Lun, 24 Nov 2025, 10:49
Asunto: XII Trail do Trega - A Guarda
Onte tiven ocasión de participar por
primeira vez neste evento e quero escribir algo por se alguén se quere animar en vindeiras ocasións e poida ter unha referencia.
Primeiro quero
agradecer o traballo a todas as persoas que colaboraron para sacar un ano máis a carreira adiante.
Sobre o evento quero destacar que está
moi correctamente organizado, non tiven problema ningún.
* teñen unha web propia onde está dispoñible o regulamento
* enviaron un correo electrónico uns días antes confirmando horarios das carreiras e entrega de dorsais
* a entrega de dorsais era áxil (polo menos cando eu fun)
* a ruta estaba
perfectamente sinalizada, son probas curtas e con bastante participación, pero en todo caso era imposible perderse
* os avituallamentos nos lugares establecidos con anterioridade, con auga, froita variada, froitos secos e bica
* a ruta en si é
variada e cunha dificultade técnica medio-baixa, apta, na miña opinión, para persoas que queren desfrutar de correr pola natureza sen arriscar (demasiado) a levar un golpe, ou para irlle collendo o truco a esta modalidade. As zonas máis perigosas eran precisamente as escaleiras de pedra que baixaban das antenas

(50 m.). Abonda o terreo para exprimirte se queres correr (e tes forza) así como para ter un pouquiño de cabeza nas baixadas (non é terreo desfeito e roto).
* en meta había novamente avituallamento e auga abondo, así como unha tapa de callos (garbanzos con cousas)
* fotografías: nin busquei, pero parecía haber unha ou dúas fotógrafas «oficiais», pola pinta

, así que debería haber fotos de todas as participantes para lembrar a xornada
* ah! e a camiseta de recordo pareceume moi orixinal e
chula
non fixo frío e case non choveu nada, polo que tamén puidemos desfrutar dunhas vistas fabulosas sobre o Miño, Portugal e a propia vila de A Guarda.
Animo a calquera que vaia pasar unha bonita mañán correndo en compañía.
para que non todo sexan «flores»

aquí van dúas situacións que a min teríanme axudado.
Quizás publicar con máis antelación o perfil, aínda que non sexa o «track» exacto, pode axudar a facerse unha idea do percorrido. Coa mesma distancia e desnivel non é igual dúas subidas longas e constantes que sete máis curtas e empinadas. Na web estaba un ou dous días antes (que eu vise).
Non tiven problema para estacionar, xunto ao pabillón, pero non vin no regulamento ou na web unha orientación ao respecto, sobre unha zona recomendada
Persoalmente non me sentín nada forte, por cousas, pero
souben adaptarme ás circunstancias e pasei unha xornada moi agradable.
Espero que un par de persoas que vin coxeando estean ben

. Un saúdo ás «rapazas» que levaban camisetas con gatos coloridos, que corrín moito tempo canda elas.
Grazas outra vez.
Est.2008 mastodon.gal - Libros "Run&Endurance"