Xov, 11 Nov 2010, 23:36
Asunto: Sahara
Levo uns días vendo con horror o que está a pasar en El Aaiún, onde parece ser que o exército e a policía marroquí está a cometer verdadeiros crimes en contra do pobo saharaui, seguindo as ordes do rei Mohamed VI, e coa aquiescencia e desinterese de todo o mundo occidental que, ao meu entender, é o único que pode deter a matanza de homes, mulleres e nenos pequenos.
Os nosos Gobernos, tanto o actual coma todos os anteriores, dende Súarez ata Zapatero, nunca tiveron moito interese real en aportar a súa axuda no conflicto saharaui, tanto polo feito de sermos responsables do estado actual do pobo saharaui por telo abandoado coma ex-potencia colonizadora, así como polas relacións con Marrocos, estratéxicas no tocante ao estatus de Ceuta e Melilla, ao fluxo demográfico, ás relacións económicas e comerciais, á posición das autoridades marroquís fronte ao terrorismo islamista e outras consideracions menores pero tamén moi importantes. Vai ter que pasar (ou xa está pasando) unha auténtica masacre con centos de mortes para que algo se mova nas conciencias dos dirixentes actuais. Para evitalo está intervindo a maquinaria policial marroquí: acaban de deter a Angels Barceló, Nicolás Castellano e Angel Cabrera (SER) e decretar a súa expulsión de El Aaiún. O estado de bloqueo e censura sobre a información é brutal e absoluto, tratando de que o mundo non sepa cantos mortos hai (hai informacions de que hai ducias de desaparecidos, que poderían estar nas cárceres secretas que hai por todo Marrocos ou que xa estarían asesinados e enterrados en fosas comúns).
Os saharauis, que teñen en moitos casos moita relación con Galiza debido as estancias que moitos dos seus nenos pasan na nosa terra, están sós e abandoados por todos na súa propia terra, que foi ocupada polos colonos marroquís e que os empuxan sistemáticamente cara a Mauritania e Alxeria. Hai moitos anos que a Fronte Polisaria abandonou as armas, na crenza das garantías que a ONU, EE.UU, Francia e España lle daban de resolver o conflicto de xeito pacífico. Todo este tempo foi perdido: só serviu para decatarnos de que Marrocos nunca vai retirarse do Sahara
motu propio, e tamén para que o sofrimento do pobo saharaui aumentara.
Os foreiros, neste foro, pouco podemos facer. Nembargantes, sí podemos opinar entre nós sobre este tema tan difícil. A falta de que algún de vós se lle ocurra unha idea brillante, polo menos servirá para que a nosa pequena comunidade poida enterarse libremente do que está a pasar. E o que queira alzar a súa voz na defensa dese pobo tan hospitalario, estou seguro que terá neste foro unha canle aberta.
Saúdos.
PD: A firma tamén vale para o goberno marroquí...