Calendario
Info da proba

Coruña 10

24/04/2022 10:00 - 11:30
Regulamento XVI Carreira Popular Coruña 10

Data: domingo, 24 de abril de 2022 ás 10:00 h.
Web: Concello da Coruña - Coruña 10
Inscricións: Carreiras galegas

:: Comenta a Coruña 10 neste tema do foro ::



REGULAMENTO
Art. 1 - DATA
O Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo organizarán o 24 de abril de 2022 na Coruña a XVI Carreira Popular Coruña10. A proba, incluída no calendario oficial das competicións da FGA e a RFEA, disputarase a través dun circuíto totalmente urbano.

Art. 2 - HORARIO
A primeira das quendas comezará ás 10.00 a.m.

Art. 3 – CIRCUÍTO
A proba levarase a cabo sobre a distancia de 10 km. O percorrido está medido e homologado pola Real Federación Española de Atletismo e discorre sobre asfalto na súa totalidade. A ruta estará debidamente sinalizada e terá marcados todos os quilómetros.

A carreira realizarase unicamente pola vía de tráfico rodado en todo o seu percorrido.

Está prohibido usar como zona de carreira as beirarrúas, rotondas, áreas axardinadas etc.

O incumprimento desta regra, así como atallar o trazado oficial, pode implicar a descualificación das persoas infractoras.

A saída e a meta estarán na Explanada do Parrote

A organización poderá modificar o percorrido por causas alleas e/ou de forza maior.

ART. 4 - CONTROL TÉCNICO DA CARREIRA
A carreira estará controlada polo Comité Nacional de Xuíces da RFEA e o Comité Galego de Xuíces da FGA.

Art. 5 – SISTEMA DE CRONOMETRAXE
O control da carreira estará dirixido polo Comité Galego de Xuíces e da RFEA. Todas as reclamacións deberánselle facer verbalmente ao Xuíz Árbitro da proba ata 30 minutos despois da publicación dos resultados.

A cronometraxe realizarase mediante o sistema de chips. Haberá varios puntos de control de chips ao longo de todo o percorrido. As persoas participantes que non cumpran co paso por todos os puntos poderán ser descualificadas coa consecuente non aparición nos resultados finais.

Art. 6 - UTILIZACIÓN DE DORSAIS E CHIPS
Os dorsais con chips integrados, persoais e intransferibles son exclusivos desta carreira e deben colocarse na parte frontal do corpo de maneira totalmente visible, sen ocultar e sen manipulacións, manténdoos así durante toda a proba.

Os dorsais contarán cun código QR a través do cal as persoas que cheguen á meta (finishers) poderán consultar os seus rexistros de forma instantánea.

A organización non admitirá persoas corredoras que non estean rexistradas ou que corran sen dorsal e/ou chip, e impediralles ter acceso á carreira en defensa dos dereitos daquelas regulamentariamente rexistradas. Non se permitirá a participación co dorsal e o chip correspondente a outra carreira ou persoa, con máis dun dorsal e/ou chip, dorsal falsificado ou outro que non sexa o oficial.

Calquera infracción destas regras implicará a descualificación das persoas afectadas na proba. A organización resérvase o dereito de excluílas da participación en futuros eventos.

Art. 7 – UTILIZACIÓN DE MEDIOS FÍSICOS NATURAIS
As persoas participantes terán que competir cos seus propios medios físicos naturais, sen axudas materiais de ningún tipo, coa única excepción das persoas corredoras en cadeira de rodas debidamente rexistradas e que cumpran as normas do World Para Athletics. Calquera dúbida a respecto diso deberá ser consultada coa organización antes de facer a inscrición a través do correo electrónico secretaria@atletismo.gal.

Non está permitido o acompañamento en ningún momento da proba por ningún vehículo alleo á organización, nin bicicletas, patíns ou persoas non rexistradas na proba que poidan acompañar, avituallar ou marcarlles ritmos ás persoas participantes.

Ao mesmo tempo, non se permite a participación con coches ou cadeiras de bebés, nin correr acompañados destes en ningún momento, así como tampouco está permitida a participación con animais, nin correr acompañados destes en ningún momento, coa única excepción dos carros de running *.

*A participación con carro de running deberá estar xustificada unicamente para levar unha persoa con discapacidade motora grave (que non lle permita á persoa con discapacidade trasladarse polos seus propios medios físicos), entendendo nestes casos como participante sempre á persoa que empurra o carro (dentro da categoría que lle corresponda), e non á persoa que vai no carro.

Igualmente, será obrigatorio acreditar a discapacidade da persoa que vai no carro, enviando copia da tarxeta acreditativa da discapacidade á organización, de forma que quede acreditado o envío, ao correo electrónico secretaria@atletismo.gal. A inscrición desta persoa, que irá con dorsal sen chip, será gratuíta. Para iso deberán contactar coa organización a través do correo electrónico secretaria@atletismo.gal.

Calquera infracción destas características poderá supoñer a descualificación da persoa participante.

Art. 8 - DESCUALIFICACIÓNS
Os membros da organización resérvanse a facultade de retirar da proba ao/a atleta que manifeste un mal estado físico, que non lle facilite á organización a documentación que se lle requira, aos/as participantes que non respecten as indicacións da Policía Local, Protección Civil, xurado, servizos médicos ou membros da organización debidamente identificados.

Os/as xuíces/xuízas da proba terán a facultade de descualificar ao/a infractor/a que non leve visible o seu dorsal, que o manipule e/ou ceda a outro, altere os datos facilitados á organización con respecto aos que figuren no seu DNI ou ficha federativa, non complete o percorrido, ou incumpra calquera outra norma contemplada nas normas da FGA, RFEA, WA e IPC.

As persoas corredoras descualificadas non terán opción a premios nin trofeos.

Art. 9 - PECHE DE CONTROL DA CARREIRA
O tempo de realización máxima da carreira será de 1 hora e 30 minutos.

Ao cumprirse este tempo, todas as persoas que aínda continúen no circuíto deberán retirarse e trasladarse á zona peonil. Consideraráselles “fóra de carreira” e non figurarán nas clasificacións.

Se deciden continuar, estarán a facelo baixo a súa exclusiva responsabilidade, debendo cumprir en todo momento coa normativa de tráfico e seguridade viaria.

CATEGORÍAS E INSCRICIÓN
Art. 10 - CATEGORÍAS
- Sub 20, nados/as en 2003 e 2004
- Sub 23, nados/as en 2000, 2001 e 2002
- Sénior, nados/as desde 1999 ata os 34 anos
- Máster 1: De 35 a 39 anos cumpridos o día da proba
- Máster 2: De 40 a 44 anos cumpridos o día da proba
- Máster 3: De 45 a 49 anos cumpridos o día da proba
- Máster 4: De 50 a 54 anos cumpridos o día da proba
- Máster 5: De 55 a 59 anos cumpridos o día da proba
- Máster 6: De 60 a 64 anos cumpridos o día da proba
- Máster 7: A partir de 65 anos cumpridos o día da proba

- Atletas con discapacidade*: nados/as en 2004 e anos anteriores
*Atletas con discapacidade: Establécense tres categorías para atletas con discapacidade:
A) Atletas en cadeira de rodas que non teñan mecanismos nin engrenaxes que axuden á impulsión das mesmas. Tan só está permitido o impulso cos brazos sobre o aro adherido á roda. Non se permite handbike.
B ) Discapacidades visuais
C) Discapacidades intelectuais

No momento da inscrición deben comunicar esta circunstancia á organización, así como se desexan entrar na clasificación de atletas con discapacidade. No caso de non indicalo figurarán na táboa xeral de tempos.

Para acreditar a pertenza a algunha destas categorías hai que enviarlle unha copia da tarxeta acreditativa de discapacidade á organización, de forma que quede acreditado o envío, ao correo electrónico secretaria@atletismo.gal.

As persoas participantes con discapacidade visual ou intelectual farán constar os apoios que necesitan para participar na carreira nas mellores condicións posibles. Permitirase un máximo de 2 guías para os e as atletas con discapacidade visual. O uso de guías ou, no caso de participantes con discapacidade intelectual de atletas de apoio, debe comunicárselle con antelación á Federación Galega de Atletismo, así como o punto quilométrico exacto onde se van situar os guías das persoas corredoras con discapacidade visual para facer a remuda.

A participación das persoas guías e das persoas de apoio, que irán sen chip, será de balde, para o que deberán contactar coa organización a través do correo electrónico secretaria@atletismo.gal.

Para optar a trofeo na categoría de atletas con discapacidade é necesario inscribirse nesa categoría.

Art. 11 – INSCRICIÓN E COTA
Nesta edición e atendendo ás limitacións que establece o Protocolo de prevención COVID-19.

a) A inscrición en liña realizarase a través da pasarela de pagamento inserida na páxina web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com. Estará operativa desde a publicación de este regulamento, ata o 17 de abril de 2022.

b ) Cota e prazos de inscrición:
• Prazo reducido : ata o 10 de abril: 6 €
• Prazo ordinario: ata o 17 de abril: 10 €
Por razóns organizativas de recursos técnicos e humanos, así como pola calidade do servizo, é aconsellable que as persoas participantes formalicen a súa inscrición dentro dos prazos indicados.
• Prazo extraordinario : 18 e 19 de abril: 20 €.

Ás persoas que se inscriban no prazo extraordinario non se lles garantirá a entrega dunha camiseta xa que a produción das mesmas débese facer coa antelación suficiente.

A organización non aceptará ningún tipo de inscrición posterior a este prazo.

Art. 12 - DEVOLUCIÓN DA COTA
Só se devolverá a tarifa de inscrición en caso de lesión e /ou enfermidade grave, se se presenta un informe médico na Federación Galega de Atletismo (Avenida de Glasgow, 13 Edificio Federacións. 15008, A Coruña / info@carreirasgalegas.com).

Se non se envía o informe mencionado anteriormente, non se realizará ningún reembolso. Para outros casos xustificados a organización avaliará se se devolve a cota.

O prazo para presentar o informe médico na FGA terminará o venres anterior á carreira ás 12.00 horas.

SERVIZOS A PARTICIPANTES
Art. 13 - ENTREGA DE DORSAIS E CAMISETAS
Informarase ás persoas inscritas da hora de recollida de dorsais e camisetas. Entregaranse o venres e sábado previos á proba, no Corte Inglés de A Coruña (Rúa Ramón y Cajal, 57 e 59) e excepcionalmente o día da competición.

A organización non pode garantir o talle, xa que o pedido de camisetas realízase con anterioridade ao peche de inscricións.

Para a recollida do dorsal e a camiseta é imprescindible a entrega da documentación que dite o protocolo COVID-19 do/a participante que figurará no formulario de inscrición. No caso de non ser presentada, o dorsal non se entregará.

Art. 14 – CAIXÓNS DE SAÍDA
Os caixóns de saída estableceranse en función da inscrición final e segundo as marcas acreditadas polos participantes na inscrición, que será publicada na páxina web da organización. Os agrupamentos e número de caixóns estableceranse en función das limitacións que existan nese momento para cumprir coas normas sanitarias e de seguridade vixentes, que seguirán o protocolo antiCOVID-19 marcado para a data da celebración da proba.

As persoas participantes deberán colocarse na zona acoutada que lles corresponda segundo el caixón que se lles asigne.

Art. 15 – ASEOS
Haberá servizos químicos (WC) nas inmediacións da zona de saída/meta e nunha zona próxima ao avituallamento intermedio.

Art. 16 – DUCHAS E GARDARROUPA
As localizacións e servizos ao participantes estarán condicionados pola especial situación derivada polo COVID 19 no momento de realización da proba. Podendo ser cancelados ou reducidos tanto en número de usuarios como de horarios establecidos. Para eles os/ as atletas serán debidamente informados de localizacións e horarios establecidos para os servizos.

Art. 17 – AVITUALLAMENTOS E RECOLLIDA SELECTIVA DE RESIDUOS
Establecerase un punto de avituallamento durante o percorrido e outro na liña de meta para favorecer a hidratación das persoas participantes. Calquera avituallamento fóra da zona marcada pode supoñer a descualificación da proba.

Ademais, poñeranse ao dispor dos/as corredores/as colectores suficientes para a recollida selectiva de residuos e que son de uso obrigatorio, polo que a non utilización destes por parte dos/as atletas poderá supoñer a descualificación.

Art. 18 - SERVIZOS MÉDICOS
A proba dispoñerá dos servizos médicos recomendados pola RFEA e de acordo coa lexislación vixente.
A organización dispoñerá dunha póliza de seguro de responsabilidade civil segundo a lexislación vixente. Todas as persoas rexistradas estarán cubertas por unha póliza de seguros de accidentes segundo o Real Decreto 849/1993, do 4 de xuño, que determina as prestacións mínimas do Seguro Obrigatorio Deportivo.

Recomendámoslles a todas as persoas participantes que cubran a parte posterior do dorsal, indicando os datos de nome, apelidos, datos médicos de interese (grupo sanguíneo, alerxias, enfermidades crónicas, se está baixo algún tratamento específico etc.) así como teléfono/s e contacto/s en caso de emerxencia.

Art. 19 – CLASIFICACIÓNS
Publicaranse nas páxinas web do Concello da Coruña e FGA. Non haberá exposición física das listaxes de resultados.

PREMIOS E TROFEOS
Art. 20 – PREMIOS ECONÓMICOS
Xeral:
POSTO PREMIO CONDICIÓN*
HOMES MULLERES
1.º 1000 € Realizar 30:00 ou menos Realizar 34:00 ou menos
2.º 700 € Realizar 30:00 ou menos Realizar 34:00 ou menos
3.º 500 € Realizar 30:00 ou menos Realizar 34:00 ou menos
4.º 350 € Realizar 30:00 ou menos Realizar 34:00 ou menos
5.º 250 € Realizar 30:00 ou menos Realizar 34:00 ou menos
* No caso de non cumprir esta condición, aplicarase unha rebaixa do 50 %.

Atletas con nacionalidade española (premio non acumulable) (1):
POSTO PREMIO CONDICIÓN*
HOMES MULLERES
1º Español/a 400 € Realizar 31:00 ou menos Realizar 35:00 ou menos
2º Español/a 250 € Realizar 31:00 ou menos Realizar 35:00 ou menos
3º Español/a 150 € Realizar 31:00 ou menos Realizar 35:00 ou menos
* No caso de non cumprir esta condición, aplicarase unha rebaixa do 50 %.

(1) Considerarase atleta de nacionalidade española quen presente o correspondente DNI.

Atletas galegas/os (premio non acumulable) (2):
POSTO PREMIO CONDICIÓN*
HOMES MULLERES
1º Galego/a 400 € Realizar 32:00 ou menos Realizar 37:00 ou menos
2º Galego/a 250 € Realizar 32:00 ou menos Realizar 37:00 ou menos
3º Galego/a 150 € Realizar 32:00 ou menos Realizar 37:00 ou menos
* No caso de non cumprir esta condición, aplicarase unha rebaixa do 50 %.

(2) Consideraranse atletas galegos/as os/as empadroados/as ou nados nalgún Concello de Galicia. Para poder recibir o premio, os/as atletas galegos/as premiados/as deberán remitir o seu certificado de empadroamento ou documentación que acredite o lugar de nacemento á dirección de correo electrónico secretaria@atletismo.gal

Atletas coruñesa/és (premio non acumulable) (3):
POSTO PREMIO CONDICIÓN*
HOMES MULLERES
1º Coruñés/a 200 € Realizar 35:00 ou menos Realizar 40:00 ou menos
2º Coruñés/a 150 € Realizar 35:00 ou menos Realizar 40:00 ou menos
3º Coruñés/a 100 € Realizar 35:00 ou menos Realizar 40:00 ou menos
* No caso de non cumprir esta condición, aplicarase unha rebaixa do 50 %.

(3) Consideraranse atletas coruñeses/as os/as empadroados/as ou nados no Concello da Coruña. Para poder recibir o premio, os/as atletas coruñeses/as premiados/as deberán remitir o seu certificado de empadroamento ou documentación que acredite o lugar de nacemento á dirección de correo electrónico secretaria@atletismo.gal

Premio especial récord da proba (premio acumulable):
O/a atleta que gañe a carreira e que bata o récord da proba tanto na categoría masculina (28´09") como na feminina (31´40") obterá un premio de 1.000 €

NORMAS RELATIVAS A TODOS OS PREMIOS
Os premios en metálico non serán acumulables, con excepción do récord da proba.
En caso de duplicidade, aboarase a contía máis alta. Para poder recoller os premios será necesario xustificar documentalmente o ano de nacemento das persoas participantes, por medio do DNI as españolas, ou do documento legal en vigor (pasaporte) as estranxeiras. Todos os premios estarán suxeitos ás retencións legais vixentes.

Co obxecto de poder revisar as condicións estipuladas e atender a calquera posible reclamación, a organización resérvase a posibilidade de entregar os premios en metálico a partir do luns seguinte á data da competición. No caso de realizarse un control de dopaxe, os premios económicos quedarán retidos ata a súa resolución oficial.

Art. 21 – ENTREGA DE TROFEOS
Outorgaránselles os trofeos no palco da entrega de premios ás tres primeiras persoas clasificadas de cada unha das categorías indicadas no artigo 10.

Informarase do horario da entrega de trofeos a través da web oficial www.coruna.gal/carreraspopulares.

As/os atletas deberán situarse na zona próxima á entrega de trofeos no momento no que pola megafonía se faga o anuncio do seu comezo, así como estar pendentes da chamada a cada unha das categorías.

Con carácter xeral, as/os atletas que non se presenten no momento da entrega do seu trofeo, perderán o dereito a recollelo.

Exclusivamente poderán subir ao podio as persoas nomeadas. Non se lle entregará o trofeo a ninguén que non sexa a/o propia/o atleta.

Agradecémoslles ás persoas responsables dos clubs que teñan constancia de que a/o atleta non está presente que o comuniquen na zona do palco de entrega de trofeos o antes posible para evitar esperas innecesarias.

Aquelas persoas que poidan alegar unha causa xustificada pola súa ausencia no momento da entrega deberanse poñer en contacto co Servizo Municipal de Deportes, durante un prazo máximo de 15 días, onde se custodiarán os trofeos non recollidos. Se non se recollen no prazo sinalado, entenderase que renuncian a este.

RESPONSABILIDADE E PROTECCIÓN DE DATOS
Art. 22 – RESPONSABILIDADE
A organización non se fai responsable dos danos que puidesen sufrir as persoas participantes por imprudencias ou descoidos delas mesmas.
O/a participante declara, baixo a súa responsabilidade, que realizou o oportuno recoñecemento médico que lle permite estar en condicións óptimas para realizar a proba, e exime á organización da devandita responsabilidade.

A organización dispón dun Seguro de Accidentes e Responsabilidade Civil que cubrirá os incidentes inherentes á proba.

Art. 23 – LOPD
Todas as persoas corredoras ao realizar a inscrición aceptan a publicación do seu nome e imaxe nas clasificacións, medios de comunicación e/ou internet. Mediante a inscrición, o/a participante consente expresamente que os seus datos sexan utilizados polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo para comunicacións sobre as súas actividades.

En todo caso, de conformidade co establecido polo artigo 5 da LOPD, infórmase de que os datos de carácter persoal declarados pasarán a formar parte de:

a) O ficheiro denominado INSTALACIÓNS DEPORTIVAS, do que o responsable do tratamento será o Concello da Coruña, dos que as finalidades e usos previstos serán os seguintes:
xestión centralizada das instalacións deportivas municipais, das actividades impartidas nelas e do uso de instalacións. Todas as persoas participantes ao realizaren a inscrición aceptan a publicación do seu nome e imaxe nas clasificacións, medios de comunicación e/ou internet.
Autorízase a tomar imaxes sempre que se utilicen para a promoción e difusión das devanditas actividades, así como á utilización do móbil e correo electrónico como forma de aviso e comunicación por parte do Servizo Municipal de Deportes. Os dereitos de acceso,
rectificación, cancelación e oposición aos datos persoais rexistrados neste ficheiro poderanse exercer ante Rexistro Xeral do Concello da Coruña (Pza. María Pita, 1) nos termos establecidos nos artigos 15, 16 e 17 da LOPD.

b ) O ficheiro denominado ATLETAS, do que o responsable do tratamento será a Federación Galega de Atletismo, e cuxa finalidade será a relación de atletas federados/as na competicións oficiais, elaboración de clasificación e estatísticas.

Esta proba pertence ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e da Real Federación Española de Atletismo e mediante a súa inscrición, as persoas corredoras consenten expresamente que os seus datos básicos (nome, apelidos, NIF/ NIE/pasaporte, data de nacemento, sexo e código postal de residencia), sexan enviados á Real Federación Española de Atletismo para a xestión das licenzas de día, resultados e clasificación. A posesión da licenza garante que o/a corredor/a participa cuberto/a por un seguro de
responsabilidade civil e de accidentes.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición aos datos persoais rexistrados neste ficheiro poderanse exercer ante a Federación Galega de Atletismo (Avda. Glasgow s/n. Complexo Deportivo de Elviña), nos termos establecidos nos artigos 15, 16 e 17 da LOPD.

Art. 24 – COMPROMISO
A inscrición na carreira implica a plena aceptación do presente regulamento.

CONSIDERACIÓN FINAL
A organización resérvase o dereito de realizar algún cambio no presente regulamento se así o considerase, e deberá comunicalo na web e na información ás persoas participantes. En todo caso, e por interese deportivo, a organización reservase o dereito de convidar a atletas concretos, mulleres ou homes con marcas ou traxectoria deportiva que poidan aumentar a calidade da carreira.

Todo o non reflectido no presente regulamento rexerase polas normas da FGA, RFEA, WA e ICP.

O/a participante comprométese a aceptar que ten lido, entendido e aceptado o cumprimento do protocolo de prevención da COVID-19 desta proba, colaborando en todo o posible coa Organización.

O protocolo será actualizado en función das restricións e limitacións vixentes no momento da celebración da proba decretadas por parte das autoridades sanitarias competentes.

:: Comenta a Coruña 10 neste tema do foro ::

Información actualizada a 23/3/2022