Sun, 26 Mar 2023, 22:12
Post subject: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela : "XVI Medio maratón Vigo Baiona"
E por fin chegou o gran día.
Por unha vez logrei durmir o xusto e necesario, pese ao recorte do cambio de hora.
Tamén tiven tempo de almorzar a conciencia, e levar reservas abondas para evitar calambres e baixóns non desexados.
Non estirei en casa, contando de facelo xa en Samil, pero entre trotar para entrar en calor, sacar a Carmafoto e facer cola nos baños un par de veces, xa se foi o tempo.
Cando ía deixarlle xa toda a roupa de abrigo ao meu fiel e constante utillero, atopeime con
Doctor Slump e con Montse. Que alegría poder darnos unha aperta postpandemia!!! Xa perdera a conta do tempo que levabamos sen vernos.Sacamos unha foto para inmortalizar o momento. O gran ausente foi
Andres61, que non compareceu por lesión no piramidal. Unha mágoa.
Logo un pouco de charla para poñernos ao día, de paso que iamos o Doutor máis eu cara os caixóns de saída. Montse desta volta quedou no público saudando.
Aínda que estaba no caixón que me tocaba, tiña a sensación de que ía máis adiante do que me conviña.
Cando por fin deron a saída, a sensación era xusto a contraria. A xente ía lentísima e todo era un atasco.
Aínda así, entre adiantamento e adiantamento con calzador, antes de rematar a recta de Samil xa perdín de vista a Dr Slump, como por arte de maxia. Desde logo o seu sitio na carreira estaba moito máis adiante.
Pola miña banda sentiame lixeira e a bo ritmo, como hai unha semana, subindo de Samil a Canido sen problema.
Nesa altura vexo que vou a rebasar a unha das lebres. Era a de 2 horas, e non me cadraban as contas, pois iamos todos correndo moi por debaixo dos 5:40. De todos xeitos apretei un pouco máis para deixar distancia. Este ano tiña que lograr chegar antes das 2 horas, ou polo menos intentalo.
Xa de contado chegamos a Mide, Saians. Perfecta sincronización de botellas de auga, esponxas e aporte de gominolas enerxéticas cada 5 ou 6 km.
A sensación era a de ir adiantando sempre xente.
O caso é que xa desde o km 8 os glúteos comezaron a queixarse, como na carreira de Ourense. Quedaba moita carreira por diante aínda, e o único recurso era botar man do pensamento zen, e distraer a mente no posible.
Quixen motivarme pensando no que para min é o mellor momento : A baixada a Praia América, as vistas, a choiva artificial da hidrolavadora que poñen sempre os do bar... Pero este ano non houbo o plus do regadío por aspersión. Unha mágoa, pero sobrevivimos ben, pois a temperatura este ano foi perfecta, e pasamos ata Monte Lourido sen ter o vento en contra.
Xusto nesa zona tocaba outra dose de gominolas, pero coa mala sorte de que ao ir a coller a correspondente caeu ao chan. Como son dunha xeneración educada por avoas que nos ensinaban que deixar cousas de comer no chan era pecado, o meu instinto básico foi frear e parar e recollela. E no momento decateime do terrible erro, e do risco de colisión e accidente que estaba a causar ás persoas que viñan detrás.
Pedín perdón polo menos cinco veces e recuperei a marcha. Pode que perdera dez postos na xeral absoluta e dous ou tres na feminina. Pero tanto tiña. O caso era seguir. E o ritmo do pasarrúas que estaba a tocar o grupo de gaitas axudou moito no cometido.
Xusto no remate da subida, e antes de coller cara Sabarís, alí estaba
Oscar do Carma animando e sacando fotos. O suplemento vitaminico perfecto para encarar o último tercio da carreira.
Antes de pasar o cruce da Praia da Ladeira rebasoume
LúaMeiga, que ía fresca e imparable. Se mo preguntasen nese momento, eu diría que iría para podium.
Eu pola miña banda, chegada a ese punto, cos glúteos xa absolutamente fatigados, dediqueime á doble estratexia de mollar a zona todo o posible para enfriar e tonificar, e por outra banda distraer o cerebro desa sensación pensando cousas bonitas.
A verdade é que a mañá soleada e a paisaxe axudaban, pero había que subir a dose, porque xa non tiña forzas.
Entón, levando a "estratexia zen" ao extremo doume por pensar que non importaba que eu non tivera forzas porque nada era meu. É o planeta o que me regala o aire que respiro, é un número incontable de persoas as que fan posible que poida calzar unhas zapatillas, e beber auga, cargarme de glicosa e poder seguir correndo. Todo é un regalo recibido polo que dar grazas... Así, en plan Sidarta Gautama, ou Teresa de Ávila morrendo por non morrer, e cantando para os meus adentros algún estribillo motivador, fun avanzando ata que só quedaba o último kilómetro.
E diante miña vexo a Carma camiseta de
Jose, que normalmente corre máis ca min. Ou moi ben ía eu, ou moi mal ía el. Polo visto no km 11 alguén bateu con el desde atrás e tivo unha caída que o deixou mancado nunha man e un xeonllo, pero aínda así, alí seguía, mantendo o tipo ata a recta final.
Eu seguín ao meu paso, e cando por fin cheguei ao arco de meta, o cronómetro marcaba 1 hora e 56 minutos. Obxectivo cumplido e festa rachada!
Cando fun mirar os resultados á páxina de Championchip, estaba todo moi confuso. Non estaban separadas as categorías e me daban un tempo neto de 1 hora 52. ( conste que o meu Garmin asegura que fixen 21,69 km en 1 hora e 51 minutos, pero creo que hoxe ten o día de espello de Brancaneves)
Os resultados oficiais son:
Tempo neto 1:54:57 a un ritmo de 5:27
Puesto 1980 de 2853 na xeral
Puesto 209 de 514 na xeral feminina
Puesto Categoría 9 de 38 nas veteranas de máis de 55
Co dato engadido de non ter perdido postos, e de ter adiantado a 63 persoas desde o km 13 ata a meta.
A día de onte non se me pasaba pola mente chegar a este resultado.
En fin, campaña de primavera rematada con éxito, que celebramos no Lar de Ángel ( casa de comidas emblemática da favela) repoñendo sales minerais a base de navallas, ameixas, polbo e filloas caseiras con chocolate.
Non se pode pedir máis