km 18 sepáranse os dous trazados, e nótase de dous xeitos. Primeiro, o número de corredores decreméntase radicalmente. Somos 1300 chegados, pero o primeiro ten un tempo de 2h23m e o último 7h26. Imos moi espallados. Tanto, que en moitos periodos non hai referencia ningunha, non hai corredores diante á vista. Segundo, abandoamos a estrada, e comezamos a transitar exclusivamente por carril bici - sendeiro. Como ás veces non tes corredor diante, tamén debes ir atento ás marcas no chan para desviarte á esquerda ou dereita. E a senda non está pechada para nós, compartímola con xente que vai camiñando, correndo ou en bici, na mesma dirección ou en sentido oposto... Estes son factores que a min me desmoralizaron un pouco, aínda indo sobre aviso.
Ademáis, dende o km 18 ata o 30 comeza a parte rompepernas da maratón. Un continuo sube baixa que machaca as pernas. Curvas pronunciadas en sendeiros estreitos, pasos por baixo de estradas, subidas a pontes que pasan por riba delas... Pero tamén son partes de gran beleza. No km 19-20 pasamos por diante do Hilton e do pazo de exposicións onde recollimos os dorsais. No paso pola media maratón un grupo de cheerleaders nos ameniza a carreira. Pasamos por diante do zoo de Reykjavik, onde teñen un prado con vacas, ovellas, cabras e cabalos islandeses. No km 24-25 pasamos por unha zona moi fermosa, o parque Ellidaárdalur, cun río con pequenas cascadas e moita vida salvaxe. Pero antes tivemos que pasar por riba da autovía por unha ponte de peóns!
Cando remata o sube baixa (aprox no km 30) chegamos de novo á costa, á praia de area branca (a única que vin en Islandia) de Fossvogur (con tubo de auga quente e todo :D). Dende o km 28 ata o 38 temos o vento en contra, moi forte nesta parte, sobre todo cando pasamos bordeando o aeroporto da capital (non confundir co internacional de Keflavik). A parte máis dura da maratón, esquivando bicis e compartindo en ocasións estrada con coches. Pero chegamos a outra ubicación moi especial, o espazo natural de Grótta, un zona húmida onde hai protección para aves coroado por un faro precioso. Deste xeito chegamos ao final da península onde está a capital de Islandia, e os últimos 4 km son xa co vento lateral, non en contra. A xente con froita e ánimos desapareceu, compartimos senda con algún peón que nos anima e voluntarios que cortan momentáneamente o tráfico cando pasamos dun lado ao outro da beirarrúa. Os últimos centos de metros volta a ser de animación e voltan as forzas. Finalizada a maratón, toca devolver o chip, coller unha Viking e bebela ben fresquiña.
Para ilustrar o sós que iamos, a falta de referencias e a imposibilidade de irmos en grupeta, o corredor que entrou antes ca min chegou 1m06seg antes. Non puiden nin facer o sprint de rigor!
Espero que vos animedes a correla. É algo dura pero moi bonita e o país merece a pena. Saúdos!