Fri, 10 May 2024, 11:58
Post subject: IX CARREIRA POPULAR CONCELLO DE MOECHE (2 de xuño ás 11:00)
O recinto da feira, as rúas da zona urbana de Moeche e as pistas da contorna de San Ramón serán escenario o domingo 2 de xuño da novena edición da carreira popular, organizada pola Concellaría de Deportes. Unha cita clásica no calendario deportivo amador da comarca que ofrecerá a partir das 11:00h percorridos para todas as idades, desde os escasos 75 metros que correrá a rapazada máis pequena até os 6,7 quilómetros do trazado deseñado para a rolda absoluta. As inscricións na proba, coa que se pretenden fomentar os hábitos saudables, están abertas ata o 30 de maio a través da web galitiming.com, onde tamén se pode descargar o regulamento e toda a información sobre o desenvolvemento da carreira.
A IX Carreira popular de Moeche comezará co apartado de Pitufos -nenas e nenos nados nos anos 2019, 2020 e 2021- sobre unha distancia de 75 metros en liña recta na explanada da feira. A partir de aí irán dándose saídas cada dez minutos ás demais categorías, todas elas para menores de idade e con inscrición gratuíta.
Así, ás 18:10h tocaralle a Prebenxamín (anos 2017 e 2018, e 200 metros de distancia), ás 11:10h arrancará a carreira Benxamín (2015 e 2016, sobre 500 metros de percorrido) e ás 11:20h correrán en conxunto Alevíns (2013-2014), Infantís (2011-2012) e Cadetes (2007 a 2010), aínda que as dúas primeiras só deberán completar 1.000 metros e a rapazada de maior idade -dos 14 aos 17 anos- terá que cubrir unha distancia de 2 quilómetros. Esta parte da popular discorrerá polas rúas interiores do recinto feiral e tamén polas da zona urbana de San Ramón no caso das competicións de maior idade.
A proba absoluta comezará sobre as 11:45h con 6,7 quilómetros por diante e un trazado con saída e chegada tamén na feira, pero ampliado tanto ao centro urbano como a zonas dos arredores como son os lugares da Casabranca ou a Corveira. Nela poderán participar mulleres e homes encadrados na categoría Senior -persoas nacidas entre 1985 e 2006-, Veterán A -do 1975 ao 1984- e Veterán B -nadas en 1974 ou antes-, que neste caso teñen unha cota de inscrición de 5€.
Aínda que a IX Carreira popular de Moeche volverá ser unha festa do deporte ao aire libre concibida para facer exercicio e pasalo ben, deixando nun segundo plano a parte competitiva, tamén haberá premios simbólicos: toda a rapazada de Pitufos e Prebenxamíns levará medalla, quede no posto que quede, e nas demais concederanse tres trofeos e outros tantos queixos doados por Lácteos Moeche, tanto en feminino como en masculino. A organización tamén reserva premios para as dúas persoas empadroadas no concello que rexistren os mellores tempos.
Todos os aspectos organizativos e loxísticos da popular modestina poden consultarse na web galitiming.com, a través da que se deberá facer obrigatoriamente a inscrición e efectuar o pagamento dos 5€ en concepto de participación na carreira absoluta. A inscrición inclúe a cobertura do seguro, o avituallamento, duchas no pavillón municipal, o gardarroupa, o agasallo de recordo da proba que levarán todas e todos os deportistas e incluso un servizo de fisioterapia ofrecido por FisiocheBen por se alguén o precisase ao rematar a carreira. O último día para apuntarse é o xoves 30 de maio ás 23:59 horas. Por motivos organizativos estableceuse un límite de 350 persoas.
A IX Carreira popular de Moeche está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración de colectivos veciñais, da Deputación da Coruña, de Protección Civil de Valdoviño e do Xeoparque do Cabo Ortegal. Ademais de Lácteos Moeche e FisiocheBen, tamén axudan (co avituallamento) A Tenda de Iria, A Tendiña de Moeche, o Supermercado O Cruce e o Bar-tenda Toñito.
- - - - - - - - -
Información da proba no
Calendario:
Carreira Popular de Moeche