Lun, 04 Ago 2025, 18:34
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Sábado 2 de agosto 2025 - XI Roteiro de San Bartolomeu
MONFERO (Concello nº128)
O meu principal problema para asistir a carreiras en todo canto concello hai é encaixar a axenda. En verán, inda por riba, todo é máis complicado. Festas familiares, reencontros de amigos, eventos cada día... O primeiro venres de agosto en Coruña houbo concerto de Baiuca e quedara cuns colegas para velo. A cuestión é que despois do concerto a troula continuaba, e xa non teño o corpo para queimalo de noite e de día. Con moito pesar, escapei de festa e descansei para vivir a experiencia do roteiro de Monfero.
Monfero é un deses concellos que non conta con moitos eventos deportivos. Polo menos, nestes últimos anos non chegara a localizar ningunha carreira. Neste foro descubrín a existencia dun roteiro organizado por un veciño da zona, que contaba cos permisos para argallar unha andaina, sen tratarse dunha carreira convencional: sen cronometraxe, sen clasificación, sen competición real. O seu obxectivo era poñer en valor o mundo rural, deixar que non esmoreza e dar a coñecer as fermosas terras do Eume.
Neste reto de correr nos 313 concellos, polo de agora teño un estándar de esixencia "elevado". No sentido de que estou contabilizando carreiras de todo tipo (pedestres de toda distancia, trail, obstáculos, orientación...) pero que conten cunha organización. Chegará o momento no que terei que abrir a man naqueles concellos que levan tempo sen organizar carreiras ou que nunca chegaron a celebrar unha. A filosofía de Manuel Bouza, artífice deste roteiro de Monfero, paréceme fantástica se nun futuro chego a plantexar algunha proposta neses concellos máis 'agochados' no mapa galego.
O sábado pola mañá resultoume máis complicado a viaxe en coche que o roteiro en si, xa que de Google Maps debes fiarte o xusto. Mira que neste caso non faltaban indicacións dos organizadores e ata sinais durante a ruta, pero nun cruce nunha costa con moita pendente, unhas raparigas quedaron atoradas co coche ó dubidar por onde ir e formaron caravana ata que puideron arrincar. E o meu C3 sofre tanto ou máis coma min nesas situacións límite, por sorte puidemos safar todos.
Despois de recoller o dorsal (para levar a conta da xente, non por motivos competitivos), saudar uns amigos Beerruners e atender á emotiva presentación do roteiro, no que se explicou todo para o seu correcto desenvolvemento, comezou a aventura.
Sen pistoletazo de saída, sen conta atrás, sen cronometraxe nin nada. Un roteiro con moito aroma de mañá familiar, no que houbo tanto 'andaríns' como 'andaríns máis lixeiros'. Quedei abraiado pola fermosura do lugar, o coidado do camiño (polos propios organizadores) e tamén o perfecto balizado, onde era imposible perderse.
Nunha zona na que era de obrigado cumprimento 'reducir a velocidade' coincidín cun corredor que viñera desde Lugo e que participaba nas carreiras sen reloxo. Todo un 'outsider' nos tempos de Strava, e co que comentei algunhas carreiras da provincia lucense.
Chegados ó momento crítico das frechas de separación de camiños, para elixir entre o roteiro de 17 km ou o de 12,5 km, xa que tiña a oportunidade de dar marcha atrás, elixín o treito máis curto. Estaba anotado no percorrido longo, pero despois inscribírame no 5k de Ortigueira do domingo, e mellor conservar pernas para unha carreira na que ía ir con outro chip. Cheguei o punto de partida, tomei o avituallamento post-carreira correspondente e non tardei en liscar para cumprir coa axenda social da tardiña. Inda tocaba outra parada runner este fin de semana.
Distancia: 12,3k | Desnivel: 562m | Tempo: 1h 19m 23s | Ritmo: 6:26 /km | Posición: N/A
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia