Dom, 14 Nov 2021, 22:32
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela: "44 Carreira pedestre popular San Martiño "
Despois de dous longos anos, o caso era volver.
Se cadra volver como Gardel, coa alma aferrada a un doce recordo , sentindo que é un soplo a vida.
Ou volver como Vicente Fernández , co corazón alborotado e disposto a saber perder.
Ou como Sergio e Estíbaliz, reiterativos no asunto, sen que importe que alguén vaia dicirnos que temos xogado e perdido, e pese a todo hai que volver para desandar o mal andado.
Tampouco estaría mal facelo ao estilo Eddy Grant, cun coro alegre que nos fose cantando "Baby , come back " segundo fósemos chegando, pero sendo como é o público de Sparkland, iso xa quedaba descartado de entrada.
Todo transcurriu dun xeito máis normal, pero coa súa dose festiva habitual.
Estivo ben volver a ver a
Isaías. Igual de ben estivo poder facer a Carmafoto de rigor cos outros catro compañeiros de equipo que eran da partida. Non din visto a
Papa-Léguas e Matogrosso, por moito que din voltas preto do Nexus. Con tanto labirinto de vallas ao redor, e o caos no redil a partir da 3 entrada escalonada, tampouco estaba fácil a cousa. A quen si vin foi a
Baoes, pouco tempo despois do primeiro paso pola Ponte Vella.
Sensacións? Primeiramente de frío, pero iso para min é sempre bo, corro máis cómoda. Desde a saída ata pasar a Avenida das Caldas ía como de baixón e media "pájara", supoño que a falta de costume. Pero a base de sacar "gominolas enerxéticas" do peto, fun tirando a un ritmo que intuía aceptable. Digo que intuía, porque o Garmin ía sen batería case, e o tiña e función reloxo, sen conectar o GPS.
Por 3 veces ao longo do percorrido atopei inocentes grupiños de nenos e nenas ofrecendo a man extendida para saudar. E con gusto lles tería marcado coa miña, pero por se acaso caía unha multa por saltarme o protocolo COVID, mantiven a distancia, iso sí, devolvendo o saúdo e agradecendo efusivamente. Hai que coidar a canteira sempre.
Como quen non quere a cousa, xa me vin pasando o último agobio pola costa de Francisca Herrera, rematando o último kilómetro, e desenfundando de novo a mascarilla para pasar polo arco. Non lle fixen demasiado caso ao cronómetro oficial nese momento , porque con tanta saída escalonada daba pereza poñerse a calcular alí os tempos brutos e netos.
Media hora despois, xa de volta ao campamento base, duchada e acicalada, tocou consultar na rede os resultados.
Na categoría de velloucas + 55, quedou merecidamente de 1ª a miña "ex-archirrival" , cun tempazo de 47 minutos.
Os meus resultados:
1128 de 1567 persoas chegadas a meta
144 de 340 na xeral feminina
7 de 18 na categoría de veteranas D
E o resumo dos cronos:
KM 5 1133 F-148 MSEF-7 05:29 -- 00:27:27 -- 5000 m
KM 8 1122 F-143 MSEF-7 05:25 -- 00:43:19 -- 8000 m
META 1128 F-144 MSEF-7 05:25 -- 00:54:14 -- 10000 m
Nada dese ritmo supersónico de 5:03 que vaticinaba Freaky. Esas cousas só logrei facelas nesa outra vida anterior á lesión e a pandemia, e para iso en carreiras de menos de 5 km, nunca nunha de 10.
Pero creo que gañei o aprobado , e con marxe.
Agora a descansar coa conciencia tranquila, deixando que o xeonllo esquerdo recupere ben moitos días, e a pensar xa no senguinte obxectivo .
"Porque yo lo valgo" aínda que non use Loreal.