Calendario
Info da proba

Brión

11/05/2024 9:00 - 14:00
Regulamento IX Andaina Terras de Altamira, Brión
Liga Galega de sendeirismo da Federación Galega de Montañismo
Liga Ibérica de Sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada


Data: sábado, 11 de maio de 2024.
Hora: a partir das 9:00h.
Distancia: 16, 36 e 50 km.
Web: Andaina Terras de Altamira
Inscricións: Galitiming

:: Le e comenta a Andaina Terras de Altamira no foro de Andainas ::

REGULAMENTO XERAL
O Concello de Brión e a Asociación O Esquío no Piñeiro, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo, a Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, organizan a IX edición da ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA – CONCELLO DE BRIÓN o vindeiro sábado 11 de Maio de 2024 a partir das 9:00h. na Carballeira de Santa Minia (Brión). Esta andaina é unha proba oficial da Federación Galega de Montañismo (en adiante FGM) e está integrada dentro da Liga Galega de sendeirismo e da Liga Ibérica de sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (en adiante FEDME) que se desenvolverán ao longo do ano 2024.

NORMATIVA XERAL
A IX ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA – CONCELLO DE BRIÓN rexerase polas actuais regulamentacións de Seguridade Viaria do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, que establece os requisitos esixidos para a celebración de probas deportivas na vía urbana (Real Decreto 1428/2003 do 21 de novembro, publicado no BOE no 306 do 23 de decembro de 2003 sobre a ocupación da vía pública; e o Real Decreto 849/1993 do 4 de xuño de 2003, sobre a contratación do seguro de responsabilidade civil e de accidentes).

A proba estará subscrita ao seguro de responsabilidade civil do Concello de Brión. Tamén contará con un seguro de accidentes que terá as coberturas mínimas esixidas no Real Decreto 849/199 e que cubrirá os accidentes que se produzan como consecuencia directa do desenvolvemento da mesma. Quedan excluídos os casos derivados dun padecemento latente, imprudencia ou inobservancia das leis, da normativa da competición, etc. Tamén quedan excluídos os casos producidos polo desprazamento ao lugar da competición ou desde o mesmo.

A pesares destas coberturas é recomendable que as persoas que van a participar dispoñan de licenza federativa da FGM ou posúan un seguro para o suposto de calquera accidente ao longo do percorrido. Os/as menores de 18 anos deberán vir acompañados dunha persoa maior de idade e traer unha autorización do pai, nai ou titor legal do mesmo.

A organización non se fará responsable dos accidentes ou danos que poidan ocorrerlles aos participantes, pero tratará por tódolos medios de evitados.

Así mesmo a andaina contará cun servizo médico-sanitario, que constará dunha ambulancia e un médico na zona de saída/meta. Os servizos médicos e os membros da organización estarán facultados para retirar da proba a calquera participante que manifeste un mal estado físico durante o desenvolvemento da mesma.

Os únicos vehículos que poderán seguir a proba, serán os autorizados pola organización. Non está permitido o acompañamento de ningún vehículo alleo á organización; nin bicicletas, patíns ou persoas non inscritas na mesma que poidan acompañar, avituallar ou marcar ritmos aos participantes.

Sempre que situación sanitaria o permita haberá vestiarios e duchas na Piscina Municipal Cuberta de Brión, ademais todos os participantes que o desexen poden facer un uso libre das instalacións: saunas, ximnasio, piscina, etc... (imprescindible gorro de baño no caso de querer usar a piscina).

PARTICIPANTES
Nesta proba poderán participar persoas tanto federadas como non federadas que deberán completar a proba andando, nunca trotando ou correndo.

As persoas participantes deberán camiñar sempre respectando os camiños sinalizados pola organización, aqueles/as que circulen fora do espazo sinalizado consideraranse a tódolos efectos usuarios/as normais da vía.

Toda persoa que intente realizar a proba sen estar correctamente inscrita, farao baixo a súa responsabilidade e non poderá participar dos avituallamentos, obsequios ou servizos que ofrece a proba. Tampouco estará amparada polos seguros da proba.

Os/as participantes na IX ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA estarán rexidos pola conducta "fair play" e comprométense a levar durante a realización da mesma un comportamento leal e sincero ademais de correcto no deporte, en especial fraterno cara os/as demais participantes, respectuoso coa organización e correcto cos/as asistentes.

Os/as participantes poderán ser expulsados/as da proba por calquera dos seguintes motivos:
- Manipular ou modificar o dorsal entregado pola organización
- Non pasar polos controis da proba establecidos
- Non realizar o percorrido da proba completo de xeito predeterminado e malicioso
- Non atender as indicacións dos membros da organización
- Pretender participar na andaina sen terse inscrito previamente
- Cometer conductas que a xuízo da organización poidan ser consideradas como antideportivas
- Realizar a inscrición alterando os datos de forma maliciosa
- Manter unha actitude groseira, violenta, ou que en xeral atente contra o espírito deportivo

CIRCUÍTO, CONTROIS E AVITUALLAMENTOS
A recollida de dorsais poderá realizarse nos seguintes dias e horarios:
- Venres 10 de maio dende as 16:00 ata as 20:00h. na Casa da Cultura de Brión (recomendado)
- Sábado 11 de maio 7:30 h. e as 8:50 h. na Carballeira de Santa Minia.

A saída realizarase de maneira conxunta ás 9:00h. da Carballeira de Santa Minia. A partir das 9:10h., e unha vez que sala a persoa designada pola organización para cerrar a proba, non poderá tomar a saída ningunha persoa participante.

O circuíto estará convenientemente sinalizado polo que non se contempla ningunha posibilidade de perda.

Ao longo do percorrido haberá avituallamentos sólidos e líquidos, así como dúas zonas con "avituallamentos mais abundantes", co cal os participantes non terán que cargar en ningún momento con comida durante a proba. Informarase convenientemente dos puntos quilométricos onde estarán situados.

Os avituallamentos serán xenéricos a base de auga, bebidas isotónicas, froitas, barriñas enerxéticas, bocadillos, empanada, etc.. se algunha persoa ten intolerancias, alerxias, ou algún outro tipo de necesidades alimenticias deberá traer o seu propio avituallamento.

Durante o percorrido haberá unha serie de controis polos que os/as participantes deberán pasar obrigatoriamente. Estes controis serán segredos e poderán situarse en calquera punto do percorrido.

INSCRICIÓNS E PREZOS
As inscricións realizaranse a través da páxina web www.andainaterrasdealtamira.org dende o 15 de marzo ata o 7 de maio de 2024. NON SE ADMITIRAN INSCRICIÓNS FORA DO PRAZO ESTABLECIDO.

PERSOAS MAIORES DE 14 ANOS:
Establécense tres prazos para o pagamento e inscrición:
- Dende o 15 ao 31 de marzo: 15€
- Dende o 1 ao 21 de abril: 18€
- Dende o 22 de abril ao 7 de maio: 16€ (sen opción aos agasallos contidos na bolsa do sendeirista)
* O prezo verase reducido en -2€ para aqueles/as participantes que posúan licenza da FGM ou FEDME vixente durante a tempada 2024 (será necesario presentar a licenza o día da proba para a recollida presencial do dorsal).

Neste prezo inclúense:
- BOLSA DE AGASALLOS conmemorativos da proba, só para os inscritos entre o 15 de marzo e o 21 de abril (o seu contido será anunciado con suficiente antelación).
- AVITUALLAMENTOS SÓLIDOS E LÍQUIDOS.
- SERVIZOS DE: médico, ambulancia, seguro de accidentes, recollida en caso de accidente ou lesión, aparcamento de balde, etc...
- DIPLOMA con kms realizados e tempo invertido
- MEDALLA de finalista

PERSOAS MENORES DE 14 ANOS:
- Dende o 15 de marzo ao 21 de abril: 8€
- Dende o 22 de abril ao 7 de maio: 8€* (sen opción aos agasallos contidos na bolsa do sendeirista)

A realización da inscrición implica ter lido, entendido e adquirido os compromisos que a continuación se expoñen:
- Os/as participantes inscritos/as comprométense a aceptar estritamente o presente regulamento e calquera posible modificación.
- O/a participante inscrito/a declara que está en bo estado físico e ten pasado os pertinentes recoñecementos de saúde.
- Calquera persoa con problemas médicos (alerxia, atencións especiais,...) deberá facelo constar no reverso do dorsal da proba.
- O/a participante inscrito/a exime de toda responsabilidade que da participación no evento puidera derivarse, á organización, patrocinadores comerciais ou sponsors, empregados/as e demais organizadores.
- O/a participantes inscrito/a autoriza e acepta a publicación do seu nome e apelidos e a súa imaxe nas clasificacións, medios de comunicación e internet, (...) coa única finalidade de promocionar esta proba e sempre de acordo co Regulamento Europeo de Protección de Datos.

As persoas non inscritas correctamente e que tomen parte na proba a modo particular, sen ser autorizadas pola organización, non estarán amparadas polos seguros da proba.

Todos/as participantes, polo mero feito de realizar a inscrición e tomar a saída na andaina, aceptan todas e cada unha das regras do presente regulamento e no caso de dúbida ou de xurdir algunha situación non prevista no mesmo, resolverase de acordo ao que dispoña o persoal da organización e segundo as normas da FGM e da FEDME en vigor.

CANCELACIÓNS E/OU MODIFICACIÓNS
Os/as participantes que, estando correctamente inscritos/as, finalmente non poidan participar na andaina poderán optar á devolución da cota de inscrición con amaño ás seguintes indicacións:
- Ata o 31 de marzo: devolución do 75% do prezo da inscrición.
- Do 1 ao 21 de abril: devolución do 50% do prezo da inscrición.
- A partir do 22 de abril as baixas producidas non conlevarán ningún tipo de devolución.

A organización da proba reservase o dereito a modificar o presente regulamento, os horarios e percorridos, se así o estima oportuno, por razóns climatolóxicas, de seguridade ou sanitarias.

Nos casos de forza maior, alerta meteorolóxica laranxa ou cando non sexa posible a realización da mesma por motivos de esixencia da situación sanitaria, a proba será aprazada automaticamente procedendo a avisar os/as participantes coa máxima antelación e dilixencia posible a través da páxina web, correos electrónicos e redes sociais oficiais da andaina. Buscarase unha data adecuada para realizala e non se devolverá a cota de inscrición.

So no caso de suspensión definitiva da proba se procederá á devolución do 100% da cota de inscrición.

OBSERVACIÓN FINAL
Dado o espírito deportivo e popular desta andaina non se admitirán reclamacións.

ESTA ANDAINA NON É COMPETITIVA, O RETO CONSISTE EN PARTICIPAR E PROCURAR TERMINAR A PROBA.



Información actualizada a 10/5/2024.